Toñi Vicente pecha o restaurante de Compostela catro meses despois da detención

A cociñeira pasou de ser unha gloria da gastronomía galega a verse detida e implicada nunha operación de comercialización de vieiras tóxicas.
Xornal.com - clásica 10/01/2009 - 00:40 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 1 voto/s
Eva Fuentes / XORNAL.COM I A Coruña.- As persianas e a verxa baixada, as fiestras tapadas con papel, e os menús retirados da porta. Esta é a imaxe que presenta o Restaurante Toñi Vicente, ubicado na rúa Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e que bota o peche tras unha difícil etapa.

Foi hai pouco máis de catro meses cando a cociñeira pasou de ser unha gloria da gastronomía galega a verse detida e implicada nunha operación de comercialización de vieiras tóxicas.

Dende aquela o prestixio da restauradora quedou en entredito e, como era previsible, os clientes minguaron no seu coñecido establecemento situado no Ensanche compostelano.

Incluso outros importantes cociñeiros galegos de alta categoría recoñecen que eles tamén sufriron os efectos colaterais da polémica das vieiras nos seus negocios.

Nin sequera unha comida organizada no restaurante á que asistiron un grupo de persoeiros coñecidos –como Xosé Manuel Beiras, Manuel Quintana Martelo ouMiguel Anxo Fernán Vello– axudou a atraer clientela.
Ademais da crise económica que afecta a todo o sector, por riba, no mes de novembro, Toñi Vicente recibía outra mala noticia: retirábanlle a estrela Michelín que posuía dende hai anos, a primeira que recibira un restaurador galego.

Trátase dun dos máximos recoñecementos aos que pode aspirar un cociñeiro no mundo e que na comunidade autónoma só recibiron nove restaurantes.
Agora, a chef decidiu botar o peche. Na noite de onte, cando todos os restaurantes de Santiago abrían as súas portas ante as ceas do inicio da fin de semana, Toñi Vicente permanecía cerrado, coa carta retirada e coas fiestras tapadas con papel de embalar. Mesmo a páxina web que antes había na rede, xa deixou de funcionar.

Con todo, a cociñeira non o ve como algo definitivo. “Está pechado por vacacións”, explicou titubeante en declaración a este xornal. Así pois, non aclara cando volverá a abrir as portas do seu establecemento. De feito, non hai colgado ningún aviso que explique que estea pechado por descanso nin que avise da nova data de apertura.

Toñi Vicente, parca en palabras, di que “nun mes, máis ou menos”, o local volverá abrir, cunha orientación nova. Di que non o ten claro, pero apunta que unha das posibilidades é un bistró.

Con este cambio, o establecemento que antes albergaba un restaurante con estrela Michelín acollería un novo tipo de negocio inspirado nas casas de comidas francesas, caracterizadas por servir pratos a prezos económicos.
Ante a pregunta de se este peche vén dado pola complicada situación trala polémica das vieiras tóxicas, Toñi Vicente permanece calada un rato. “Respetade o meu silenzo”, di pouco despois, para engadir que cando teña decidido que facer co seu negocio xa se porá en contacto cos medios de comunicación para facelo público.

Así pois, non queda máis que esperar a que Toñi nos conte se volveverá servir o seu salmón marinado, o seu atún en escabeche e as súas vieiras ao albariño. Ou, pola contra, se reabrirá en forma de bistró, mesón, ou bufé.
Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad