Martes, 09 de febrero de 2010 - 20:25 h
1-m

Manuel Ameijeiras: “Non podería negarme si Touriño me pedise entrar no Goberno"

“Na rúa percíbese que o PP vai empeorar”, di o elegado do Goberno en Galicia nun café de redacción en Xornal de Galicia.
Xornal.com - clásica Actualizado 27/01/2009 - 15:44 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Rodri Suárez / XORNAL.COM I A Coruña.- Manuel Ameijeiras non se toma a broma o seu posto, pero bromea con si mesmo. “Se o difunto García Sabell levantara a cabeza e vira onde estou, non o crería”, di en referencia ao máis lembrado Delegado do Goberno en Galicia e, polo tanto, antecesor seu nun cargo que Ameijeiras define con certa resignación ao comezar a súa visita a Xornal de Galicia: “É máis de acción e de omisión, e tamén se supón que de reflexión, malia que non sempre se pode expoñer a mesma”. Cústalle asumilo, porque sábese falador nunha responsabilidade que precisa contención verbal e que vai alén da imaxe que trasmite. “Trátase dunha función que se coñece sobre todo polas cuestións de seguridade, non hai forma de fuxir diso, somos vistos como uns delegados de Interior cando non é así, xa que a proposta de designación sae directamente do Presidente do Goberno e eu traballo con todos os ministerios”, asegura.

Representa Ameijeiras ao Goberno de Madrid, pero ten o seu centro vital en Galicia. Iso provócalle algún conflito. “Eu estou no territorio e teño que responder ás súas necesidades, que non sempre son as mesmas que as dos ministros, aos que ás veces lles falta o termómetro do lugar e hai que darlles información”, conta. Faino en galego. E ao idioma refírese a primeira pregunta que lle envían os usuarios de xornal.com, que lle piden que cambie por Ameixeiras o seu “deturpado apelido que de ser en castelán sería algo tan disparatado como Almejerías”, segundo di o internauta. O Delegado do Goberno responde: “Intenteino, porque sempre farda máis Ameixeiras que Ameijeiras. Pero houbo xente moi preparada, como por exemplo o propio Ramón Villares, que me dixo que non era necesario, posto que ao vir do galego-portugués, ese Ameijeiras pronúnciase con ‘xe’ a pesar de ter unha iota, porque así é na ortografía do país veciño. É unha cuestión complexa”.


O Delegado do Goberno en Galicia cre que hai un conflito lingüístico neste país?
Si, non tiña porque habelo pero ao estar no debate político non se pode mirar para outro sitio. Pero é por iso, porque os galegos nunca tiveron ese problema. Sempre estivemos orgullosos das dúas linguas.

Como responsable do Goberno saberá que hai moitas queixas sobre o mal uso da toponimia ou as trabas ao galego na Administración central.
Pero hai moitos avances nese senso. As propias forzas e corpos de seguridade quérenos por moito que haxa inercias que manteñen o seu peso. Pero hai progresos. A Garda Civil fala moito galego, sobre todo no rural. E a propia policía utilízao, pero menos ao moverse nas cidades, onde o galego está menos introducido.

Falouse moito de seguridade en Galicia hai uns meses, cando a xeira de asaltos a chalets.
Os datos de delincuencia están estabilizados. Hai unha pequena subida, pero tampouco podemos esquecer que os tempos de crise aumentan estas actividades, sempre se falou dos delitos famélicos: se hai necesidades sobe a delincuencia. Pero logo está a seguridade subxectiva, que está moi ligada aos medios. Aí dánse repuntes cando se atracan as vivendas. Cando entran nos propios dormitorios é moi traumático. Creo que aí dimos unha resposta moi boa. Cando os delitos ao patrimonio levan o nome detrás dun famoso, iso crea alarma. Ocorreu cando atracaron a Kina Fernández e Manoel Soto. Agora estamos máis tranquilos.

É insegura Galicia?
O noso índice de delincuencia é moi baixo. Eu como delegado do Goberno acudo a unha mesa na que estamos 17 comunidades autónomas e nos datos sempre somos medalla de bronce como pouco, case sempre medalla de prata. Supéranos A Rioxa, que tradicionalmente non ten moita delincuencia, pero dificilmente baixamos ao terceiro posto.

Segue a ser o tráfico de drogas o maior problema?
Non hai que ser inxenuos. Hai unhas xeracións que se formaron nesta actividade provindo do contrabando e algúns se reconverteron ao narcotráfico. Pero agora temos uns éxitos en alixos que demostran, primeiro que hai actividade e en segundo termo que os sistemas de detencións están funcionando. Aínda que os narcos teñan coñecementos, nós tamén. Os maiores especialistas en narcotráfico son galegos, como sabe todo o mundo. E en terrorismo tamén, por certo.

Como chega a droga a terra na actualidade? Cambiaron os métodos?
Agora utilizan moito os contedores, con eles arriscanse menos a ser interceptados pero perden mercancía. Pero a droga incluso chega por estrada para logo ser distribuída dende aquí.

Que hai de certo niso, que sempre se di. que se atrapan a peixes pequenos pero aos gordos ninguén lles toca?
A potencia da droga é tan importante como gobernos enteiros. Agora a presión dos cárteles colombianos é moi grande, con auténticos capos de película que xa non se fían dos sistemas galegos e están montando outro tipo de negocios. Se coñecemos a todos os implicados? A todos non. É unha loita global, no que hai que ir ao peixe grande, ao pequeno e ao mediano. Se apuntas a un grande sen probas de calidade remóvese a sociedade enteira. Se fallas, derrubas a pirámide. Neses casos hai que telo todo moi pechado, porque se erras xa estás inhabilitado para loitar contra o narcotráfico. Pero Galicia e España, que neste caso é o mesmo, poden estar orgullosos do traballo das súas forzas de seguridade.

E a presenza de bandas delictivas chegadas do leste? Estendeuse?
Detivemos algunhas. O certo é que este tipo de grupos, capaces de entrar en casas, son o máis perigoso que hai. Por agora non buscaban nin levaban armas, quizais para mitigar a pena se son detidos. Iso quere dicir que podemos reducir o pánico xeral que hai en certos sectores da sociedade. Non digo que non sexan capaces, pero polo de agora non entran coa metralleta. Estas bandas son perigosas e nestes casos é mellor non facerlles fronte, como ocorreu nalgún caso.

Tamén acadaron certa sona mediática as chamadas bandas latinas. Existen en Galicia?
Temos disposto un operativo policial para detectalas. Vixiamos os centros de ocio e tamén os contornos escolares, posto que son xente moi nova, a punto de deixar as aulas, pero o que temos en Galicia é mínimo. O dispositivo que despregamos fixémolo porque se impuxo a nivel nacional, pero as incidencias que tivemos foron pouca cousa, cóntanse cunha man. Pero hai que estar atentos, especialmente nos ámbitos urbanos.

Na rúa acúsase a xente de perfil achegado ao dos compoñentes destes grupos, sobre todo na orixe, de estar na matriz de episodios violentos vinculados ás zonas de ocio. Falouse do Orzán, na Coruña, por exemplo.
Estiven detrás dun operativo na zona do Orzán, e podo dicir que a práctica maioría dos que estaban implicados neses incidentes tiñan un pedigree totalmente galego. Fixemos unha investigación forte porque os problemas eran serios, pero non atopamos ese perfil do que se estaba a falar.

Entón, que se acuse, como ocorre, a inmigrantes sudamericanos de provocar incidentes nas áreas de copas é un síntoma de racismo?
Racismo non sei, pero é unha vacina que hai que poñer. En Galicia pode haber algún caso de estranxeiros que creen problemas, pero a meirande parte dos delitos cométenos españois. O do Orzán é un problema de sempre, como Pena Moa, onde non hai foráneos. Logo cargan culpas outros polo aspecto ou a orixe, pero non é así.

Como está a situación nos cárceres galegos como Teixeiro ou A Lama?
Temos un sistema carcerario moi ben considerado a nivel europeo, pero agora nas cadeas estase a incrementar a poboación e temos un reto que hai que afrontar, porque forma parte da seguridade global. Hai que incrementar os recursos. Non podemos permitir que se nos escape por aí a seguridade.

Tocan eleccións autonómicas. Tendo en conta a súa experiencia nestes temas, gustaríalle que, en caso de reeditar o Goberno actual, Touriño contase con vostede para pór en marcha a Policía Autonómica?
Estou moi satisfeito coa misión que teño e eu non adoito pensar no día de mañá. Unha das vantaxes que ten a Delegación do Goberno é a de crer que isto é por días, malia que xa vaian cinco anos. Estou aquí pola confianza política, que vén do Goberno de España pero tamén por parte de Touriño. Fomos compañeiros de traballo e agora podería dicir que colaboradores. Touriño é un mentor político, se non fora el presidente da Xunta seguramente eu non sería Delegado do Goberno. Así que asegurar que lle diría que non sería un farol. Si mo pide, terá que ser. Pero non creo que el estea nesa dinámica, pero en política....

Repetirá o bipartito?
Eu son político de barrio. Gústame o contacto coa xente. O meu soño é estar falando coa xente. E o que escoite é que se reedita o bipartito. As enquisas que me pasan van tamén polo mesmo camiño. Pero a rúa o que di é que empeora o PP e as outras dúas forzas están aí. Tiveron unha misión complicada como a de cambiar o ton da política galega e o conseguiron. Eu respiro mellor nesta etapa.

Semella que o PSdeG non quere contar con moito Zapatero en campaña para fuxir dun rostro que pode ser relacionado coa crise.
Non o creo e ademais sería un erro, porque Zapatero ten unhas enquisas moi favorables. Eu penso que estas eleccións galegas son deseñadas polo propio candidato, que é Touriño. E crese que hai que vender “presidente” porque está orgulloso da súa xestión. E iso é ser leal coa cidadanía porque xógase o goberno da Xunta, non outro. Cada convocatoria ten as súas claves.

E cumpriranse os prazos do AVE?
Eu creo neles, hai procedementos e presupostos para que se cumpran. O eixe atlántico está moi avanzado, entre Coruña e Santiago case se fixo xa o noventa por cento. Un empeza a crer nos cumprimentos cando percibe de preto as obras e cando se vexan nas cidades cesará o debate, por exemplo ocorrerá agora cedo cando cheguen ás portas de Vigo.

Pero o ministerio de Fomento ten moi mala sona en Galicia.
Á Ministra de Fomento se lle tratou inxustamente. En capacidade de xestión, tratándose dun ministerio enorme, tivo unha moi boa acción. Outra historia é o que se lle cargou, esas cousas do “plan Galicia de mierda”... pois non o dixo, simplemente respondeu a un xornalista que lle preguntara tres veces e ela, con ese carácter aberto que ten, pois iso... O AVE haino que traer dende a Península, pasa por Valladolid, Zamora... O tramo de Lubián está nos anais de enxeñería de Europa e estase a poñer toda a carne no asador. Chegará.

Fomento tivo moito protagonismo e foi moi criticado cando a catástrofe do ‘Prestige’. Dende o seu posto actual, como tería actuado vostede nesa situación.
Iso é moi complicado, non é elegante falar a posteriori.

Pero García Sabell tivo o ‘Casón’, Fernández de Mesa o ‘Prestige’; por probailidades pódelle tocar unha situación similar. Estamos máis preparados?
O problema do Prestige foi de claridade. Houbo unha ocultación informativa. Tratouse ao cidadán coma se non tivese dereito á información veraz. E se volvese pasar estamos moito máis preparados. En medios, en buques contra a contaminación, en coordinación, en procedementos, plans de emerxencia... Antes non había. O risco existe porque hai tráfico marítimo, pero o despregamento e a inversión multiplicouse por dez.

Gustaríalle que o Ministerio de Pesca tivese a súa sede en Galicia?
Porque non? En España dicir pesca é dicir Galicia.

E o Museo Nacional de Ciencia, se instalará na Coruña?.
Si. Foi complicado acadalo porque a Comunidade de Madrid queixouse. Pero a propia ministra Mercedes Cabrera deulle pulo ao asunto e confirmouno. Recoñeceu que lle custou manter a decisión, pero en principio está preparado para que sexa así e o Museo estea na Coruña.

Invertirá o Goberno central no Gaiás? Zapatero chegou a dicir que era un asunto de Estado.
César Antonio Molina está traballando nelo, aportando ideas. É un tema da propia Xunta, pero vaise facer o anunciado, porque é un compromiso do presidente do Goberno e o da Xunta.

Foi director de Lavacolla. Cre nunha Galicia de tres aeroportos ou optaría por un, pero moi forte?
A realidade é que hai tres e cada un ten a súa misión. O de Santiago é o mellor aeródromo de todos cun feixe de posibilidades, como estar centrado xeograficamente. Pero cada un quere o seu e todos teñen a súa función e o seu público. Non sempre coincide o que se quere co que hai que afrontar.

Volven a preguntar os lectores de xornal.com: “Vostede dixo que ía ser un garante do plan Galicia. Que pasou?”
Sigo a selo. Pero do plan Galicia que temos agora, que está moi mellorado e con moita máis inversión. Saímos gañando.

En xornal.com tamén queren saber si está vostede a favor da transferencia do Tráfico a Galicia.
Dende o meu cargo non podo meterme aí. Eu son representante do Executivo e ese é un tema do Lexislativo. Pero creo que o estamos a facer ben nese duro eido. Levamos cinco anos baixando a sinestralidade de tráfico. Pero, malia iso, debemos manter a chamada á conciencia das familias. Adoitamos pensar que é cousa dos demais, ninguén cre que vai ser a seguinte vítima da estrada, pero pode ser. É dramático. E hai que concienciarse.

No noso diario dixital tamén lle piden a súa opinión sobre aquelas palabras do vicepresidente da Xunta e líder do BNG, Anxo Quintana, nas que dicía que as sancións de tráfico viñan a ser un atraco aos galegos porque non servían para que se investise nas nosas estradas.
Creo que o señor Quintana non estivo nada afortunado nesa frase como tampouco cando se refire neses termos á peaxe da autoestrada. Non se lle pode dicir á xente que non pague porque iso non é legal.

Que momentos especialmente duros recorda do seu actual posto?
O peor son os naufraxios. En cuestións de orde pública, pois foron intres moi tensos algúns como a folga do Metal en Vigo ou o caso de Reganosa.

Logo dunha longa conversa resulta que non se falou aínda de terrorismo, o que semella un bo sinal. Que foi de organizacións armadas como Resistencia Galega?
Entre as prioridades que temos riba da mesa non está o terrorismo en Galicia. Hai determinados sectores radicais que fan proselitismo, pero non é a gran preocupación na que temos que traballar. Iso non significa que lles deamos bombóns. O que si facemos é vixiar legalmente eses ambientes. Hai persoal adicado a iso e teñen labor porque hai algún responsable dese paraterrorismo identificado. Pero entra e sae, non está sempre aquí.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad