Os editores demandan máis visibilidade para o produto galego nas librarías

Os responsábeis de Xerais e Galaxia discrepan co diagnóstico dos libreiros que pensan que este Nadal non hai apostas fortes nin autores consagrados en lingua galega. Cren que comparar mercados tan dispares leva á confusión e exixen unha maior promoción dos seus títulos
Xornal.com - clásica Actualizado 23/12/2008 - 00:48 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Iago Martínez / XORNAL.COM I A Coruña.- Todas as cautelas son poucas cando se comparan mercados tan dispares como o do libro en castelán e o do libro en galego. Que son os títulos das grandes editoriais españolas os que mandan nos andeis das librarías galegas, como explicaba Xornal de Galicia o pasado domingo, é irrefutábel. Que iso responda á escasa calidade das obras ou a unha deficiente estratexia de promoción, sen grandes reclamos este Nadal, é discutíbel. As dúas principais editoras do país, Xerais e Galaxia, non tardaron en reaccionar ao diagnóstico dos libreiros.
“É posíbel que este sexa un ano máis convencional ca outros”, recoñece Manuel Bragado, director de Xerais. “Non hai lanzamentos de Manuel Rivas ou Suso de Toro en narrativa, pero hai outros e moi interesantes. Que un libro como De provincia a nación, o Premio Nacional de Ensaio de Justo Beramendi, que custa 50 euros, leve vendidos case 2.500 exemplares en semanas é un dato máis que satisfactorio”.

Sen ánimo de polemizar con libreiros como Xurxo Patiño, de Librouro (Vigo), ou Pablo Couceiro, de Couceiro (Santiago), para os que certas traducións “chegan tarde”, cando os lectores interesados xa pasaron pola versión castelá”, Bragado insiste en que esta xeira de 2008 trouxo, talvez, “a mellor oferta de tradución da historia do libro en Galicia”. Refírese aos títulos que Xerais, Galaxia, Faktoría K ou Rinoceronte, entre outras, están a poñer no mercado, moitas veces adiantándose á tradución española.

Saber por que o lector prefire comprar o último Paul Auster en Anagrama e non en Galaxia é complexo. Determinar por que o cliente atopa primeiro o exemplar en castelán, non tanto. Se nalgo coinciden totalmente Bragado e Víctor Freixanes, director de Galaxia, é na percepción de que a presenza do produto galego nas librarías é mellorábel.

“Co libro galego hai que ter unha posición activa”, demanda Freixanes. “Hoxe, obxectivamente, e salvando as distancias, estamos á altura de moitos outros países do mundo no que respecta á produción literaria. Outra cousa é a distribución, a comercialización e a difusión do produto. Aí temos moito por facer e témolo que facer nós, non a administración. O futuro está en internet, pero libreiros e editores temos que estar xuntos neste labor”.

Para Bragado, as cifras con elocuentes. Se o libro galego representa o 19 por cento da facturación das librarías, a visibilidade do produto debera ser cando menos proporcional. “Mentiría se digo que estou satisfeito”, conclúe.

En realidade, tamén Freixanes recoñece que non hai dúas xeiras iguais e que talvez este ano haxa títulos menos accesíbeis nos escaparates. Os premios e a crítica marcan a tendencia durante todo o ano e acaban por determinar que títulos chegan nos primeiros postos a ollos do cliente.
Con todo, tanto un como o outro demandan un maior compromiso dos libreiros e, sobre todo, sentido da proporción. Galicia ten 2,7 millóns de persoas, non todas alfabetizadas en galego, e unha estrutura poboacional moi avellentada. Compararse con mercados xigantescos, veñen a dicir, só pode contribuír a alimentar a frustración.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad