Xornal.com - clásica
Actualizado 13/01/2009 - 00:00 h.
A. Losada / XORNAL.COM I A Coruña.- É sabido que Eduardo Blanco Amor, o autor de A Esmorga e Xente ao lonxe, ía a todas partes cunha cámara Boylander baixo o brazo, para retratar aquilo que lle chamaba a atención. Á súa morte, en 1979, deixou máis de mil negativos como testemuño do seu paso polo mundo. Unha escolma do que Blanco Amor facía coa súa Boylander pódese ver na exposición A ollada do desexo, producida por Merlín Comunicación, que chega hoxe ao museo Verbum, de Vigo, logo dunha longa andaina por Galicia. E tamén hai bos exemplos no libro do mesmo título editado por Galaxia, no que a mostra se basea.
Carlos Lema, comisario da exposición e autor do mencionado libro, comenta que non hai unión directa entre o Blanco Amor literato e o Blanco Amor fotógrafo: Para el, eran dous medios diferentes, considerábase ante todo un escritor, esa era a súa profesión, pero tiña un grande interese na fotografía, que empregaba como un caderno de imaxes, como un diario no que gardaba o seu percorrido vital. O gusto de Blanco Amor pola imaxe dos negativos desenvolveuse en Marrocos, a finais de 1932, cando se viu obrigado a sacar el mesmo as fotos para unha reportaxe que lle encargara o diario arxentino La nación. Foi unha das contadas ocasións nas que empregou a cámara para ilustrar o seu traballo xornalístico, e nunca pensou en apoiar os seus textos literarios con fotografía, segundo sinala Carlos Lema. Ademais, só nunha ocasión escribiu algo de crítica fotográfica, un artigo na revista Galicia titulado Veiga Roel no seu Betanzos natal, adicada a este profesional da cámara. Porén, as fotos que tiraba Blanco Amor amosan que estaba ao tanto das tendencias estéticas e dos movementos teóricos da fotografía da súa época. O que sucede, di Lema, e que non a facía para publicala, e que, dende logo, a súa contribución á fotografía como arte é moito menor que a que fixo no campo da literatura.
Cando realizou unha longa viaxe en barco para regresar a Galicia tras estar emigrado na Arxentina, o ourensán atopou a inspiración para escribir o Poema en catro tempos. Mentres, en paralelo e sen relación directa, retrataba aos mariñeiros coa súa cámara obtendo algunhas das súas fotos máis coñecidas.
Retratos e lugares
Na súa produción hai unha grande cantidade de autorretratos do autor, ou de fotos del nas que aínda que non apertase o disparador, foi o responsable da estética da imaxe, como no coñecido retrato no que aparece espido e de costas, en palabras de Lema. Tanto no ámbito público, elegante e traxeado, como na súa casa, o literato contouse a si mesmo.A xente que o rodeaba foron tamén obxectivos da súa cámara. Na súa colección persoal hai retratos de Castelao, Alberti, Indalecio Prieto, Luis Seoane ou Maruja Mallo.
E, por outra banda, un viaxeiro incansable como Blanco Amor non deixaba de fotografar os lugares que visitaba. Italia e Bos Aires, deron lugar a moitos revelados, e tamén Chile, país que percorreu de arriba abaixo para o seu libro Chile a la vista. Pero esa mesma inquedanza entraba tamén Galicia, a súa terra, e sobre todo Ourense, a súa cidade, fotografadas en mil ocasións.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.