Xornal.com - clásica
Actualizado 15/02/2009 - 01:16 h.
Redacción / Axencias / XORNAL.COM I Berlín.- Latinoamérica arrasou na edición deste ano da Berlinale ao gañar o Oso de Ouro a película hispano-peruana La teta asustada, de Claudia Llosa, mentres que a uruguaio-arxentina Gigante levou tres galardóns, entre eles o Grande Premio do Xurado.
A Berlinale deu un claro sinal en favor do novo cinema latinoamericano ao dar o máximo premio a Llosa, nada en 1976 en Lima e fincada en Barcelona, mentres que a Biniez, nado en Bos Aires en 1974 e residente en Montevideo, gañou o correspondente á mellor ópera prima e o Alfred Bauer.
Biniez compartiu o Grande Premio do Xurado coa alemá Alle Anderen, de Maren Ade, e o Bauer, instituido en memoria do fundador do Festival, foi así mesmo ex-aequo, co veterano polaco Andrzej Wajda, por Tatarak.
Llosa, emocionada ata as bágoas, dedicou o seu premio a Perú, mentres que a súa actriz principal, Magaly Solier, embelesou ao auditorio cantando unha peza en quechua, idioma en que se fala nun 40% na súa película, en alternancia coa lingua española.
La teta asustada, rodada principalmente nos barrios máis pobres de Lima, céntrase nunha rapariga que trata de dar un enterro digno á súa nai, violada como miles doutras mulleres durante as dúas décadas de guerra e terrorismo en Perú, entre 1980 e 2000. Un filme moi duro e bastante equilibrado.
Gigante discorre en Montevideo e xira ao redor dun vixiante dun hipermercado, namorado dunha empregada do establecemento, á que segue coas súas cámaras de vídeo.
Uns premios moi repartidos
O Oso de Prata ao mellor actor foi para o maliano Sotigui Kouyate, por London River, de Rachid Bouchareb, mentres que o de mellor actriz foi para a alemá Birgit Minichmayr, por Alle Anderen. A Prata á mellor dirección foi para o iraniano Ashgar Farhadi, por Darbareye Elly.
O xurado internacional da Berlinale estivo presidido pola actriz escocesa Tilda Swinton e tiña entre os seus membros á directora española Isabel Coixet.
Fóra dos premios oficiais, o cinema hispanoamericano levouse xa outros dous galardóns dos xurados independentes: o Teddy, ao cinema de contido homosexual, que foi para Rabioso sol, rabioso cielo, do mexicano Julián Hernández, e o da Confederación Internacional de Cine de Arte e Ensaio, para o filme vasco Ander, do coruñés Roberto Castón, que tamén trata esa temática con moito acerto.
A película é a primeira que se exhibe no festival en euscaro, e chega apoiada polo polo Servizo Vasco de Atención a Glbti (gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e intersexuais). O seu director, máximo responsable do Zinegoak (Festival Internacional de Cinema Gai-Lesbo-Trans de Bilbao), ten unha experiencia de cinco anos en curtametraxes e esta é a súa primeira película de longa duración. A historia céntrase nunha relación entre dous homosexuais nunha vila vasca.
A sección oficial da Berlinale pechouse coa gala da entrega dos galardóns e a proxección, fóra de concurso, de Eden is West, do director grego Costa-Gavras. Hoxe prolongarase aínda o festival co denominado día do espectador, reservado exclusivamente ao público xeral. A Berlinale cumprirá así coa súa tradición de festival máis popular do mundo entre os de primeira categoría internacional.
Nos seus dez días de programación, proxectáronse 282 películas, distribuídas en 1.238 sesións e vendéronse un total de 270.000 entradas ao público non especializado, o que segundo cifras oficiais supón unha nova marca de visitantes.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.