Redacción. /
XORNAL.COM I A Coruña.- O vicepresidente da
Xunta lanzou onte unha mensaxe de advertencia para as empresas subministradoas de enerxía eléctrica en Galicia,
Unión Fenosa e Begasa.
Anxo Quintana considera acertada a decisión da Consellería de Industria de abrir unha investigación sobre a resposta das compañías ante o temporal Klaus, e vai máis aló: Iso dirá se os danos na rede son só polo temporal.
Quintana deixou caer que é posible que as liñas eléctricas xa non estiveran en perfectas condicións con anterioridade. O nacionalista admite que os danos foron moi considerables pero cre que a tormenta serviu de toque de atención sobre o mantemento do tendido, que na súa opinión seguramente é mellorable. O vicepresidente eloxiou ademáis o traballo da consellería de Innovación e Industria que, asegura, está a facer un seguimento estrito de
Fenosa e Begasa, e que xa criticou a mala atención aos afectados.
Por outra banda, o conselleiro de Presidencia da
Xunta,
José Luis Méndez Romeu, lamentou o feito de que os cortes de electricidade duraron bastantes horas en varios puntos de Galicia, pero insistiu en que as medidas destinadas a paliar os efectos dos fortes ventos foron suficientes para dar resposta puntual e inmediata ás incidencias rexistradas, que cuantificou en máis de 2.000 chamadas ao número 112 en tan só 24 horas.
Non opina o mesmo o comité de empresa da CIG do Centro de Atención de Emerxencias (CAE), que convocou unha rolda de prensa para hoxe na que denunciará o caos a nivel laboral ocasionado polo temporal, a falta de previsión e a escaseza de persoal no 112. O subdirector xeral de análise e xestión de riscos de Protección Civil, Roberto Suárez, aseverou en declaracións a este xornal que o persoal do CAE reforzouse, porque a previsión estaba feita, e todos os postos dispoñibles estaban en funcionamento. Mantivemos o reforzo ata que non foi necesario. As reivindicacións laborais non son da miña competencia, pero supoño que estarán na mesma liña de reclamacións que fan dende hai tempo, apuntou Suárez.
Indemnizacións
Á espera de que o Consello da
Xunta de mañá aprobe un decreto de axudas para os afectados polo temporal, o Consorcio de Compensación de Seguros xa contactou coa Asociación de Entidades Aseguradoras (Unespa) para coordinar as actuacións coas compañías privadas, e recomenda que os afectados dirixan coa maior brevedade posible as reclamacións ás súas aseguradoras. Unha vez se publique o listado definitivo de municipios afectados, os usuarios poderán reclamar directamente ao Consorcio.
É aconsellable, ademáis, que as persoas que precisen facer reparacións inaprazables corserven fotografías dos danos e facturas correspondentes.
O Consorcio indemnizará polos danos producidos por refachos de vento superiores a 135 kilómetros por hora nas persoas e bens que se atopen asegurados, polo que esperan miles de reclamacións procedentes de Galicia. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) fará pública mañá a lista dos puntos da península que terán dereito ás indemnizacións. Nos últimos días son varias as asociacións agrarias que veñen pedindo axudas de xeito urxente. A Asociación de Selvicultores de Galicia, que representa a uns 10.000 asociados, cifrou en 100 millóns de euros as perdas rexistradas polos propietarios forestais.
¿E se fose un petroleiro?
O Grupo de Expertos Non Gubernamentais do Sistema Mundial de Socorro instou aos grupos parlamentarios a investigar a fondo a omisión de información sobre as actuacións dos medios de salvamento de Sasemar, e a comparecencia do director xeral da Mariña Mercante, para explicar as causas do naufraxio do buque Braga polo temporal.
O Grupo de Expertos cuestionouse o que acontecería se en lugar dun cargueiro de trigo a embarcación afundida fose un petroleiro o que estivera a carón do litoral galego, e asegurou que España volveu fracasar na toma de remolque dun pequeno mercante.