Redacción /
XORNAL.COM I A Coruña.- Cando se cumpren seis anos da morte de Manfred Gnädinger, aquel anacoreta alemán que fixo da Costa da Morte a súa casa e a súa obra, garántese á fin a conservación da súa memoria e do seu legado. A constitución da Fundación Man, que se fixo efectiva onte no Concello de Camariñas, sete meses despois de que se aprobasen en pleno os seus estatutos, vén a saldar unha débeda co artista e a frear o deterioro da súa herdanza.
Fornecida cun padroado no que estarán presentes catro administracións Concello de Camariñas, Deputación provincial da Coruña,
Xunta de Galicia e Estado central e outros seis representantes de distintos sectores económicos, sociais e culturais, a institución terá a súa sé no propio centro sociocultural Casa de Man, en Camelle. Ocuparase basicamente de xestionar, manter e promover o legado de Manfred Gnädinger, que se atopa en malas condicións de conservación e sen protección fronte aos vándalos e a propia erosión do mar.
O padroado da fundación, que estará presidido polo alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, estará integrado por Mercedes Martín (vicepresidenta),
Dolores Rodríguez Sánchez (secretaria) e Luis Suárez Pérez e Virtudes Rodríguez (vogais). Está previsto, e así se recolle nos estatutos, que co tempo se poida ampliar a nómina de membros.
A constitución desta ferramenta imprescindíbel para a conservación da obra e a memoria do alemán de Camelle chega seis anos despois da morte do seu protagonista. Nacido o 27 de xaneiro de 1936 en Alemaña, residía dende os primeiros anos sesenta nesta zona da Costa da Morte. Sexa ou non certo, na memoria colectiva dos galegos, na que Manfred tiña un lugar reservado, quedou para a posteridade que a causa do seu falecemento foi a profunda mágoa que o invadiu cando comprobou os estragos que o verquido do Prestige causara na súa obra, tan inseparábel da natureza como da acción inapelábel do medio ambiente.
En realidade, o alemán de Camelle xa tiña o seu propio museo, porque o que arrodeaba a súa casa nunca foi outra cousa. Tratábase dun singular espazo ao aire libre, no que Manfred fora creando o seu particular universo. Un museo que funcionou durante corenta anos sen subvencións. Pedíalle a cada visitante que trazase un debuxo nun pequeno caderno, cada páxina separada da outra con papel carbón. A súa arela, recoñecía ás veces, era sumar e sumar debuxos até poder construír un rañaceos coa alma de cada persoa que deixaba a súa pegada.
Excentricidade ou land art
Excéntrica para uns e un dignísimo exercicio de land art para outros, a obra do alemán foise apropiando da contorna como a propia natureza se apropia do espazo, nun ciclo contínuo que o envolve todo. Así foi até que o Prestige o tinguiu todo de negro e, pouco despois, o artista falecía.
Onte fíxose xustiza. Ás doce do mediodía, na Casa de Pedra, facíase á fin efectiva a constitución da Fundación Man coa presenza da notaria de Vimianzo, as autoridades locais e Antón Castro, subdirector xeral de Patrimonio do Ministerio de Cultura; Caridad González, responsábel de Cultura da Diputación; e Sandra Insua Rial, alcaldesa en funcións, amais dun representante do goberno autonómico das Illas Baleares, moi comprometido dende o principio con este proxecto.