Marcos J. Román
XORNAL.COM I Santiago.- Pouco despois de que o presidente da
Xunta, Emilio
Pérez Touriño, ratificase de xeito oficial que as eleccións galegas terán lugar o vindeiro 1 de marzo, o vicepresidente galego e líder do
BNG,
Anxo Quintana, amosouse convencido de que as urnas consolidarán á formación política ascendente que el lidera e augurou que terá un resultado histórico.
Na actualidade, o Bloque conta con 13 deputados na Cámara galega, lonxe dos 17 que tiña na anterior lexislatura e dos 18 que obtivo nas eleccións de 1997, o seu teito histórico, que sitou aos nacionalistas coma a segunda forza política en Galicia.
Tal e como vén facendo nos últimos días, o portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego quixo chegar máis alá dos votantes tradicionais da súa formación e aproveitou para facer un chamamento a tódos os galegos que levan a Galicia no corazón, sexan galeguistas ou nacionalistas, para que realicen un esforzo entre todos que permita, tras o 1 de marzo, facer unha comunidade máis forte e moito máis respectada. Unha cuestión que, segundo dixo, desexan todos os galegos.
O vicepresidente do Goberno galego compareceu ante os medios de comunicación na sé do seu departamento para valorar a firma do decreto de convocatoria electoral e disolución do Parlamento feita por Touriño, aínda que lonxe de dar unha visión institucional optou por facer una análise dende a óptica do seu partido, do que dixo que de cara aos vindeiros comicios ofrecerá ideas, traballo, determinación, firmeza, diálogo e compromiso co país.
Quintana, que na víspera da chegada dos Reis Magos apareceu vestido de xeito informal, con pantalóns vaqueiros e chaqueta de lá, destacou así mesmo que afrontan a vindeira cita electoral cunha enorme ilusión.
Nese sentido, basou a súa confianza no feito de que o
BNG é unha formación política ascendente, cunha tendencia de apoios á alza que o vicepresidente da
Xunta atribuiu á súa política de transformación na
Xunta e ao traballo no Goberno para provocar un cambio en Galicia, coa que teñen demostrado un compromiso en todos estes anos.
Sen embargo, Quintana non aproveitou para facer un balance das principais accións impulsadas, como si fixera minutos antes na súa intervención televisada o presidente da
Xunta e, de feito, non se referiu en ningún momento ao discurso de Touriño.
Fontes nacionalistas criticaron despois o ton personalista do xefe do Executivo galego e lamentaron que non aproveitase a ocasión para facer mención aos grandes retos de futuro para a comunidade, como son a revisión do sistema de financiamento autonómico, a elaboración dun novo Estatuto ou a aprobación por parte das Cortes de propostas unánimes da Cámara galega para transferir Tráfico e reformar o sistema de voto emigrante.
Listos para a campaña
Unha vez oficializada a data dos comicios, o
BNG prepara xa a precampaña e a campaña, que coincidirá coa de Euskadi, un feito ao que restaron importancia os dirixentes nacionalistas. O propio Quintana asegurou que, mentres hai xente preocupada por esta coinicidencia, el está encantado co feito de que desde Madrid fagan menos caso aos galegos porque oiranse menos tonterías.
Nesa liña, o portavoz do
BNG na Cámara,
Carlos Aymerich, apuntou que na súa formación afectaralles menos que a PP e
PSOE porque eles non teñen que repartirse entre Galicia e Euskadi e non dependen da visita de paracaidistas, que é como se coñece aos dirixentes dunha formación doutras comunidades ou do Goberno central que acuden en campaña a apoiar ao aspirante local.
Un dos primeiros actos de Quintana como candidato será o vindeiro mércores, cando participe na homenaxe que se lle brinda a Castelao en Rianxo.