Lunes, 06 de septiembre de 2010 - 4:20 h
1-m

Fernando Blanco, en Xornal: “Algúns seica descubriron agora Industria”

“O PSOE tenta captar todo para que lle vaia ben, pero a cidadanía é madura e sabe valorar a cada un”, di o Conselleiro de Innovación.

Blanco asegurou que "a distancia entre o PP e o BNG é moi difícil de salvar. Non digo nun futuro, pero neste momento non o vexo".
Xornal.com - clásica 26/01/2009 - 05:50 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
David Lombao / XORNAL.COM I A Coruña.- A Fernando Blanco gústalle falar claro e non pasar “do xusto” cando se trata de ser politicamente correcto. Satisfeito polo traballo realizado á fronte da Consellería de Innovación e Industria, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo non foxe á hora de realizar un balance da lexislatura que remata, nin sequera do último treito na que, apunta, houbo “interese” en “xerar ruído” en torno a asuntos como a adxudicación provisional dos novos parques eólicos.

Malia a ser pouco amigo das enquisas, Blanco non dubida que inquéritos coma o publicado por Xornal de Galicia veñen a confirmar unha tendencia á alza da súa formación. Esas boas expectativas son, segundo o responsable dunha das consellerías que máis páxinas e minutos mediáticos acaparou nos últimos meses –na súa opinión, “semella que algúns descubriron agora a Consellería de Industria”–, froito da boa percepción que na cidadanía callou sobre o labor do BNG na Xunta. “A cidadanía –explica– está a percibir que o traballo do Bloque neste Goberno foi máis activo, supuxo máis cambios, aínda que tamén máis risco”.

Para un político con sona de “bo vendedor” non é difícil poñer en valor a xestión dos seus no Executivo autonómico. Medidas coma o Banco de Terras da Consellería de Medio Rural, a Lei de Vivenda, as Normas do Hábitat ou os avances en políticas sociais impulsados dende a Vicepresidencia son, para Fernando Blanco, as mellores mostras de que o BNG non se corresponde coa imaxe “perigosa e satanizada que algúns pretendían debuxar”.

Con todo, para o rostro do BNG na provincia de Lugo non pasa desapercibido o feito de que o traballo, con ser moito, non o é todo, e máis nun goberno de coalición. Cos galóns que outorga ter compartido Goberno municipal na cidade de Lugo con José López Orozco, Blanco ten claro que “vai ser difícil” que o PSdeG poida rendibilizar nas urnas o traballo dos departamentos nacionalistas.

“Con outra actitude durante estes catro anos, é posible, eu coñezo –en referencia ao seu paso polo concello lugués– exemplos onde sucedeu iso”. A esta circunstancia, únese ademais, na súa opinión, outro elemento: “Coñécese perfectamente quen lidera cada partido e cada unha das partes do Goberno: por un lado, o señor Touriño e por outro, tamén hai un referente que é o vicepresidente Anxo Quintana”. Sobre este punto de partida, Blanco mira atrás coa satisfacción do deber cumprido e non lle doen prendas á hora de valorar o papel que cadaquén desenvolveu no bipartito.

Escenario electoral

A avaliación do traballo feito sitúase a pouco máis dun mes da cita electoral do 1 de marzo. Nese marco, os lectores de Xornal.com instan ao conselleiro a avaliar o papel que a relación co PSOE puido ter á hora de levar adiante certas medidas.

Cre que o labor do PSdeG no Goberno puido facer que os avances propostos polo BNG vaian máis lentos? Non se sinte decepcionado?

Non me gusta falar negativamente dos demais. Non atoparedes nin unha soa declaración miña falando de accións doutros membros do Goberno. Creo que non é bo. Agora, si me parece que as medidas de cambio máis estruturais, as máis arriscadas, viñeron de parte do BNG: política de benestar, o Banco de Terras, as Normas do Hábitat... os demais puxeron en marcha o que quixeron ou o que dentro do seu programa teñen establecido. Non vén a conto falar dos demais.

Aproveitou o BNG a oportunidade para demostrar o que pode facer no seo dun Goberno?

Efectivamente, era unha oportunidade para combater algúns estereotipos que había e que agora están resoltos. Hai catro anos, o argumento do PP era “como van gobernar estes...” A evidencia demostra que iso non era así. Agora ben, fixemos un traballo, pero o importante é que temos que demostrar que hai un proxecto, porque estamos nunha situación moi complicada que necesita tomar medidas importantes. Non me gustaría empezar un mandato, se isto se produce, coas palabras do vicepresidente económico [Pedro Solbes], dicindo que “xa fixemos todo o que había que facer”. Así, só lle queda a un marchar para a casa. Hai que explicar cal vai ser o paso seguinte en enerxía, en industria, en comercio, ou dicir por que é importante un Instituto Galego de Crédito Oficial ou coordinar as caixas de aforros.

De cara ao 1 de marzo, sente curiosidade por saber como sería un goberno co PP, ou é un escenario que descarta por completo?

En política, descartar é moi difícil. Non se pode descartar nada de cara ao futuro. Outra cuestión é en que PP estamos, un PP que fai do idioma unha confrontación. Aquí non existía ese problema ata que o PP se empeña e di que está en perigo o español. Con afirmacións así é difícil que se queiran incorporar a unha política normalizada. Pero hai moitos máis exemplos. A distancia entre o PP e o BNG é moi difícil de salvar. Non digo nun futuro, porque non sei que pode suceder, pero neste momento non o vexo. A pesar dos problemas que pode haber [entre BNG e PSOE], o que nos debe unir é presentar unha alternativa á cidadanía e que despois cada un a desenvolva e non preocuparse dos demais. Iso sería bo de cara a manter unha relación o máis normalizada posible. A cidadanía non quere ver a dous partidos pelexando. A min, ao fío dos últimos acontecementos, paréceme negativa a actitude de algúns. Os cidadáns teñen que ver que están gobernados por partidos serios.

Nese sentido de mirar para o que fai o socio de goberno, percibe que o PSdeG tenta anotarse tantos do BNG, facendo valer o que poderiamos denominar o “efecto Orozco”, que vostede coñece ben e que tan bos resultados lle deu ao partido socialista en Lugo?

Tarde piaches (ri). O PSOE está facendo o que debe, que é captar todo para que lle vaia ben, é a súa obriga. Pero a cidadanía é moi madura, sabe valorar a cada un. Acerta sempre. Non se pode votar a culpa ao votante de cuestións que son responsabilidade nosa. Seguramente, cando non chegamos, é porque non fixemos ben o noso traballo. Hai que saber vender, non todo é traballo.

Continuará como conselleiro na vindeira lexislatura?

A partir da convocatoria de eleccións, só falan os cidadáns. Ninguén pode dicir o que vai facer no futuro. Eu vexo que algúns planifican para 2010 e está ben, pero aínda que o Goberno continuase, pode haber outros actores. Estea onde estea, estarei traballando como o veño facendo dende hai 16 anos en cargos institucionais, en función dos intereses do país. O primeiro que teñen que falar son os cidadáns. Ninguén pode vender a pel do oso antes de cazalo, aínda que algúns o fagan.

Din no PSOE que se se reedita o bipartito, desta vez non perdoarán a Consellería de Industria.

Nunha negociación, todo cabe. Igual Industria non a temos, pero se colle Política Territorial... Sería absurdo ir a unha negociación dicindo se non sae o meu non hai acordo, que tamén, por suposto, é outra posibilidade. Algúns están moi preocupados co tema de Industria e é moi sorprendente, porque en 16 anos do PP, da consellería de Industria eu creo que non falou ninguén. Nin sequera se coñecían os conselleiros, e agora parece que é o tema esencial, parece que é o epicentro onde se move todo. Non sei se terá máis que ver co traballo que se desenvolve ou co que non se desenvolve. Hai consellerías que teñen unha marxe de manobra moi importante. O que pasa é que ao mellor non se acreditou no traballo o suficiente.

Decreto eólico

Á hora de falar da relación entre socialistas e nacionalistas ao longo da lexislatura, a resolución do concurso eólico é unha parada obrigada e unha decisión na que Fernando Blanco se mostra especialmente firme.

É definitiva a adxudicación do concurso eólico?

Claro, a lei é a lei para todos, para min, para o presidente da Xunta e para quen sexa. Será como todos os expedientes que se aproban. Haberá unha presentación de proxectos que terán que cumprir os requisitos legais, nin máis nin menos. É o que di a lei e eu supoño que ningúen quere vulnerala. Eu augúrolles que vai haber moi poucos problemas

Sentiuse moi marcado polo presidente Touriño ou polo conselleiro de Economía no proceso?

Nunca me preguntaron polo tema eólico, nin o presidente, nin o vicepresidente, nin ninguén. Eu sentinme absolutamente libre para facelo como quixen, e coma este, noutros temas. Sempre hai diferenzas de criterio que se dan incluso dentro do mesno partido, pode haber enfoques diferentes, pero non me preocupou absolutamente nada do que fixeran os demais, preocupeime de facer o que tiña que facer eu.

Botou de menos a presenza do presidente na presentación da adxudicación provisional do concurso?

A esas alturas non, tampouco nos imos equivocar. A min gústame ser politicamente correcto, o xusto. Se o presidente me chega a dicir que quería estar, estaría, nunca tería feito algo en contra. Se me di “quero estar nesta resolución”, era un sitio magnífico para estar. Antes de todo proceso e de como se deu, claro. Seguramente, el mesmo reflexionou que non era o seu lugar adecuado.

Que lle dirían se fala con empresas como Iberdrola, que quedaron fóra do reparto de megawatios?

Adxudicamos 2.300 “megas” e había 30.000 solicitudes. É normal que os que non o levaron non estean satisfeitos. Eu sempre fun claro, e pódese mirar a hemeroteca, sobre cales eran os obxectivos e a política que se quería pór en marcha. Agora, por cada volta que dá un aeroxerador, os galegos saben que neste novo modelo hai un 14,22% dos beneficios que queda aquí, onde ademais van resultar beneficiados os concellos afectados polos parques e as comunidades de montes.Moitas das empresas adxudicatarias son de aquí, cotizarán aquí, pagarán IVE aquí... Cando falamos de balanzas fiscais, resulta que as empresas teñen aquí os aeroxeradores e os encoros pero facturan en Madrid. Que balanzas son esas que non contan onde está a explotación dos recursos? Por primeira vez se respecta a Rede Natura, e está moi vinculado a proxectos industriais que van xerar emprego e actividade económica aquí. O que me interesaba era o cambio de modelo, non o resultado. Estes días chega tamén moita xente dicindo que... A pesar de que algúns intentan crear un estado de ánimo xeralizado, non é tan fácil.

Crise económica

Malia a non ser un dos departamentos con maior orzamento da Xunta, Fernando Blanco asume a importancia da súa consellería na actual conxuntura económica e ten claras algunhas das receitas para paliar os efectos das dificultades económicas no país. Unha delas, segundo o nacionalista, pasa pola creación dun Instituto de Crédito Oficial xestionado polo Goberno galego.

Como lle explicaría a unha persoa non iniciada na materia a necesidade dun Instituto de Crédito galego?

Eu fago unha pregunta. Como é posible que o PP e o PSOE manifesten que o ICO español é unha ferramenta imprescindible para actuar en clave económica e política no conxunto do Estado e, porén, un ICO galego non o é en Galiza. Por que o que é bo para España é malo para Galiza? A algúns semella que meterlle o cualificativo de “galego” lles molesta. Neste momento, teríamos capacidade para actuar, por exemplo nas empresas ás que lles están denegando créditos, porque un dos problemas que esencialmente teñen as empresas neste país é a falta de financiamento. Iso é máis fácil instrumentalizalo cun ICO galego. Pero en todo caso, son outros os que teñen que dicir por que o que é bo alí non o é aquí... Todos os países teñen un, por que nós non?

Unha das principais preocupacións do titular de Industria diante da crise pasa polos efectos que esta pode ter nun dos principais sectores produtivos de Galicia, como é o da automoción. Neste ámbito, Fernando Blanco teno claro: “Non podemos quedar de espectadores”. Neste sentido, aposta por unha estratexia que combine un plan de renovación do parque automóbilístico a nivel europeo, o denominado Plan Renove e medidas de I+D+i. “Hai que dar unha subvención directa e garantir a financiación –explica–, e iso é o que vai asegurar esa travesía cara ao deseño do futuro: coches híbridos, con hidróxeno... que a poidamos facer nas mellores condicións. O problema é que, se non chegamos á beira, dificilmente imos poder andar despois”.

Citroën exporta o 88% dos vehículos que fabrica en Vigo e as súas vendas en todo o mundo só descenderon un 5%. Mentres, en Vigo cercena a produción nun 32% e anuncia despedimentos. Non considera que hai unha certa condescendencia dende a Administración coa dirección de PSA?

Hai unha evidencia: o descenso de vendas e matriculacións é real e se está perdendo mercado. Non só afecta a Citroën, temos moitos concesionarios que neste momento están nunha situación moi difícil. Por iso un Plan Renove non beneficiaría só a Citroën.Eu á empresa da automoción teño que mandarlle unha mensaxe clara: estamos dispostos a facer un esforzo, pero ten que ser recíproco. Se nós imos apoiar con impostos de todos o pulo á empresa, iso ten que ter unha correspondencia coa sociedade, o mantemento dos postos de traballo.

Outro sector produtivo importante no noso país é o forestal. Despois de non logralo co concurso eólico, que marxe existe para que algún día en Galicia, do mesmo xeito que se ambiciona un gran grupo lácteo, teñamos unha industria transformadora da riqueza forestal?

Isto era un concurso e había que presentar o mellor para conseguilo. Vinculalo tamén tiña as súas dificultades, porque unha parte substancial no traslado de Ence é a propiedade. Ten prazo ata 2018, o razonable é empezar a construír unha nova sede noutro punto, cun acordo razoable para todos. Non se trata de que a Administración vaia pagar unha nova papeleira e que despois a propiedade sexa doutros. Aos propietarios interésalles chegar a un acordo, porque senón en 2018 se pecha e punto.

O café de redacción co titular de Industria e candidato nacionalista remata, como empezou, coa voz dos lectores de Xornal.com.

Que delito cometemos en Ferrolterra para ter que convivir coa bomba de Reganosa?

Primeiro, hai que dicir que Reganosa acaba de gañar unha sentenza no Tribunal Supremo e, polo tanto, se chegamos a poñer problemas, estariamos nunha situación moi complicada, en época de crise, tendo que indemnizar á empresa con miles de millóns. A min non me gustaba Reganosa onde estaba. Hai accións do anterior Goberno que non son afortunadas e que neste momento non poden cambiarse. Eu non xogo á dobre moral, non me gustan as mensaxes equviocadas. Non me gustaba a súa ubicación pero era imprescindible o seu funcionamento.

Quizais foi un tema mal vendido?

Non era fácil de vender. Hai moita xente á que non lle gusta, incluso base social de xente próxima ao BNG. Eu sabía que a decisión podía ter un custe electoral, pero eu creo que era moi importante ter unha regasificadora, e de feito hai moitos emplazamentos que as solicitan para completar o mapa gasístico.
Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad