Miguel Pardo /
XORNAL.COM I A Coruña.- PP e
BNG entran na guerra do lixo. Populares e nacionalistas solicitaron onte á
Consellería de Medio Ambiente que adopte medidas contra as irregularidades desveladas onte por este diario no vertedoiro da Areosa, situado no concello de Cerceda, e que acolle sen autorización a maioría de desperdicios procedentes da Coruña e da súa área metropolitana nun montículo con grave risco de derrubamento.
O
PPdeG, que leva meses denunciando as irregularidades en Sogama, entrou onte tamén na polémica da Areosa, un vertedoiro contiguo ao da sociedade pública e propiedade de Danigal, compañía que tamén se encarga da xestión do depósito de desperdicios de Sogama. Nun comunicado, Manuel Ruiz Rivas, voceiro popular no Parlamento galego, esixiu á
Consellería de Medio Ambiente que adopte medidas extraordinarias para evitar o derrubamento do vertedoiro da Areosa, unha posibilidade que os populares prevén como consecuencia dos gases xerados pola descomposición da materia orgánica e pola acumulación de lixiviados no interior desta montaña artificial, tal e como denunciou
Xornal de Galicia na edición de onte. O Bloque, pola súa banda, denuncia que a acumulación masiva de porcallada en Cerceda é unha barbaridade e un foco de contaminación tremendo. Estase vertendo tal cantidade de lixo sen tratar que se incumpre con calquera tipo de previsión; se hai que facelo, existen mecanismos legais para paralizar todo isto, insisten.
O vertedoiro, segundo fontes achegadas ás empresas implicadas, posúe unicamente autorización para acoller residuos de construción e demolición (RCD) e carece da impermeabilización esixida para evitar o filtrado delixiviados na terra.
Danigal, propietaria do terreo, está á espera dunha ampliación na que se llepermita soportar residuos non perigosos e inertes. En ningún dos casos está permitido o vertido de desperdicios orgánicos, algo que se está a producirtal e como puido comprobar este diario, e que facilitaría a produción de explosións e un hipotético derrubamento.
A
Consellería de Medio Ambiente insistiu onte en que investigará as presuntas irregularidades da Areosa despois de recoñecer que o vertedoiro carece da necesaria Autorización Ambiental Integrada á espera de que subsane unhas deficiencias. Estamos pendentes de que cumpra todos os requirimentos, di o gabinete do socialista Vázquez, que advertiu a Danigal con graves sancións ou incluso o seu peche de confirmarse que verte residuos non autorizados en Cerceda.
Ruiz Rivas, voceiro do
PPdeG, demandou ao departamento que dirixe
Manuel Vázquez que extreme as precaucións para evitar unha situación similar á acontecida no vertedoiro de Bens en setembro de 1996, que caeu derrubado sobre O Portiño causando a morte dunha persoa e unha grave catástrofe medioambiental. Segundo o grupo popular, a montaña de lixo acumulada neste monte de Cerceda supera xa os 40 metros de altura.
Tanto para o
PPdeG como para o
BNG, a
Consellería de Medio Ambiente é a principal responsable da acumulación descontrolada de residuos non autorizados nun montículo no que se verten 5.000 toneladas diarias de residuos sólidos urbanos procedentes da Coruña, sen tratamento e con grave risco de contaminación na contorna.
O Bloque entrou por fin de cheo na polémica medioambiental lembrando que leva toda a lexislatura denunciando o modelo de Sogama e de acumulación de residuos masiva pola que optaron primeiro os populares e despois os socialistas. Tras o fracaso da xestión do PP, o
BNG apostou pola superación dun modelo que se demostrou inútil e no que se priorizaba a acumulación e mais a incineración, asegura Ana Belén Pontón, voceira do
BNG de Medio Ambiente no
Parlamento de Galicia.
Ningunha das nosas pretensións se levaron adiante, asegura Pontón, que cre que mentres o
BNG se preocupa dos problemas reais da xestión dos residuos, PP e
PSdeG continúan coa súa guerra política exemplificada en Sogama. O PP está metido nunha estratexia de desgaste, mentres o
PSOE busca salvar a cara e non arranxa o problema fundamental que ten este país cos residuos, insiste.
O raposo e as galiñas
O
PPdeG lamentou tamén que tanto o conselleiro de Medio Ambiente,
Manuel Vázquez, como o presidente de Sogama, José Álvarez, fagan oídos xordos ás súas advertencias e atribuíu a situación na Areosa á improvisación e ao partidismo de ambos os dous responsables. O raposo non pode coidar das galiñas, asegurou Ruiz Rivas en referencia ao anuncio do conselleiro de investigar o que acontece en Cerceda.
Que Medio Ambiente investigue a mesma empresa á que a
Xunta estivo pagando cifras millonarias por tratar lixo sen reunir os requirimentos legais esixibles non ofrece garantía ningunha de imparcialidade, manifestou. O Bloque, a través de Ana Pontón, insistiu tamén nas críticas ao departamento de Medio Ambiente que dirixe o socialista e ao que pediu que faga unha investigación a fondo sobre o que está a ocorrer, tanto en Sogama coma no vertedoiro propiedade de Danigal.
Porén, a voceira nacionalista lembrou que o
PPdeG ten tamén responsabilidade na desfeita medioambiental de Cerceda. A Danigal xa se lle fora adxudicao o vertedoiro do Sogama durante o Goberno popular anterior, recorda Pontón, que ve intereses escuros, na relación entre Sogama e a empresa que xestiona os vertedoiros da Areosa.
O PP non fixo unha xestión dos residuos como para fardar agora; o informedo Consello de Contas foi demolador cun modelo erróneo dun partido que,ademais, sempre puxo atrancos aos proxectos alternativos, aclara. A nós non nos interesa esta guerra entre partidos, volve recordar Pontón,que cre que a
Consellería de Medio Ambiente debería poñer as bases para que a xestión de residuos sexa un tema resolto nos próximos anos. É unha mágoa que haxa quen se preocupe máis de enmerdar o asunto e de sacar tallada política que de arranxar os verdadeiros problemas, asegurou.
O
BNG vai máis aló e recorda que haberá que solucionar o problema dalgún xeito. Existen solucións técnicas para retirar todo ese lixo da Areosa. Se Sogama e Nostián están saturados, haberá que facer un novo Plan de Xestión de Residuos, di.
O Bloque, ao igual que o
PPdeG, non limitan a responsabilidade única na
Consellería de Medio Ambiente, senón que implican tamén ao Concello da Coruña no desastre da Areosa, que leva recibidas unhas 100.000 toneladas de residuos sólidos urbanos sen tratar procedentes da planta de Nostián da localidade herculina.
Ruiz Rivas, voceiro do PP no Parlamento, denunciou que Medio Ambiente comezase a almacenar o lixo procedente da Coruña no vertedoiro da Areosa sen as debidas garantías téncias e ambientais, logo do fracaso do complexo de Nostián e para facerlle un favor ao Concello herculino, que recoñeceu no último pleno que ten colapsados os vertedoiros de rexeitamentos, precisamente os restos que irían destinados a Cerceda, onde se acollen desperdicios de todo tipo.
O Concello da Coruña ten parte de responsabilidade e terá que explicar esta situación, engade Ana Pontón, do
BNG, que incide no fracaso dun modelo herdado de
Francisco Vázquez.
Risco para os traballadores
Ademais do risco medioambiental, a oposición tamén advirte da necesidade deextremar as precaucións para evitar desgrazas persoais ante unha posible derruba do vertedoiro da Areosa.
Hai que preservar a integridade física dos operarios qeu traballan no vertedoiro, di o PP, que lembra a tráxica experiencia do derrubamento do vertedoiro de Bens, que se saldou coa morte dun home.
Ruiz Rivas lembra tamén que o seu grupo xa hai tempo que denuncia irregularidades, tanto en Sogama como na planta da Areosa, e recorda que o propio conselleiro de Medio Ambiente empregou grosos cualificativos para dirixirse ao portavos de Medio Ambiente do grupo Popular, Jaime Castiñeiras.
Precisamente, Castiñeiras leva meses denunciando irregularidades e concesións a dedo en Sogama, mentres que o presidente da sociedade pública, José Álvarez, xa advertiu de que se querelará por inxurias e calumnias contra o secretario xeral da empresa, José María Hernández Sanmamed, fillo do ex conselleiro de Sanidade do PP, Hernández Cochón. A guerra política, aínda aberta, semella non ter fin.