Xornal.com - clásica
Actualizado 14/01/2009 - 00:00 h.
A.L. / E.P. / XORNAL.COM I A Coruña.- Alberto Datas (A Coruña, 1935 - Madrid, 2007) foi un pintor difícil de encadrar en ningunha corrente artística, aínda que foi comparado con Kandinsky e Jason Pollock. Evolucionou dende a súa inicial figuración intimista á máis pura abstracción, sen deixar nunca de buscar como mellorar o seu traballo, e sen mirar nunca para as modas e as correntes comerciais. O poeta Xabier Seoane descríbeo como un creador solitario, libre, na introdución do volume que se lle adica na colección Grandes Pintores, da Deputación da Coruña, e que foi presentado onte.
Seoane, autor dos textos do libro, deixou claro que Datas é un dos grandes da pintura galega, que concibía a arte como unha forma de coñecemento da vida. Tamén subliñou a grande emoción que sentiu cando soubo que se preparaba unha antoloxía sobre a súa obra, aínda que non vivise para vela rematada.
Seoane, o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o fillo do pintor, Alejandro Datas Medina falaron na presentación do libro, que lle adica atención a un autor con sona de introvertido, que se forxou un nome nas artes plásticas a golpe de constancia e moitas horas encerrado no seu taller. A diferencia doutros pintores abstractos, Alberto Datas tivo unha sólida formación en debuxo e anatomía, e adicouse a transmitirllas ás novas xeracións como mestre na Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. Trátase dunha persoa que participou ao máis alto nivel do coñecemento artístico escolar convencional, pero que soubo romper coas limitacións académicas na procura de novos horizontes expresivos, segundo explica Xabier Seoane. E pese a todo, Datas amosaba unha humildade franciscana, centrado só en encher a superficie plana do lenzo cunha esixencia sempre crecente.
O recoñecemento da súa cidade
O fillo do pintor, Alejandro Datas Medina, agradeceu a iniciativa da Deputación da Coruña, e considerou que a edición do libro e a exposición que en abril se inaugurará na Fundación Luís Seoane son dous dos proxectos nos que o seu pai estaba a poñer máis atención nos últimos meses da súa vida, porque Ambos os dous significaban o recoñecemento á súa obra por parte da súa cidade. Tamén destacou que, a pesar de vivir en Madrid sentíase moi galego, galego entendido como unha forma de pensar, un ambiente, un clima, algo que sempre estivo presente na súa vida.
Grazas a ambas as dúas iniciativas o meu pai foi consciente da relevancia que a súa obra empezaba a ter no panorama cultural tanto español como galego, apuntou Alejandro Datas, e concluíu cun agradecemento ao excelente traballo de Xavier Seoane, quen fixo ver que a súa obra merecía un maior recoñecemento, e que debería estar considerado como un dos grandes da pintura do século XX en Galicia.
Pola súa banda, Salvador Fernández Moreda lembrou que Alberto Datas chegou por vez primeira á Academia San Fernando cunha bolsa da Deputación da Coruña e mostrouse ledo de que volva atoparse con esta institución a través deste libro, co que recibe unha merecida homenaxe.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.