Xornal.com - clásica
Actualizado 04/01/2009 - 00:12 h.
Víctor Paz Morandeira / XORNAL.COM I A Coruña.- A Axencia Audiovisual Galega deu comezo esta fin de semana a un novo ciclo na Internet, que recupera os catro filmes producidos por Víctor Luppen a mediados dos setenta. Este mecenas comezou apoiando economicamente a Antonio Simón e o seu Fendetestas en 1975 porque leu na prensa que tiñan problemas financieiros. Como tiña cartos, xuntáronse a fame coas ganas de comer, comenta recordando a súa primeira achega ao cinema.
Porén, a obra máis lograda das catro que produciu nos dous anos seguintes é O pai de Migueliño, de Miguel Castelo, que baseándose nunha historia de Cousas de Castelao, realiza unha salientábel curtametraxe sobre a emigración galega. O cineasta e crítico recorda a experiencia trinta anos despois.
Que dificultades tivo para realizar esta curtametraxe?
Por motivos económicos, a rodaxe estivo parada durante nove meses, frustrada, interrompida. Houbo unha deficiente administración dos ritmos por parte da xefatura de produción. Cando retomamos a filmación da película, as circunstancias cambiaran moitísimo.
A que se refire?
Por exemplo, o barco que usaramos para a secuencia na que Migueliño vai recibir ao pai ao peirao levárano cuartear. O groso da escena xa se filmara, mais faltaban os contraplanos dos familiares esperando.
Polo que tivo que pechar plano.
Si, aínda que ás veces as adversidades aguzan o inxenio. Hainas que saber incorporar. Un filme é unha escolma da realidade. O encadre non é arbitrario nin caprichoso. Esta situación permitiume acentuar a confrontación de dous mundos.
Outra escea importante é a de Migueliño no tren, emigrando a Europa dende a estación da Coruña, con ese flash-back que evoca a experiencia do pai, que vertebra a historia. Sofreu os mesmos problemas con esta secuencia?
Tamén foi feita en dous tempos. Había que rodar case de forma pirata. Preguntamos ao responsable da estación da Coruña se podiamos gravar alí. Accedeu, pero loxicamente non podían parar o tren por nós, así que tivemos que rodar a escena subindo e baixando del en marcha, coa cámara e o equipo de luz incluídos.
Outro leiv motiv do filme é esa música asubiada.
Estou moi contento coa música. Se fixese hoxe o filme, escollería a mesma. É unha peza de Fabrizio de André, un gran cantautor italiano pouco coñecido aquí. Tomei contacto con ela a través duns amigos e, cando a escoitei, vin aí o espírito da historia. Ten algo de ancestral e de atavismo, que suliña a melancolía de Migueliño e que o ata a seguir os pasos do pai idealizado.
Porque Migueliño tamén emigra a centro Europa. Non ocorría isto no relato de Castelao.
Conmóveme o relato expresionista de Castelao e interesábame contar con el a realidade social de Galicia antes que facer arqueoloxía. Creo que o filme é unha adaptación fiel ao espírito, pero precisaba poñer un pé no tempo presente, cando tanta xente emigraba a Europa. Creo que a analoxía é pertinente. Eu sentía a necesidade de actualizar o relato.
Non é o único no ciclo da Axencia Audiovisual Galega en basearse na literatura. Estaba isto pactado coma movemento?
Non creo que houbera un movemento. Non formabamos un grupo amplo nin homoxeneo. As propias producións o demostran. Creo que con Ruppen deuse un salto ao industrial, aos 35 milímetros, que despois non acabou de se desenvolver. Se se poden ver similitudes nos filmes, foi por un desexo inconsciente, porque nos queriamos ver no espello da literatura, supoño.
Dende O pai de Migueliño, moito mudou o cine en Galicia, ou non?
Daquela non había as subvencións que hai agora. Hoxe en día, existe unha vertebración que pode consolidar un movemento audiovisual autóctono. Hai centros de ensino, está o CGAI, a TVG e todas as institucións. E hai creatividade. Porén, creo que atravesamos unha etapa intermedia hai uns anos na que filmes cun presuposto altísimo facían negocio a través da terceira vía. A propia produtora compraba as entradas para recibir subvención por ingresos. Algo diso queda hoxe.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.