Sigre admite que Danigal puido estafalo na reciclaxe dos fármacos

A planta incumpriu o contrato ao cobrar por incinerar uns restos que acabaron no vertedoiro de Sogama, que facturou de máis por “xestionalos”
Xornal.com - clásica Actualizado 06/02/2009 - 00:56 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Miguel Pardo / XORNAL.COM I A Coruña.- O Sigre admite xa que puido ser estafado por Danigal. A entidade estatal encargada da reciclaxe de fármacos insistiu onte nun comunicado na súa ameaza de denunciar a compañía concesionaria da súa planta en Cerceda se comproba que incumpriu o acordo entre ambas as dúas firmas que especificaba que os rexeitamentos dos medicamentos tratados serían incinerados para a súa valorización enerxética.

Tal e como informou este diario, unhas 12.000 toneladas de fármacos foron vertidos durante seis anos e medio ao vertedoiro de Sogama na Areosa en lugar de ser incinerados, malia que o contrato entre Danigal e Sigre, “vixente na actualidade, esixe a valorización enerxética dos mesmos”, tal e como aclara a entidade estatal.

O Sigre asegura que Danigal lle achegou documentación que confirmaba a queima dos medicamentos por parte de Sogama e que ningunha das varias auditorías encargadas “detectou a existencia de anomalías que puideran facer pensar que o destino final non fora o esixido”.

Sogama, no entanto, conta con certificados aos que puido acceder este xornal que confirman que os restos foron “eliminados” ou “xestionados”, pero nunca destinados á incineración ante a “imposibilidade técnica” da planta. Porén, o Sigre aclara que “os xestores medioambientais acreditaron documentalmente que as súas instalacións estaban tecnicamente preparadas para a valorización enerxética dos medicamentos”, algo que nunca asumiu a sociedade pública.

De feito, o contrato entre Sogama e Danigal de 2002 –aínda gobernando o PP– especifica textualmente “a xestión” duns restos que serían “asimilables a urbanos”, aínda que fontes consultadas por este diario advirten da súa perigosidade.

O prezo que Danigal pagaba a Sogama pola “xestión”, tal e como adiantara Xornal de Galicia, era duns 60 euros por tonelada (55,55 máis IVE), o mesmo que se cobraba por incineración e 24 euros máis que o facturado polo depósito do lixo no vertedoiro de Sogama. Un sobreprezo claro (case 300.000 euros en seis anos) e un beneficio evidente malia que a queima nunca se produciu.

“Isto é un contrato de 2002; nós xa aclaramos que nunca os incineramos porque non tiñamos capacidade e sería unha irresponsabilidade mentir”, insistiu onte Sogama.

Sigre advirte de que “o prezo que se estivo facturando e pagando polo tratamento dos restos de medicamentos correspóndese co de valorización enerxética”, aínda que Sogama xa se cubrira ben especificando no contrato que a súa misión era a “xestión” e non a queima. Non así o Sigre, que asegurara á entidade estatal unha incineración que nunca se realizou e que ocultou modificando documentos.

A confirmación destas novas suporían para o Sigre “non só graves consecuencias xurídicas por determinar, senón un agravio contra a confianza dos cidadáns”. “Á marxe das accións legais oportunas, a entidade non descartaría a busca doutros xestores autorizados para a correcta xestión dos residuos”, di un organismo que medita en retirarlle a concesión a Danigal.

Ademais, o Sigre atacou tamén a Sogama, á que acusa da súa “implicación na valorización enerxética”, achegando entrevistas, notas de prensa ou novas de visitas á planta. “Unha nota non é unha proba documental; é preocupante que se baseen niso, pero nós non mentimos”, respondeu a sociedade.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad