Jaureguizar: “Hai que deixar en paz a memoria”

“Como sigamos coa poesía florida e nos despistemos, os libros desaparecen”
Xornal.com - clásica Actualizado 30/12/2008 - 01:59 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Iago Martínez / XORNAL.COM I A Coruña.- Escritor, xornalista, francotirador, bravú, iconoclasta, vasco, provocador. Mesmo redactor de ínfimo talento, como o alcumou Xosé Carlos Caneiro, feroz antagonista na rebotica blogueira das letras galegas. Etiquetas á parte, a Jaureguizar (Bilbao, 1965) o que lle presta é discrepar. Dende Fridom Spik (1995) non fixo outra cousa que zouparlle á narrativa e apañar premios. O último, o Terra de Melide, con O globo de Shakespeare (Xerais, 2008). Puro espectáculo.

Dende Ricardo, o monicrequeiro xiboso, até Celia, a serventa que canta as horas con nomes de paxaros, todas as personaxes da novela están coidadosamente construídas.
Cada vez me interesan máis os personaxes. Se non, non hai novela. O resto son contos de cen páxinas.

Andrés Neuman reivindica os personaxes, abouxados na novela posmoderna polo autor, ou dito doutro xeito, devorados pola vaidade do escritor.
Os lectores tamén son moi vaidosos, pero fóra diso eu creo que hai que deixar que os personaxes respiren e vivan o seu mundo. A min non me interesan as novelas como as de Xosé Carlos Caneiro, nas que o único que cambia é o nome dos personaxes, porque todos son el mesmo. Son todos o ser atrapado pola melancolía. Hai que buscar as distintas caras da xente, non só a propia, que posiblemente xa a coñezas de vista.

É unha novela moi popular, talvez a máis popular de Jaureguizar.
A min gustaríame que o fose. Dende logo, ten unha vocación moi popular e unhas paixóns moi fortes que van na busca do público. Ao que parece, debo ser o único escritor galego que quere vender libros. Pois si, eu quero vender libros.

En Pan e coitelo (Galaxia, 2008), a última nouvelle de Bieito Iglesias, un podía atopar a banda sonora dos vellos maoístas dos setenta, que son os liberais dos noventa, empezando polos discos dos Módulos. Aquí, porén, a través de Adriana, figura algo así como o top five de certa clase media ilustrada: Haruki Murakami, Paul Auster e Orham Pamuk, “literatura popular cunha certa aura culta”.
Si, pero son os autores que eu sigo, sobre todo a Murakami, do que estou a ler en inglés De que falo cando falo de correr. A súa literatura préstase o mesmo a unha lectura máis culta que a outra máis popular. Son desa caste de autores que aínda poden competir co audiovisual. É moi complicado, pero hai que intentalo. Eu practico abondo.
É a primeira vez que Ánxela Bugallo se converte en personaxe literario?
Pois non o sei [ri]. Eu sempre falo de personaxes reais e sempre polo seu nome, non sei por que tería que utilizar un pseudónimo. Pode traerme problemas, pero paso dos xogos de palabras. De todos os xeitos sae moi tanxencialmente. É para que compre un exemplar [ri].

Ten máis futuro na ficción que na consellería de Cultura?
Temo que si, porque parece que ao seu partido non lle gusta moito. Supuxo unha gran viraxe con respecto á cultura folclórica de Pérez Varela. Fixo unha xestión bastante boa, aínda que agora non o diga ninguén. Debe de ser que todo o mundo está esperando xa polo próximo (ou próxima).

Foi o seu un labor de saneamento invisíbel nas estruturas culturais?
Fixo un traballo moi importante no eido do libro e sobre todo no do teatro. Tamén na música. Hai un cambio de modelo completo. Que problema tivo? Que herdou a obra desproporcionada do Gaiás, que eu sigo crendo que é necesaria e interesante, sobre todo polo traballo arquitectónico que fixo Eisenmann. Temos que ver a que raio dedicamos esa obra, pero non teño ningunha dúbida de que hai que acabala e tirar para adiante. Non entendo a esa xente que di que hai que tirala. Iso é unha barbaridade e un paso atrás. Bugallo non decidiu construír a Cidade da Cultura, que foi Fraga, pero tocoulle ese morto. Con todo, non foi a única xestión que fixo.

Converter a Xosé Carlos Caneiro en personaxe literaria acabaría de vez con esa tirapuxa dialéctica súa?
Non teño ningún interese en acabar coa dialéctica, e menos con unha tan interesante coma esta, sobre todo porque encarnamos dúas visións totalmente diferentes da literatura que poden convivir sen ningún problema. Outra cousa é que me pareza un personaxe interesante, un gran Falstaff, e que lle queira dedicar un libro. Téñoo por un tipo sentimental, excesivo, culto, intelixente, con certo sentido do humor. É perfecto para unha novela.

O seu é o máis parecido a unha polémica que hai na literatura galega.
Non hai polémicas porque este é un país pequeno, coñecémonos todos e a xente confunde falar mal dun libro con falar mal dunha persoa. Hai libros que detesto escritos por persoas que me gustan, pero aquí parece que non se pode discrepar. Logo hai verdadeiras navalladas, pero en privado. En público, todo son parabéns. Hai unha baixeza moral espectacular en Galicia.

Concorda con Borrazás en que o consenso é o noso maior inimigo?
Si, concordo, pero gustaríame que Borrazás fixese un libro máis valente que Arte e parte (Galaxia, 2007). Dicía moitas cousas sen acabar de dicilas, peronon daba nome ningún. Eu esperaba máis dun un tipo valente coma el. Non sei por que sacou a vea máis timorata. Collín o libro con moita fe e con moita ilusión, pero só atopei insinuacións.

Como Michael Haneke en Funny Games, Jaureguizar cuestiona ao lector nesta novela. A cita inicial de Shakespeare é abondo elocuente: “Se queren espectáculo e sangue, han telo”.
Si, é un final moi shakesperiano, moi desproporcionado, moi esaxerado, buscando o espectáculo, que é o que busca todo dios. Como nos despistemos, os libros desaparecen. Como sigamos coa poesía florida, estamos perdidos. Temos que dar un paso adiante e deixar en paz a memoria histórica.

Ou sexa que non pensa escribir a súa novela sobre a memoria histórica?
[Ri] Pois non, pero podería. Eu veño dunha familia vasca e podería contar moitas cousas sobre a violencia. Na miña familia hai casos, tanto dun lado como do outro, pero non creo que a ninguén lle interese. Quizais sexa dos escritores que máis teña que contar sobre ese tema. Coñecín xente de ETA, coñecín xente torturada pola policía...

Sinto comunicarlle que así vai ter complicado entrar no canon.
[Ri] E a quen lle importa o canon?

Pois iso, a quen?
A min non, dende logo. A min o que me importa é que se vendan os libros que publico e que se sigan publicando os que escribo. Xa hai moita xente na cola do canon. Eu non.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad