A asociación Manicómicos celebra o seu aniversario cunha función no Rosalía

Dende a cidade da Coruña, o colectivo aposta por difundir o teatro cómico nas súas moitas facetas
Xornal.com - clásica Actualizado 10/01/2009 - 00:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
A. Losada / XORNAL.COM I A Coruña.- En xaneiro do 2004, na Coruña, un colectivo de persoas con distinta experiencia artística fundaron a asociación cultural Manicómicos coa finalidade de difundir, aprender e compartir experiencias sobre a comedia como forma artística e de comunicación. Agora, cinco anos e máis de 70 actividades despois, as cousas foron ben e é tempo de celebración, e por iso organizarase unha grande gala de aniversario no teatro Rosalía de Castro da Coruña, unha “jam session escénica con máis de 20 artistas”, en palabras Willy Éter, un dos manicómicos.

Será esta a V Gala que organicen, pero tamén será a máis grande. Entre as actuacións máis destacadas estarán as do Elefante Elegante, San e San (que se converterán nas Vellas), o malabarista e equilibrista Pablo Trasno, os clown Keke e Cris, a acróbata aérea Sue Moreno, o humor de cabaret de era e Josito, Almacabra, Willy Éter e Luis Quinteiro, Fredi e Juanillo Esteban.

É un espectáculo para todos os públicos, que inclúe pezas musicais , teatrais, circenses e humorísticas, baixo a condución do monologuista Johnny Medio Gramo, a outra identidade de Juanillo Esteban. A función será o 11 de xaneiro, ás 19.00 horas, e conta coa colaboración do Concello da Coruña. Os oito euros da entrada destinaranse íntegros a financiar o acondicionamento no novo local dos Manicómicos.

Cooperativismo
Esa idea de conseguir cartos mediante a cooperación dos cidadáns está nas mesmas raíces desta asociación. O seu director, Carlos Sante, lembra que se basean dende os seus comezos nunha organización cooperativa “que demostrou ser eficaz, a pesar do que crean algúns”. As cotas dos máis de 60 socios que teñen na actualidade serven para sacar adiante o amplo catálogo de actividades e actuacións teatrais.

Ademais desta V Gala, o traballo dos Manicómicos, moi cercano ao cabaret e ao novo circo–un movemento artístico que busca renovar as disciplinas circenses-, pódese ver na produción Deprimidos ao río, que aínda está de xira. Nel, o prestixioso psicoterapeuta ,o Doutor Cornelius Mortimer, fará a presentación mundial do seu revolucionario método de sanación mental no V Congreso Internacional de Psiquiatría e Perversión, patrocinado por Laboratorios e Próteses Mayer.

Festivais de teatro cómico
Pero entre os espectáculos organizados por esta asociación, os máis chamativos e os “maiores retos”, segundo Carlos Sante, foi o Festivais internacionais de teatro cómico, que xa leva seis edicións en 5 anos. É un proxecto que combina actuacións tradicionais en salas, espectáculos para ser representados en bares, números de rúa e cursos de formación de balde, para calquera cidadán que se deixe caer.

En 2008 organizouse por vez primeira dúas actuacións anuais, unha de verán e outra de inverno, un experimento exitoso que se volverá repetir en 2009.

A asociación ten folgos para seguir co seu traballo moitos anos máis, que definen coa seguinte declaración : “Unha constante aperturista de recibir e integrar novos valores, tanto no terreo das artes escénicas como noutros ámbitos artísticos e multidisciplinares, sen discriminación de raza, sexo, relixión, clase social ou idade algunha”.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad