O trazo do galeguismo: BBVA recupera na Coruña 25 láminas de Castelao

Presiden a sala de café da sede territorial Noroeste do BBVA. Son 25 Castelaos, oito deles correspondentes a series como Cousas da Vida ou Cousas de Nenos, que nunca foron separados desde a súa adquisición por esta entidade financeira, que os considera a “xoia da coroa” deste edificio coruñés
Xornal.com - clásica Actualizado 09/02/2009 - 00:01 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Alicia Quintá / XORNAL.COM I A Coruña.- Ao seu valor incalculable por ser a obra dun dos artistas máis importantes e emblemáticos da historia de Galicia, súmase, asegura Carmelo Beltrán, director territorial do BBVA, o apego sentimental a unhas láminas ilustradas a plumiña por Castelao, que chegaron a mans dun banco, cun patrimonio artístico de máis de 3.000 obras, alá polo ano 1969.



Vendidas pola crise

As dificultades económicas polas que pasaba a familia obrigaron ás dúas irmás do polifacético intelectual galego, Teresa e Josefina, a pór á venda nese mesmo ano parte dos debuxos do seu irmán, falecido o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires.

Fixérono a través dunha persoa de confianza que rexentaba un supermercado en Betanzos, quen tras un primeiro intento errado ofreceu as obras a José Luís García Dans, director de Agrupación de Lugo do Banco de Bilbao (BB).

García Dans, recorda, desprazouse á vila de Betanzos acompañado polo director do xornal lucense O Progreso, por aquela época o xornalista José Trapero Pardo, co fin de ter unha opinión e consello de “alguén máis experto”.

Unha vez vistos aqueles debuxos e logo de consultar coa Central do Banco de Bilbao, José Luís García Dans adquiriu no supermercado os 25 debuxos por 550.000 pesetas, obras hoxe de valor incalculable que nese momento fóronlle entregadas nunha das antigas caixas metálicas de doce de marmelo.

De volta, en Lugo, a García Dans xa lle ofrecían unha cantidade de diñeiro sensiblemente superior, pero o banco, que máis tarde pasaría a formar parte do grupo BBVA, decidiu quedar con elas e incorporalas ao seu patrimonio artístico. A partir de aí, estas láminas, da década dos 20 do século pasado, que estaban un pouco prexudicadas porque o tratamento en papel non fora o adecuado, limpáronse e enmarcaron.



Difundir a obra de Castelao

Pero, na mente de García Dans estaba mostrar máis aló das paredes da súa oficina de Lugo ese legado importante para Galicia, e é entón cando viaxa a Madrid e leva a Lugo a un bo coñecedor a obra de Castela: Eduardo Blanco Amor.

Con ese apoio, e a pesar das dificultades políticas do momento para expor a obra do pai do nacionalismo galego, Dans que se cualifica a si mesmo como amante da arte, organizou unha exposición que se fixo itinerante por distintas oficinas e institucións que a solicitaron.

Agora, máis de medio século despois, volven saír á luz para o goce de todo o que se achegue a elas.

Nun futuro próximo, “non podería precisar exactamente cando, aínda hai moita información e documentación que solicitar, faremos unha exposición do que foi o Banco da Coruña, agora a sede do BBVA, e probablemente póñase de novo ante o público este tesouro de Castelao”, conclúe Beltrán.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad