Sogama acolleu sen permiso dúas mil toneladas anuais de lixo farmacéutico

A sociedade pública acumulou durante seis anos no vertedoiro da Areosa residuos perigosos de mediciñas en lugar de incineralos
Xornal.com - clásica Actualizado 30/01/2009 - 09:30 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Miguel Pardo. / XORNAL.COM I A Coruña.- Sogama estivo anos acumulando residuos procedentes das farmacias de toda España no seu vertedoiro da Areosa malia non posuír autorización para facelo. Os restos de medicamentos chegaban procedentes da planta Sigre –xestionada por Danigal ao igual que o vertedoiro– e eran ciscadas nos terreos a unha media de dez toneladas diarias en dous camións, máis de dúas mil ao ano, segundo aseguran fontes achegadas á empresa.

Danigal incumpría así o acordo asinado co Sigre (Sistema Integrado de Gestión y Recogida de Envases) en 2002 e no que se especificaba que os rexeitamentos resultantes da clasificación dos restos de medicamentos de toda España deberían ser incinerados para a súa valorización enerxética. Segundo as fontes consultadas, a porcentaxe de restos queimados foi mínima. No entanto, miles de quilos de lixo perigoso foi acumulado sen control no vertedoiro, o que supuxo e supón un risco grave polo elevado grao de contaminación dos materiais.

Sogama asumiu onte nun comunicado que procesou rexeitamentos de residuos farmacolóxicos –nunca hospitalarios– na Areosa malia que a Autorización Ambiental Integrada concedida á empresa en abril de 2008 limitara a procedencia destes. O servizo seguiuse prestando, no entanto, ata o 22 de xaneiro de 2009, un “tempo prudencial” para que Sigre buscase outro xestor autorizado, e porque os residuos eran equiparables aos urbanos.

Sogama recoñeceu a entrada de 1.722 toneladas de rexeitamentos do Sigre no vertedoiro da Areosa. Fontes da empresa aseguran que son máis de 2.000 as vertidas, pero non exclusivamente de rexeitamentos non perigosos, senón tamén de restos de medicamentos altamente contaminantes.

Segundo as mesmas fontes, Sogama cobraba a Danigal unha tarifa duns 60 euros por tonelada de residuos para a súa incineración, un prezo moito máis elevado que o que pagaban os concellos galegos.

Ante a elevada tarifa, Danigal e a sociedade pública chegaron a un acordo para permitir depositar os residuos no vertedoiro sen producir toda a valorización enerxética pactada anteriormente.

Algunhas fontes aseguran tamén que Sogama e Danigal chegaron a modificar facturas para xustificarse ante o Sigre, unha entidade sen ánimo de lucro apoiada polos gobernos central e autonómicos para darlle un tratamento medioambiental axeitado aos restos de medicamentos e evitar a súa acumulación descontrolada.

Danigal, encargada da planta Sigre, xestiona tamén o vertedoiro da Areosa propiedade de Sogama no que se estarían acumulando os residuos farmacéuticos. Ademais, o mesmo terreo foi sinalado por Augas de Galicia como o causante dos vertidos tóxicos ao río Lengüelle que están sendo investigados polo Xulgado de instrucción número 1 da Coruña.

As deficiencias do devandito vertedoiro provocaron nos últimos anos a contaminación reiterada dos regatos achegados á zona e do propio río Lengüelle, tal e como demostrou mesmo con fotografías Xornal de Galicia.

Sogama, a raíz dunha investigación interna, demostrou que dous altos cargos da compañía levaban desde 2003 ocultando informes analíticos da Areosa que demostraban esta contaminación. Os dous traballadores críticos coa xestión actual da sociedade, Ramón Pérez Mariño, xefe da área técnica, e Pedro Alcázar, xefe de área de calidade e medio ambiente, foron despedidos nunha consecuencia máis da guerra desatada na compañía.

Ademais, Danigal é tamén propietario dun vertedoiro contiguo ao de Sogama no que verteu residuos urbanos da Coruña e da súa área metropolitana malia contar unicamente con autorización para acoller cascallos, tal e como demostrou este diario.

Tras as denuncias de Xornal, e logo de que lle rematase o seu prazo para acadar a Autorización Ambiental Integrada, A Coruña e a súa área metropolitana envían desde Nostián os seus residuos sólidos urbanos a un vertedoiro de Gestán. Este terreo, ao contrario que o de Danigal, si ten impermeabilización e chemineas para extraer os gases.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad