Rodri Suárez /
XORNAL.COM I A Coruña.- Antes de que estoupase un dos días máis duros que recorda o
PPdeG en anos, o seu voceiro parlamentario, Manuel Ruiz Rivas, visitou
Xornal de Galicia para defender as aspiracións electorais da súa formación, tras catro anos nos que a figura deste ribeirense resultou fundamental para adaptar o seu partido á fin dunha época marcada polo poder e o liderado de
Manuel Fraga. Quizais por iso e polo seu perfil aberto volverá repetir no Hórreo a pesar dos rumores que falaban do seu adeus á vida parlamentaria tras máis de tres lustros. Continuará Ruiz Rivas, salvo unha desfeita da que non quere oír falar. Ao contrario, confía na vitoria e neses 38 escanos que conceden as chaves de Monte Pío.
Chega á campaña logo de catro anos duros, fóra da Xunta.
Hai diferenzas substanciais deste goberno respecto ad anterior. Se facemos balance do acordo programático do bipartito, os grandes eixes foron incumpridos. Desde o principio lle dixemos que non se podía vivir da inercia e había que acometer unhas medidas que non se levaron a cabo, como reducir os gastos improdutivos. E tamén se deron unhas altas expectativas de autogoberno, os nacionalistas ían educar a Madrid e ao final foi o período menos frutífero en canto a transferencias. Houbo catorce e escasas. Nalgunhas pediuse o respaldo do Parlamento para ter máis forza, como no caso do Tráfico e a Policía e ao final non se fixo nada e ademais perdemos peso específico durante estes catro anos. Creo que despois de todo o anunciado, os votantes de
PSOE e Bloque teñen que sentir unha desilusión e unha desazón importante.
E como ve as eleccións?
Estamos nun escenario aberto no que nos sentimos seguros de acadar 38 ou máis escanos, o que sería a primeira vez que un partido recupera un goberno coa maioría absoluta.
En xornal.com pídenlle que faga unha autocrítica coa súa actuación nestes últimos catro anos.
Para nós era un escenario novo, resultábanos difícil facer oposición porque nunca estiveramos nela. De feito, na propia confección do grupo parlamentario apenas contábamos con experiencia nese eido. Tiñamos que aprender a facer oposición e tardamos en collerlle o tranganillo, xa que estabamos en inferioridade de condicións nos medios e pasamos unha etapa difícil. Pero fomos aprendendo e cambiando e os resultados veranse o 1-M.
Quizais poderían recuperar a Xunta se atopasen aliados, como podería ser o BNG, por exemplo.
Hai un grave problema neste país que é que non se entende que se pode gobernar sen ter que meter a ninguén no teu proxecto. Iso non pasa nos países máis desenvolvidos. Aquí instalouse o de ter maioría absoluta ou facer coalición, cando o importante sería que fósemos capaces de chegar a acordos puntuais sen ter que depender dunha minoría parlamentaria. Nós temos un campo amplo de posibilidades de chegar a acordos co
BNG e tamén co
PSOE, porque me parece raro que dous partidos estatais non se entendan. En Alemaña non se dá esa circunstancia.
Entón, é imposible unha alianza PP-BNG?
É certo que eu detecto que na militancia ou incluso no estrato social están máis achegados que nos propios partidos. Incluso nalgunha tertulia me dixeron simpatizantes do Bloque que se identifican máis con nós que co
PSOE porque destes últimos teñen a sensación de que sempre miran por riba do ombreiro, altivos. Moitas veces non escoitamos á cidadanía ou ao propio viveiro do que obtemos os votos. Pero tamén temos que evitar dar a sensación de que o que queremos é chegar ao poder a calquera prezo. Iso sería mal entendido polos votantes. Temos que defender a nosa mensaxe.
Pero non se está afastando o PPdeG dese estrato social do que fala para buscar un diferente, máis urbano?
Nós temos dous perfiles claros. Un é o galeguismo integrador e outro a extensión polo territorio, sexa rural ou urbano. Atacouse a nosa independencia ao dicir que seguimos os ditados de Madrid. Claro, ao non estar Fraga, que tiña unha autoridade moral tremenda, pois empezaron a chamarnos sucursal. Despois atopamos un líder... e como Feijóo vive na cidade pois abriron esa fronte. Eu sigo pensando que a nosa mensaxe é ampla e integradora para que poida servir no centro de Vigo ou no Courel.
Semella que pouco galeguismo hai xuntándose con Galicia Bilingüe.
Eu creo que temos que ser conscientes de que hai un problema onde non o había. E se o que todos queremos é primar o idioma galego temos que reflexionar, porque o galego está peor agora que hai catro anos. Falamos de liberdade, e iso vai beneficiar ao galego. Estamos nun lugar onde non queríamos ir. Cando eu era pequeno non dábamos galego na escola pero o falábamos todos na rúa. Agora ocupa todo o espazo no colexio pero perde falantes. Alguén terá que repensar isto porque algo estamos a facer mal.
Cal é o problema co idioma galego?
Estamos chegando a un punto no que todo o mundo se sente agraviado. Os galegofalantes, os castelanfalantes e os bilingües coma min. A sociedade evolucionou e igual non como queríamos ou esperábamos en 1983, cando Albor fixo a Lei de Normalización Lingüística. O que se pode ver agora é que Galicia é máis bilingüe e fala menos galego que hai 25 anos. O que mudou foi a sociedade. Antes, a lingua máis agraviada era o galego e había que protexelo. Pero o galego está perdendo peso. Hai que buscar o punto medio para que ninguén se sinta agraviado.
Non fala da manifestacións de Galicia Bilingüe.
Non creo que esa manifestación vaia en contra do galego, pero este ten que entrar dunha forma máis amable. Por exemplo, coas miñas fillas teño tres idiomas: galego, castelán e ghallegho. Elas pérdense porque ven que non é o mesmo o que dan na clase que o que se fala na casa. Non sei se é unha lingua de laboratorio, pero os que o falamos ás veces non nos identificamos co que oímos. No meu concello, que está cheo de galegofalantes, os rapaces teñen problemas coas clases de galego.
Falaba antes do fracaso da normalización emprendida polo primeiro goberno autonómico, de AP.
Facemos autocrítica. Os obxectivos que nos marcamos hai 25 anos non nos levaron onde queríamos. E agora comeza a ter a súa efervescencia certo conflito social. Niso podemos ter algunha culpa pero a maioría creo que pertence ao presente. Logo hai outro problema, que foi recoñecido incluso polo presidente da Real Academia, Xosé Ramón Barreiro, que é a utilización política da lingua. Eu falando con alguén podo saber a súa ideoloxía. Somos o único país que se chama de dúas maneiras en función da opción política. Hai que reflexionar.
O PP está mobilizando ás súas bases para o acto deste domingo. Faino, por exemplo, Conde Roa en Santiago.
Conde Roa é un presidente local e fará o que queira, pero a min non me chegou ningunha convocatoria. Nas bases do noso partido hai xente que convive usando ambos idiomas. Pero loxicamente, como responsables de Galicia teríamos o deber de defender a nosa lingua.
Máis unanimidade existe sobre a dureza da crise económica mundial.
Non podemos estar por unha parte dicindo que a crise é internacional e logo afirmar que con máis competencias estaríamos máis preparados. Non se atallou a crise propia, a que non vén de fóra. Podían administrar os cartos e non despilfarrar, evitar o abandono do rural... Pero fixeron todo o contrario, incrementaron os gastos correntes e de persoal. Non vexo competencias que nos puideran axudar contra a crise. É máis importante, por exemplo, facer unha rebaixa impositiva.
E que fará o PP se volve á Xunta?
Reduciremos o aparato burocrático, que nestes catro anos medrou moito. Iso son moitos gastos correntes na administración que podían ir para o gasto produtivo. Aquí non se inaugurou unha obra que sexa froito destes catro anos. Moito se lle criticaba, pero Fraga cortaba cintas, non poñía primeiras pedras como fai este Goberno. Nós somos dos que pensamos que os cartos teñen que estar onde se crea riqueza e iso xa non é o Estado. Teñen que estar nas empresas e nas familias. E tamén precisamos confianza, e neste momento non a dá Zapatero nin Touriño.
Antes haberá que pasar polo 1-M, que coincidirá coas eleccións vascas.
Ese feito deixou claro a pouca forza que ten este Goberno galego no ámbito das autonomías e do Estado. Os vascos non tiveron problema para a data. Se eles foran os primeiros en poñer o día das eleccións, seguro que Touriño non elixiría o mesmo porque sabe que ningún lle faría caso.
Afectaralles os problemas de espionaxe do seu partido en Madrid?
Non vai afectar. Pero tampouco creo que sexa bo para un partido tan unido como o noso que se poda dar a sensación de todo o contrario. Mais na
Xunta houbo espionaxe. Unha parte do Goberno gravou ao Goberno. Aquí ao brazo dereito do Vicepresidente lle gravaron as conversacións. Aínda está sen clarexar ese turbio asunto polo que marchou da
Xunta o señor
Antón Losada.
Volvendo á recesión, Touriño presume de que Galicia está mellor que o resto do Estado.
Non temos un plus contra a crise. En Galicia están maquillando o paro, como con esas dúas mil persoas que limpan cunetas nesta época do ano. Se non é por iso, se vería que o desemprego está crecendo por riba da media. Que lle digan aos habitantes deste pais que hai un plus de resistencia cando os soldos son baixos ou hai viúvas que cobran 400 euros ao mes non é serio.
Volveremos a emigrar?
Non se deixou de saír cara a emigración. O ano pasado se foron 30.000 persoas. Antes, polo menos marchaban por un traballo mellor, agora é porque aquí non hai nada.
Falando de marchar, mantense a polémica polo voto emigrante.
Había un consenso entre as forzas para dignificar ese voto. O que pasou foi que a forza que podía facer efectivo ese dereito impediu a reforma e se dedicou a mandar embaixadores por aí. Agora pedimos garantías para eles e para nós. A estas alturas parece incrible que se discuta que un señor de Bos Aires se teña que identificar como un de Corcubión. É absurdo.
Que pasaría se o PP acada a maioría absoluta en Galicia e a perde na diáspora.
Eu preguntaríalle aos dous partidos que farían. Estiven en debates sobre este asunto no que eles incluso negaban a lexitimidade dese voto. Se moralmente cren que ese sufraxio está viciado non poden gobernar grazas a el. Sería inxustificable e tería difícil comprensión para os que aquí vivimos.
Medrou moito o optimismo na súa organización nas últimas semanas.
Hai cantidade de elementos que indican que imos cara arriba. E está totalmente desanimada a xente que se ilusionou co bipartito, que o único que fixo foi incrementar os nosos erros por dez. E xa que empecen a saír á luz delirios de novo rico pois tamén inflúe. Viuse cun coche oficial de 500.000 euros, como o de Touriño. Todo o mundo sabe que para saír dunha crise hai que dar exemplo e el non o fai.
Pero están descontentos coa TVG.
Un dos grandes incumprimentos deste Goberno foi non reformar a
CRTVG. Eu non me identifico na televisión pública. Xa non polo tempo que se nos dá, que é escaso, senón polo que escollen da nosa actividade.
O outro día daban que Touriño prometía algo de becas... Quintana algo semellante e do PP, cando dicíamos outras cousas, só sacaron unha crítica ao
PSOE. Distorsionan a nosa mensaxe. E nos medios privados, a acción de goberno ocupa moito máis que a oposición. En Galicia é posible que haxa que replantear a relación da
Xunta cos medios, sobre todo coas necesidades que hai.