Sábado, 20 de marzo de 2010 - 18:32 h

Marta Souto: “Soño con ver un Galiza-Portugal”

A directora xeral para o Deporte é a organizadora dos partidos das seleccións galegas.
Xornal.com - clásica Actualizado 29/12/2008 - 00:01 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Noela Rey / X. Calviño. / XORNAL.COM I A Coruña.- Marta Souto (Vigo, 1964) é a organizadora dos partidos das seleccións galegas. Ámbolos dous encontros de fútbol remataron con vitoria. A xestora do deporte de Galicia dende o 2007 repasa a súa etapa a tres meses das eleccións autonómicas.

-As eleccións son en marzo. Do ano e medio que leva á fronte do deporte galego, cal é o seu balance?

-É un balance positivo pero sabendo tamén que queda moito camiño por continuar. Había necesidade de iniciar unha política deportiva neste país, por primeira vez en Galiza, e camiñar cara un deporte de todos e para todos. E sobreto todo con ese obxectivo de que o deporte feminino teña o lugar que merece polos éxitos, polo traballo e polo dobre esforzo que teñen que facer as mulleres. Algo que me gustaría é que se vise a importancia que ten o deporte para a sociedade.

-De todo este tempo, de que se sente máis orgullosa?

-Eu o que me sinto é afortunada de ter aprendido tanto, coñecer tanta xente e de que se me dese esta oportunidade de traballar para o deporte e a través do deporte para o meu país. Estou orgullosa de que o nome de Galiza sexa un referente deportivo non só no ámbito estatal senón tamén no internacional. Isto é así polo traballo que están facendo os deportistas, os clubs e as federacións, non tanto polo mérito desta directora xeral nin de ningún director xeral que houbese. Pero en global, o mellor é que se está vendo esa importancia de que o deporte non só é como quedou o Real Madrid contra o Barça ou que pasou na carreira de Fernando Alonso, senón que teñamos referentes como Javi Gómez Noya, Perucho, David Cal, Teresa Portela, Pilar Neira ou Begoña Fernández.

Tivo que renunciar a moitas cousas da vida privada por este cargo?
Algunhas si. Intentas compaxinar, intentas facer malabares. Pero con vontade, os malabares pódense facer.

-E que lle dixo súa nai cando a nomearon directora xeral?

-Que qué raios facía meténdome nisto. Pero eu tiña a resposta clara. Ela tamén está vendo que desfruto, aínda que sabe que estás liada. Conto coa xente da miña casa, que é a que me entende e me anima. Dende logo hai unha cousa que teño clara, que si hai dúas persoas ás que lles debo estar aquí son a conselleira Ánxela Bugallo, o tenente de alcalde de Vigo Santiago Domínguez e, dende logo, o apoio do BNG.

-E gustaríalle repetir?

-Primeiro, ten que falar o pobo. Logo que o Bloque continúe coa xestión do deporte galego. Eu estou encantada e ilusionada. Sempre vivín dende dentro o mundo do deporte e é un privilexio estar como directora xeral traballando para o meu país. Isto é o máis importante para min.

-Pero estes últimos días pasaríao mal coas negativas de chilenos e vascas de xogar contra as seleccións galegas.

-Houbo preocupación pola situación de indefinición, pero tiñamos un plan B ao que agarrarnos. Fomos prácticos e viñeron Irán e Illes Balears.

-Cal é a selección que lle gustaría que xogase contra a galega?

-Portugal. O meu soño é ver un Galiza-Portugal. Recordo, ademais, nun Celta-Benfica, o cheo que estaba Balaídos. Cánta xente veu de Portugal, cómo se viviu ese partido, cantando todos ao mesmo tempo. Un Galiza-Portugal sería para min unha marabilla.

-E un Galiza-Brasil?

-A min pregúntasme e eu digo que un Galiza-Portugal. Logo de Portugal, xa veremos. Porque tamén son realista. Se Portugal está difícil, imaxina Brasil, sobre todo por termos económicos.

Quizais, agora que xa está a selección asentada, o seguinte paso é ir a Arxentina, Venezuela... países onde hai moitos galegos.

-Gustaríame que puideramos dar ese salto, pero aínda temos a necesidade de que poidamos xogar non só en Nadal, senón tamén noutras datas, e que se nos permita a seleccións de nacións sen estado poder xogar en datas FIFA. Estamos loitando por ter a nosa representación oficial e artellar as nosas propias posibilidades de desfrutar partidos. Eso sería esa idea de dicir “nós tamén somos nación e queremos e estamos loitando pola oficialidade das nosas seleccións”.

-Iso, neste momento, é viable?

-Temos que facer o posible para facelo viable. O que temos que ver é que non estamos indo en contra de ninguén, senón que queremos ter o noso espazo, as nosas posibilidades de competir.

-Falamos de que poida existir, por exemplo, un España-Galiza de fútbol, como hai un Escocia-Inglaterra?

-Son situacións distintas. Aquí ten moito que ver a Federación Española, e tanto a ela como á FIFA aínda lles queda camiño para aceptar a nosa oficialiade.

-E nun España-Portugal, vostede con quen vai?

-Con Portugal. É que eu teño ido xa a Portugal a ver partidos da selección. Pero, vaia, que tampouco me preocupa que gañe España. Ademais, é unha cuestión da miña familia: onde estea o fútbol portugués e Portugal, son benqueridos.

-Dixo Nacho Novo en Xornal de Galicia que Galiza podería ter posibilidades nun Mundial, está de acordo?

-Vou responder con outra situación. Se Galiza fose aos Xogos Olímpicos, de por si, como unha nación, mira onde estariamos. Teriamos dúas medallas de ouro, dúas de prata, dous diplomas olímpicos en tríatlon, outros dous en piragüismo, un diploma en baloncesto feminino. É dicir, levamos 12 deportistas e eses son os logros. Somos unha potencia. En fútbol, estamos vendo que hoxe poderiamos chegar a ter un papel máis que digno, eu diría que relevante. Digno xa é todo o que leva o nome de Galiza.

-O fútbol galego de Segunda B está molesto coa TVG porque o ente público non paga os dereitos de emisión.

-Nós mediamos e dende a Consellaría de Cultura e Deporte se falou coa televisión. Cara este novo ano agardo algunha posibilidade de que o fútbol de Segunda División B, dado que temos moitos derbis, poida ser visto por tódolos galegos.

-O presidente do Deportivo Augusto César Lendoiro quéixase de que non se lle inclúa na promoción do Xacobeo.

-A Consellaría de Cultura e Deporte non leva o Xacobeo, quen o leva é a Consellaría de Industria. Seguro que Lendoiro terá as súas conversas co conselleiro e ademais ten tódalas posibilidades para pedir e está no seu dereito.

-Falando de consellarías, Zapatero prometeu un Ministerio de Deportes. Apoiaría vostede a idea dunha Consellaría de Deportes?

-Oxalá se lle dese ao deporte esa importancia que ten e por qué non crear unha Consellaría de Deporte onde realmente se vise con toda esa potencialidade que ten. Cando menos, de non ser unha Consellaría, si unha secretaría xeral con distintas direccións xerais. Estou convencida de que dende a Consellaría de Cultura e Deporte e dende o meu partido se ve esa importancia que ten o deporte.

-Vese a importancia do deporte, pero por que nos custa tanto ver ás mulleres triunfar e recoñecerllo?

-Eu creo que, sobre todo, porque nos medios de comunicación se fala en clave masculina singular e de equipos masculinos. Ata agora o deporte feito por mulleres era a base de moito esforzo, moito sacrificio e silencio. Silencio por ser silenciadas, porque non aparecían nos medios de comunicación. Aquilo do que non se fala, do que non se debate, practicamente non existe, por iso o que ten que haber é unha concienciación por parte dos medios de comunicación. Pero tamén é traballo dende a administración, dende as propias federacións e dende os clubs, que tamén asuman que hai que ver polo deporte feminino.

-Hai machismo no deporte?

-Eu vivín situacións nas que ás mulleres lles estaba prohibido ir no coche. Falo do ciclismo, deporte que eu practicaba hai 20 anos en Vigo. Hoxe non é esa situación, estase avanzando, como se está avanzando en tódalas parcelas da sociedade pero aínda así, cando hai que escoller atrévome a dicir que antes se pensa en prescindir das categorías femininas que das masculinas. Afortunadamente, pouco a pouco vai quedando moi relegado ese machismo, pero sobre todo polo esforzo que se está facendo dende as propias mulleres e tamén dos homes. Eu son das que digo que temos que camiñar xuntos homes e mulleres, é imposible avanzar no deporte en calquera faceta se non é avanzando conxuntamente.

-Atopou atrancos mentais á hora de realizar o seu traballo?

-Cando tiven as primeiras xuntanzas, a certos homes chocáballes que unha muller lles viñese falar de deporte e sobre todo cando te reunías con xente que estaba rodada. Pero eu creo que xa está asumido, ao cabo son a primeira directora xeral de Deportes, o que supón un cambio. Pero creo que, afortunadamente, co traballo que estamos facendo tamén con Vicepresidencia e coa secretaría xeral de Igualdade, se está avanzando nese camiño e no encontro.

-Vostede imaxina un partido entre o Barcelona e o Real Madrid xogado con equipos mixtos?

-Hai determinadas idades e modalidades deportivas nas que si hai competicións mixtas. Pero, por exemplo, o outro día xogou unha muller brasileira un partido de fútbol con grandes estrelas en Marrocos e fíxome graza que os comentarios fosen “ae, que lle sabe tocar”. Eses comentarios non se farían dun home. Se unha muller está aí é polos seus propios méritos.

-E mulleres na Liga Galega de Traíñas?

-Na Liga de Traíñas, non, pero temos avanzado para que haxa unha liga do norte de traíñas femininas. Ese é outro logro polo empuxe.

-Hai que ir paseniñamente, non?

-Eu son moi metafórica e sempre digo que prefiro comer un cocido empezado a ferver a auga a ás 9 da mañá en cociña de ferro, que nunha ola express. As cousas queren o seu tempo para ser asentadas e sobre todo para que se vaian collendo como normais. As mulleres poden competir no que se propoñan e no que queiran e con grandes éxitos.

-Vostede tamén fai bastante deporte como directora xeral.

-Pero é que eu son así. Son un pouco hiperactiva. Cando vexo que hai cinco segundos de parada, xa estou inventando algo. Son hiperactiva, pero é que vendo que hai tantas cousas que facer...

-“Hiperactividade”. Esa é unha das verbas que define a personalidade de Marta Souto?

-Defínome como unha muller que ten que estar facendo algo sempre e que camiña cara aquilo que quere conseguir malia que haxa atrancos e dificultades.

-Entón é das que tira para adiante.

-É que hai que tirar. O non xa o teño, entón, hai que ir polo si. Esa é a miña frase.

-Antes dicíase que os do Bloque Nacionalista Galego (BNG) eran os do non.

-Eu son das que queren transformar a sociedade. Eu non creo que o Bloque fose o partido do non. O Bloque sempre quixo transformar Galiza, a está transformando e se está acadando unha Galiza máis moderna e unha Galiza de seu. Non somos os que vimos de atrás ou os que vimos recollendo, senón que somos os que abrimos e os que temos ademais moito que dicir e moito que ser oídos.

-Percibe na xente que quedan ascuas daquilo que se vendía de que o Bloque metía medo?

-Non, o que nós temos é a convicción de defender a Galiza e os intereses galegos. E o estamos demostrando. Iso pode ser que a algunha xente lle dea respecto. Tanto no goberno autonómico como nas administracións municipais e provinciais, traballamos coa xente. Polo tanto, quen traballa coa xente, para a xente e dende a xente, non pode dar medo, senón sentido de compañía, de avanzar e de confianza.

-Dende cando é nacionalista?

-Sempre digo que a min me fixo meu irmán, que me leva oito anos. Con 16 anos meu irmán xa estaba en movementos estudantís nacionalistas. Estaba no PSG, en Esquerda Galega, e eu sempre fun a carón de meu irmán ás manifestacións. Cando aprendín a ler, el traíame libros en galego. É algo que naceu de min e comigo, dende a miña casa, e do que me sinto moi orgullosa: ter nacido nunha familia que ten como referente Galiza. Son nacionalista dende sempre.

-Lembra a súa primeira manifestación?

-Foi a do Estatuto de Autonomía. Recordo que fomos toda a familia. Na miña casa sempre ondeou a bandeira de Galiza o 25 de xullo e iso que viviamos enfronte do cuartel da Garda Civil. Dende que teño uso de razón e dende que se puido poñer a bandeira galega, recordo ondear esa bandeira. Tamén recordo o día do 23-F que miña nai estaba intentando quitarnos a pegata da bandeira galega que levabamos pegada nos impermeables toda a miña familia. Teño a imaxe de miña nai tentando quitarnos a pegata da bandeira e deixalo ben limpo con alcohol. Eu nos libros, e iso que ía a un colexio de monxas, levaba as pegatinas do PSG e sempre dicía son “Patricia Souto González”. Se se perdía un libro xa se sabía de quen era porque levaba a pegata.

-Falando de pegatinas. Se estivese nas pasadas eleccións norteamericanas, levaría a imaxe de Hillary Clinton ou a de Barack Obama?

-Aí convencíame un pouco máis Obama que Hillary.

-Inda que sexa primar un home sobre unha muller?

-Eu considero non podes decidir polo mero feito de ser muller. Tamén Sarah Palin é muller e eu non quería que puidese chegar a ser vicepresidenta dos Estados Unidos. Con esas ideas tan retrógradas volveriamos outra vez á época das cavernas. E é muller. Pero vaia, que avance un pouco Estados Unidos en pensamento, cómpre.

-Vanse cumprir 50 anos da Revolución Cubana.

-Esa non a fixen eu.

-Que lle vén á cabeza desa Revolución?

-Sobre todo a imaxe de Fidel e do Che. Sobre todo o Che, que para o meu cuñado é un ídolo. A familia vaite esbozando, vaite levando.

-Viu a película do Che?

-Non. Meu cuñado e meu sobriño contáronma con tódolos detalles. Non teño moito tempo para ir ao cine, a verdade. Por exemplo, os sábados e os domingos, que é cando libra a maioría da xente, coincide coa meirande parte das competicións. Ademais, a min non me custa nada ir ver partidos, unha práctica que xa facía. Antes ía ver o Real Club Celta, o Celta feminino, o Octavio de balonmán, ás veces o voleibol e agora teño que repartirme un pouco máis.

-E tamén terá que repartir as subvencións. Por certo, xa cobrou Cal a súa?

-A subvención de Beijing cobrouna como calquera outro. Agora solicitou de novo ser Deportista Galego de Alto Nivel. Estamos aplicando baremos e logo farase esa nova achega de cartos. El solicitouno este ano, como tódolos deportistas, como Fernando Echávarri, que está por aí dando a volta ao mundo e deixou os deberes feitos, como Javier Gómez Noya, como Tamara Echegoyen, como Miguel Romero. De algo do que podemos estar orgullosos como galegos é de que nós lle damos a mesma axuda económica a un deportista olímpico que paralímpico, cousa que non fan outros gobernos. A xente do Comité Paralímpico, díxonos que Galiza é un exemplo a seguir, porque reciben os mesmos cartos Echávarri ou Paz, polo feito de ir as Olimpíadas, que recibe Álvaro Illobre, Chano, Pablo Cimadevila, Gustavo Nieves ou Maximiliano Rodríguez.

-As subvencións a David Cal son un tema que é importante aclarar.

-A axuda por competir en Beijing foi un contrato de patrocinio que hai con David Cal como houbo con outros deportistas que obtiveran medallas nas anteriores Olimpíadas. Ao ser un contrato para aboar, o que tes que ir é mandando a documentación. É un contrato que se asinou polas dúas partes, polo pai de David Cal, como representante da sociedade de David Cal, e pola Fundación Deporte Galego. Polo tanto, por aí non hai problema ningún dende a Fundación como non os houbo na situación daquelas axudas que tramitou antes. Como calquera axuda que se da, non só en deportes, faise a través duns mecanismos que pon a propia administración. Polo tanto, si son premios para Beijing, como era neste caso, tiñan outro mecanismo, pero sempre ten que haber un diálogo entre as partes. David Cal obtivo neste 2008 a subvención igual que os outros once solicitantes que foron aos Xogos Olímpicos.

-Os paus que lle caeron esta polémica con David Cal, foron os que máis lle doeron?

-O que non me convenceu foi como se enfocaron os temas. Eu creo que se sobrepasou a dimensión deportiva, xa que non houbo intención de diálogo. O propio presidente da Federación de Piragüismo dixo nunha entrevista que David Cal era manipulado. Esa é a tristeza que me queda. Que non se puidese arranxar o asunto a tempo. Eu sempre dixen que nós tiñamos os deberes feitos neste tema e que sempre houbo unha vontade de dialogar con el. Teño a conciencia tranquila. Incluso chamabamos á súa xestoría e lle mandabamos á panadería da nai a información. Por activa e pasiva se lle mandaba a información, como se lle enviaba aos demais.

-Como muller sentiuse dobremente xulgada?

-Si, pero creo que iso é tanto como directora xeral como si estivese ao fronte dun centro de ensino. Porque aínda queda camiño para chegar a esa igualdade. Mentres non se xulgue que mulleres e homes son iguais e se considere que podemos, dende distintos enfoques, desenvolver distintos cargos e actuacións continuará sendo así.

-Pero iso non quita que lle guste a cociña.

-Gústame a cociña como me gusta camiñar ou ascender a cumios. Ademais paréceme un exercicio de imaxinación marabilloso.

-Que lle gusta facer?

-Gústame facer un pouco de todo, dende unha tortilla a volver aos meus tempos de facer empanadas e filloas. A cociña é algo que te relaxa, porque te abandonas, como andar. Tamén me gusta fuchicar na lavadora e nunha chea de cousas. Creo que nesta vida hai que facer de todo.

-E o flamenco, tamén lle gusta?

-Non, porque non me di nada. A min as cousas téñenme que transmitir algo. O outro día Antón Paz deixoume ir no Tornado e encantoume. Agora quero subirme pero cun pouco de rasca. Encántanme tamén os coches, pero ir a caña. Subín con Juha Kankkunnen nun circuíto e foi ben, pero teño estado en peores situacións. Gústame a aventurilla. Encántame viaxar pero nunca en grupo destes de paraugas, iso é algo que me horroriza. Eu teño que ser libre, andar ao meu aire

-Falaba dun ano e medio de éxitos e camiños abertos. Quédalle pena de algo que se tentara e non saíra adiante?

-Eu creo que neste momento ten que haber un punto e seguido. Hai posibilidades de continuar con eses camiños abertos. Creo que hai outra etapa na que poder continuar e dende logo creo que ao mellor me gustaría, sobre todo, poder chegar a ter máis posibilidades en certas cuestións de orzamentos para poder axudar, acompañar e traballar con certos deportistas e deportes en xeral.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad