XORNAL.COM I A Coruña.- Atopar unha novela en galego no medio da enxurrada de novidades que trae cada Nadal non sempre é doado. Moitas veces, Xurxo Borrazás cae diante de Saramago no tirapuxa polo escaparate. Outras veces, como no caso das librarías especializadas en lingua galega, é todo o contrario. Visitamos algúns dos principais puntos de venda nas cidades na procura do libro galego.
Vigo
Nada máis entrar na Casa do Libro, á man dereita, asoma a literatura en galego. Nun recanto reúnense as novidades de ficción, aínda que logo cada sección combina os títulos en castelán e en galego. En Librouro, a entrada non é tan inmediata. A planta baixa está dedicada á literatura infantil e xuvenil, e non é até que subimos á primeira planta que nos atopamos o libro en galego. De feito, na área de
libros de
El Corte Inglés é máis doado tropezar cos novos títulos das editoras do país. Xusto ao lado da caixa, nun dos lugares máis transitados do departamento, están as novidades de autores galegos. Con todo, ningún dos tres establecementos ten promocións específicas nestes títulos.
A Coruña
A presenza da literatura en galego nas librarías coruñesas é maior do que cabería esperar. Arenas é o único dos negocios de referencia consultados que non ten
libros no noso idioma no seu escaparate. Adoitan estar clasificados por editoriais e cun estante para as novidades, coma é o caso da
FNAC, que engade ademais as traducións ao galego dos best-sellers nos lugares de máis visibilidade. Lume aposta concienciudamente pola lingua do país, ao colocar o máis resaltado dos
libros en galego na entrada. O seu catálogo de literatura infantil é inmenso e as revistas tamén teñen o seu espazo ao lado da porta. Se se buscan clásicos e volumes especializados en áreas de Humanidades, Xiada é a opción máis recomendábel.
Santiago de Compostela
As librarías de Compostela adoitan clasificar os
libros escritos en galego nun departamento único, sen distincións. É o caso de Universitas ou Abraxas, que lles reservan unha soa estantería, mesturando novela con poesía ou ensaio. Porén, unha das máis grandes, Follas Novas, opta por situalos no mesmo andar que os idiomas estranxeiros.
Todas as librarías reservan un pequeno espazo para estes
libros nos seus escaparates, entre os que destacan o último de
Manuel Rivas ou o de Manuel Lourenzo, gañador do Premio
Xerais de novela. O contrapunto pono a librería Couceiro, coa maioría das obras na lingua do país e en todas as temáticas.
Pontevedra
As dúas librarías máis coñecidas e solicitadas da cidade son Michelena e Escolma. Na primeira, dous escaparates na entrada exhiben uns 200
libros. Todos moi visíbeis, como no interior, onde se poden atopar obras en varios idiomas. Fóra de novelas e guías especializadas, os títulos en galego que están máis á vista son os recomendados nos institutos. Só once dos 200 están en galego, e hai outros cinco sobre temas galegos pero escritos en castelán.
En Escolma os
libros en galego son máis didácticos, case todos de xeografía e foto. Non están moi á vista, exceptuando no escaparate de entrada, aínda que en menor número, pois cinco exemplares en galego teñen que competir fronte a máis de 150 en castelán.
Lugo
O libro en galego volve a vender e recupérase en Lugo. Esta é a síntese da mensaxe que traslada un dos empregados da libraría Trama, a máis importante da cidade para o libro galego. Non é preciso camiñar demasiado para atopar obras de
Manuel Rivas, como o recente A corpo aberto, ou o último premio
Xerais, O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González.Dos 28.000 volumes do fondo bibliográfico do establecemento, cinco mil están escritos en galego. Xa noutra emblemática libraría de Lugo, en pleno centro, a Balmes, confesan que o que máis vende son clásicos como Castelao ou Rosalía de Castro. Con todo, contan con andeis específicos para os
libros nesta lingua.