Miguel Pardo /
XORNAL.COM I A Coruña.- O Sigre (Sistema Integrado de Gestión y Recogida de Envases) ameaza con denunciar a Danigal, empresa que xestiona a súa planta de envases farmacéuticos en Cerceda, se comproba que estivo seis anos botando restos de medicamentos ao vertedoiro de Sogama na Areosa en lugar de incineralos.
A entidade estatal encargada da reciclaxe de todos os restos de medicamentos que son depositados nas farmacias españolas asegurou onte nun comunicado estar totalmente sorprendida e preocupada polas informacións aparecidas neste diario. Sogama limitouse desde 2002 e ata hai menos dunha semana a ciscar dúas mil toneladas de lixo farmacéutico anuais no seu vertedoiro, xestionado tamén por Danigal.
Sigre iniciu xa onte unha investigación abrindo un proceso de información cos diferentes xestores autorizados de residuos cos que traballa. No caso de detectarse algún tipo de conducta ou actividade non conforme aos compromisos adquiridos con eles, Sigre tomará as medidas oportunas para defender os seus dereitos e reclamar as responsabilidades que xuridicamente procedan, dixo. Un voceiro da entidade sen ánimo de lucro advertiu a este diario de que denunciará a Danigal e os xestores implicados se se comproban estas acusacións tan graves, aínda que aclarou que non ten por que poñer en dúbida as xustificacións dadas no día de onte polas empresas implicadas.
Porque o Sigre púxose en contacto onte á mañá con Danigal, Sogama e Sogarisa (a onde se levan os residuos farmacéuticos máis perigosos) para comprobar o correcto tratamento dos restos farmacéuticos. A entidade di dispoñer da documentación que certifica que os restos de medicamentos sempre se destinaron á valorización enerxética.
Fontes achegadas ás empresas implicadas e consultadas por este diario aseguran, no entanto, que Sogama e Danigal chegaron incluso a modificar facturas para xustificar ante o Sigre a incineración dunha gran parte de residuos que nunca foron queimados.
O Sigre aclarou onte tamén que a súa actividade fíxose sempre baixo a tutela e o control das autoridades medioambientais da
Xunta de Galicia. Así, o sistema de reciclaxe de mediciñas confirmou que xa enviou un escrito á
Consellería de Medio Ambiente pedíndolle explicacións.
Esperamos unha resposta da
Xunta e esperamos que nos achegue toda a información da que dispón sobre este tema, insistiu un voceiro do Sigre, que tamén pediu explicacións a Sogama, aínda que aclarou que a súa firma non ten ningunha relación contractual coa Sociedade Galega de Medio Ambiente, senón con Danigal, que quixo responder ás súas acusacións con outro comunicado.
Danigal pásalle a bóla a sogama
Así, Danigal remitiu un comunicado aos medios nos que aclara que a súa empresa xestiona a planta de reciclaxe de restos de envases farmacéuticos con todas as autorizacións necesarias e dacordo co contrato asinado co Sigre.
A compañía con sede na Coruña pásalle a bóla a Sogama ao aclarar que ningún técnico da sociedade pública rexeitou a recepción dos residuos entregados por Danigal, polo que se debe entender que cumprían cos condicionantes necesarios para os eu tratamento nas instalacións.
Juan Arias, responsable da planta Sigre de Danigal e fillo do ex conselleiro delegado de Sogama, Mauro Arias, non quixo facer declaracións e limitouse a dicir que tomará as medidas que se teñan que tomar ante as acusacións.
Danigal manifestou tamén no comunicado o seu rexeitamento á utilización do nome da compañía en conflitos laborais e/ou políticos alleos á lícita actividade da compañía e das persoas que, día tras día, realizan o seu traballo con total honestidade na compañía.
Ademais, a compañía, envolta en varios escándalos medioambientais nos últimos meses, desmintiu calquera tipo de irregularidade denunciada por fontes anónimas e de escasa credibilidade.
Seis traballadores de Danigal están imputados na investigación que leva a cabo o Xulgado de Instrución número 1 da Coruña polos vertidos tóxicos ao río Lengüelle procedentes do vertedoiro de Sogama que a empresa xestiona. Ademais, outro vertedoiro da súa propiedade recibiu durante máis dun ano 5.000 toneladas mensuais de lixo urbano da Coruña e da súa área metropolitana malia non contar con autorización para facelo.