Xornal.com - clásica
Actualizado 17/01/2009 - 00:12 h.
Iván Riobó / XORNAL.COM I Vigo.- O Celta ten hoxe unha cita co futuro. O equipo celeste afronta o primeiro dos partidos (Sevilla Atlético, 20.00 horas, Balaídos) que o poden deixar en postos de ascenso a finais de semana. O mércores terá en Murcia outra oportunidade de meterse directamente na loita por volver á elite do fútbol español, xa que para esa data está fixada a celebración do encontro adiado antes do Nadal debido a unha intoxicación alimenticia de boa parte do plantel pimentonero. Pero agora só toca pensar no que esta tarde deberán facer ante a afección para acadar un dobre obxectivo: engancharse aos de arriba e ilusionar aos siareiros.
Os xogadores que dirixe Pepe Murcia terán unha oportunidade única para ofrecerlle un triunfo á parroquia viguesa xa que o filial sevillista é o pechacancelas da clasificación. Aínda que, como a experiencia lle ten demostrado ao conxunto celeste, as posibilides de acadar os tres puntos pasan por desterrar a relaxación e saltar ao campo como se se medisen ao mesmo Xerez, líder da Liga Adelante. Ao seu favor vai xogar o feito de que se agarda a entrada máis importante da temporada, tendo en conta a boa marcha do equipo e o feito de que o encontro non vai ser televisado. A bonanza climatolóxica dos últimos días tamén pode ser determinante á hora de que o estadio municipal volva presentar o aspecto de antano.
En contra dos intereses celestes xoga o feito de que o técnico local vai ter que suplir ao dianteiro máis en forma do equipo, o toledano David Rodríguez, sancionado con tres partidos por agredir a un rival no último choque diante do Alavés no estadio de Mendizorroza. E isto porque non semella que Murcia vaia variar o esquema que tan bos resultados lle está a dar, e que non é outro que o clásico 4-4-2. A incógnita é saber quen vai a acompañar ao brasileiro Dinei no ataque, xa que o técnico cordobés xogou ao despiste e non quixo apuntar por onde poden ir os tiros. O adestrador podería dar a sorpresa e decantarse polo punta letón Maris Verpakovskis, que xogaría como titular por primeira vez na temporada.
Outra das novedades do once céltico podería obrigar a retocar a liña defensiva. Edu Moya perfílase como titular en detrimento de Fajardo, que non amosou a súa mellor forma nos últimos encontros. Os cambios na retagarda completaríanse coa entrada de Peña en sustitución de Noguerol, unha vez que o peruano cumpriu un partido de sanción por acumulación de tarxetas.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.