Agasallo de Reis: O CDG reestrea un dos seus éxitos

Logo de meses de colgar o cartel de “non hai billetes” con ‘A boa persoa de Sezuán’, o Centro Dramático Galego busca o mesmo resultado coa reposición de ‘Noite de Reis’, adaptación libre de Shakespeare de Quico Cadaval
Xornal.com - clásica Actualizado 08/01/2009 - 00:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Víctor Paz Morandeira / XORNAL.COM I Santiago.- Un mar embravecido empurra o navío onde viaxan Sebastián e Violeta ao fondo do océano. Os dous irmáns, xemelgos, son separados por unha tempestade que on perdoa. A muller logra sobrevivir grazas á axuda dun estrambótico bufón, Festas, que serve ao duque Orsino, e que a rescata na praia onde naufragou.

Crendo ao seu irmán morto, e froito da desesperación, decide pasar a servir ao duque disfrazada de home, e toma a identidade dun paxe de nome Cesario. O nobre vive perdidamente namorado de Lady Olivia, que lle inspira un sentimento poético, mais non logra conquistala.
Confiando no seu novo confidente Cesario –en realidade, Violeta–, envíao como mensaxeiro para lle declarar o seu amor á bela dama, mais esta comeza a se namorar do servinte, pensando que é un home, ao tempo que florecen en Violeta sentimentos polo seu amo.

Desta maneira tan complicada, e con algunhas sopresas máis, dá comezo a mítica peza teatral de William Shakespeare Noite de Reis. Esta traxicomedia, unha das primeiras obras do Cervantes inglés, escribiuse teoricamente entre 1599 e 1601. Representaríase nos anos seguintes por todo o Reino Unido, mais non se imprimiría até 1623.

Dende ese momento, a forza do texto, con punzantes diálogos e unha estrutura moi innovadora para a época, vense representando por todo o mundo. Os tempos esixiron modernizala nalgunha ocasión e adaptala ás linguas nas que se traducía, para que o seu espírito permanecera inmutábel, ao tempo que se establecía un apego coa cultura de referencia onde se representaba a obra.

Unha nova adaptación
No caso da adaptación de Quico Cadaval, ese contexto é o Mediterráneo e a lingua, a galega, o que xa confire de por si á obra unha aura especial. O dramaturgo e humorista decidiu facer esta aproximación á peza de Shakespeare porque cre que se adecúa aos tempos: “Shakespeare tería situado a acción das súas comedias aquí, que é onde van veranear e pasalo ben os seus compatriotas. Non tería elexido o frío Londres para unha obra que critica o puritanismo”, comenta o seu autor.

El considera que se a obra do dramaturgo inglés segue viva é precisamente pola súa obsesión por facer gustar e ser gustado. A este respecto, prodúcese en Noite de Reis algo inverosímil, que é que Violeta se transforma en home, pero ninguén o nota. O público, porén, chega a gozar do espectáculo sen lle importar en absoluto este detalle. Hoxe isto é cómico, mais xogando na liga de Shakespeare, até se antolla un tanto crítico e cobra outro significado.

“Os códigos non eran os mesmos”, comenta Cadaval. “As mulleres eran representadas por homes, que eran expertos en entonar co timbre adecuado para resultar cribles. Que aquí ocorra ao contrario é moi interesante”, engade o adaptador, e salienta: “A porcentaxe de mulleres nas obras de Shakespeare é de dez a tres respecto dos homes, pero todas as que aparecen teñen unha forza considerable. Son personaxes fundamentais”.

Unha desas mulleres decididas, tan esenciais na obra shakesperiana é Olivia, interpretada desta volta por María Bouzas, que fala marabillas de Quico Cadaval. “Agora que non me escoita”, di entre bastidores, sen ocultar a súa admiración polo director, “é un xenio. Fai que esta obra funcione. É un capitán potente, que saca o mellor do seu equipo”. Abofé que está contenta, porque xa é a cuarta ocasión que colabora co dramaturgo, logo de Squash, Se o vello Simbad volvese ás illas e A voda dos moinantes.

O mesmo di del Manuel Olveira Pico, que explica: “Eu con Quico, onde faga falla. Sempre é un pracer currar con el”.

Colaboradores de primeira
Ademais de con estes, a peza conta cun conxunto de actores de primeira, moitos saídos da canteira do CDG, que tan importante foi –e segue a ser–para configurar unha estrutura teatral no país.

A protagonista, Rebeca Montero, é substituída nesta ocasión por Anabell Gago. Montero non pode repetir no papel de Violeta porque está integrada no reparto de A boa persoa de Sezuán, adaptación da obra de Bertolt Brecht co mesmo nome que adapta tamén o CDG e que está en cartel neste momento.

O resto do equipo artístico, e tamén o técnico, da vez anterior repiten por completo. Aos tres actores citados, temos que engadir a Marcos Orsi, Susana Dans, Xan Cejudo, Borja Fernández Marcos Correa, Víctor Mosqueira e Simone Negrín. Os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio crean o ambiente mediterráneo deste xogo de enredeos e desenredos amorosos coa súa apaixonante música.

De seguro que isto é debido ao bo sabor de boca deixado das anteriores veces, que está acentuado dun grande apoio do público. “A afluencia de público, a súa calor, é o recordo máis gratificante que teño desta obra” resalta Pico.

O mesmo di María Bouzas, que di vivir “por e para o público” e que ten ademais unhas palabras de agradecemento para os máis novos. “Parece que estean nun concerto de rock”, comenta entusiasmada. “Ao final da representación, hai un longo negro e, logo duns segundos, podes sentir os seus aplausos sentidos e os seus berros. Cando saen de aquí, velos cun sorriso na boca. Como dixo Quico unha vez: “esta obra tonifica”, explica.

Palabras parellas ten o director, que asegura sentirse moi afortunado “por ter colgado varias veces o cartel de non hai billetes”. Porque, opina, “se iso ocorre é que estamos a facelo ben”.

Un fugaz reencontro
A curta historia desta peza teatral é moi destacábel. Chega avalada polo seu probado éxito nas súas anteriores representacións. Cando a sacaron entre os meses de setembro e outubro de 2007, o cheo foi tal que, logo de probar sorte con outras propostas, o CDG decidiu volver ao seguro.

A peza retomouse durante un tempo o ano pasado, concretamente en xullo, e o éxito foi aínda máis profundo. Era lóxico pensar que unha terceira oportunidade para un espectáculo tan popular estaba por chegar.

As representacións de Noite de Reis. Ou o que queirades simultanéanse coas de A boa persoa de Sezuán, de popularidade similar. As funcións serán todos os venres e os sábados ás 20.30 horas durante o mes de xaneiro, sendo a primeira sesión esta mesma noite.

O CDG tamén quere achegar o teatro en xeral, e os clásicos en particular, aos máis pequenos. Por esta razón, ten organizados pases para institutos, que xa están apalabrados e co aforo completo.

O prezo das entradas é de dez euros, cun desconto do corenta por cento para maiores de 65 anos ou posuidores do carné xove ou de estudiante. Pódense retirar nas propias billeteiras do Salón Teatro dúas horas antes do comezo da representación ou a través da páxina web de Caixa Galicia.

Para quen queira botar un ollo a unha versión tirada directamente do texto de Shakespeare, existe unha tradución de Miguel Pérez Romero para Galaxia, editada xunto con A tempestade, tamén do dramaturgo inglés, nun mesmo volume.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad