Redacción / Axencias /
XORNAL.COM I Santiago.- Entre 5.000 e 3.500 persoas, según estimacións da Policía Local de Santiago, acudiron onte á manifestación convocada pola plataforma Galiza non se vende, para protestar nas rúas da capital galega contra as políticas sociais e ambientais da
Xunta e reclamar o dereito a unha terra viva e a unha vida digna. Á convocatoria acudiron desde asociacións en defensa do medio ambiente ata colectivos independentistas ou agrupacións localis que se opoñen a moitas das infraestruturas proxectadas polo Goberno galego.
A marcha, que saíu pasadas as 12.30 horas da Alameda compostelana, percorreu varias rúas da parte nova e da zona vella ata rematar na Praza da Quintana. Alí, varios representantes de diversos colectivos leron un manifesto no que denunciaron as políticas xordas e mudas emprendidas polos mandatarios galegos ante a crise económica, ambiental i enerxética, e manifestaron a súa máis enérxica protesta ante o panorama que deixa tras de si o bipartito
PSdeG-
BNG despois de tres anos e medio á fronte da
Xunta.
No escrito conxunto, os manifestantes recriminaron que baixo unha apariencia supostamente progresista, as políticas sociais e ambientais supoñen unha continuación das implantadas polos gobernos anteriores. Empregan o gasto público para alimentar un modelo económico e social obsoleto e inxusto, afirmou un dos representantes durante a lectura do manifesto.
Marbellización da costa
Durante a lectura do texto foi criticada a marbellización da costa galega e o plantexamento urbanístico, así como a falta de verdadeiras políticas sociais por parte dos responsables políticos. Ademais, os lectores do manifesto censuraron o esquecemento interesado dos máis necesitados na coxuntura actual.
En concreto, foron obxecto de crítica o Plan Acuícola, que devasta zonas de costa en beneficio das multinacionais; os proxectos de construcción de portos deportivos; o plan de minería, que para os manifestantes constitúe un triste modelo de expoliación do territorio; e o decreto eólico, xa que na súa opinión non ten en conta áreas de alto valor ecolóxico e patrimonial, e regala os montes galegos ás empresas eléctricas. Segundo o texto, todas esas iniciativas están camufladas baixo a cantinela da creación de postos de traballo, e non teñen en conta todo o que se destrúe en actividades como a pesca, o marisqueo artesanal ou a agricultura.
Os manifestantes tamén denunciaron a través do seu escrito a contaminación dos ríos e a implantación de industrias nocivas e perigosas como Reganosa, Sogama ou Ence-Elnosa. Ademais, rexeitaron o traslado da planta de celulosa ás Pontes. No tocante ao transporte, recrimináronlle ao bipartito o abandono do transporte público a favor da liña ferroviaria de alta velocidade. Quen lles pediu o AVE? Imos traballar a Madrid todos os días?, preguntaron.
A lectura do manifesto rematou aludindo á carta que o xefe indio Noah Sealth remitiu en 1855 ao home branco, considerada unha das máis fermosas proclamas ecoloxistas. A terra non nos pertence, nós pertencemos á terra.