A planta Sigre carece de depuración e verte residuos nun rego de Cerceda

As impurezas e os restos ?da limpeza da instalación que xestiona Danigal acaban nun regato cercano ao parque acuático da localidade
Xornal.com - clásica Actualizado 01/02/2009 - 04:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Miguel Pardo / XORNAL.COM I A Coruña.- A planta Sigre, que pretende ser un exemplo de reciclaxe e coidado do medio ambiente, incumpre coas condicións mínimas de respecto co contorno. A instalación que xestiona Danigal en Cerceda, e que trata todos os restos de medicamentos das farmacias de España, carece de depuración e verte impurezas ?e desperdicios da súa limpeza a un regato cercano.

O centro, situado no polígono do Acevedo, non conta con elementos mínimos de depuración para tratar os líquidos resultantes da limpeza da planta, polo que acaban directamente nun rego situado a uns vinte metros e achegado tamén ao parque acuático de Cerceda. Segundo fontes próximas á compañía, a planta carece de rede de sumidoiros para uns líquidos que adoitan conter restos de medicamentos moi contaminantes, sobre todo se os seus principios activos se mesturan coa auga.

A planta Sigre, cuxo responsable é Juan Arias –fillo do ex conselleiro delegado de Sogama Mauro Arias–, volveu nos últimos días ao centro da polémica ao comprobarse que a maioría dos restos de medicamentos derivados da instalación acabaron ciscados no vertedoiro de Sogama nos últimos seis anos.

Danigal incumprou así o acordo con Sigre de 2002 que especificaba que os rexeitamentos da reciclaxe de medicamentos serían incinerados en Sogama. Segundo fontes consultadas por este diario, unhas 2.000 toneladas anuais de fármacos foron depositadas no vertedoiro da Areosa, que tamén é xestionado por Danigal malia ser propiedade da sociedade pública. Dous camións diarios e 12.000 toneladas durante os últimos seis anos.

O Sigre (Sistema Integrado de Gestión y Recogida de Envases), un organismo que conta co apoio dos gobernos central e autonómicos, pediu xa explicacións a Danigal e a Sogama e recoñeceu estar “totalmente sorprendido” ante as informacións publicadas.

Esta entidade estatal sen ánimo de lucro anuncia incluso que “denunciará” a Danigal se comproba que non cumpriu co acordo asinado en 2002, malia aclarar que non ten “por que dubidar” da palabra dos seus xestores. Sigre pediu documentación tanto á compañía que xestiona os tratamentos farmacéuticos como a Sogama.

Danigal, pola súa banda, pasoulle a bóla á compañía pública e lembrou que “ningún técnico” da sociedade “rexeitou a recepción dos residuos entregados” pola súa empresa e que acababan ao final no vertedoiro ?da Areosa.

Danigal responde así a unha nova acusación de neglixencia medioambiental. Seis traballadores da compañía están imputados nas dilixencias abertas polo Xulgado de Instrución número 1 da Coruña tras os vertidos ao río Lengüelle que provocaron a morte de milleiros de troitas.

Ademais, Xornal de Galicia adiantou tamén que un vertedoiro privado de Danigal na Areosa acolleu durante ano e medio unhas 5.000 toneladas mensuais de residuos urbanos da Coruña e da súa área metropolitana malia carecer de autorización e presentar graves deficiencias.


“Sogama está saturado”

Por outra banda, o Partido Popular de Galicia asegura que o vertedoiro de Sogama está saturado e que só ten capacidade para funcionar dous ou tres meses máis.

O voceiro de Medio Ambiente do grupo parlamentario do PPdeG, Jaime Castiñeira, nun comunicado feito público onte, afirma que o vertedoiro que Sogama ten na Areosa só dispón de capacidade para seguir funcionando un máximo de dous ou tres meses, pola falta de espazo, tal e como acreditan unhas fotos recentes.

Segundo os populares, as fotos achegadas polo seu partido certifican como a base da morea de residuos sólidos almacenados neste lugar sitúase no límite dos terreos adquiridos por Sogama.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad