Iago Martínez /
XORNAL.COM I A Coruña.- A menos de quince días para as eleccións,
Francisco Rodríguez combina a cautela coa afouteza, o rol de quen podería negociar un acordo de goberno co
PSOE coa perspectiva do
BNG.
Dá por feita a reedición do bipartito?
Nunca dou nada por feito. Primeiro, porque as eleccións aínda non se celebraron. Segundo, porque tampouco se pode gobernar a calquera prezo. Terceiro, porque as primeiras lexislaturas nunca son abondo para saber que orientación lle quere dar ao país unha forza política.
Cal é o prezo para gobernar?
Se che obrigan a pasar por unha correlación de forzas que non respecta a relación democrática do resultado nin o valor engadido que de ti facilites a presidencia, e se ademais hai temas cruciais que non se queren negociar, iso é entrar no goberno para facer de pallaso. A negociación vai ser terríbel. A vocación destrutiva do
PSOE é clara, e non van perdoar que o
BNG non retroceda.
Como vai ser esa negociación?
Primeiro, ten que quedar posta por escrito e mellor posta. Segundo, ten que contemplar un certo grao de transversalidade. Eu prefiro ter que discutir con quen sexa preciso a política que quero aplicar, se eles fan o mesmo, antes que ter dúas forzas políticas actuando unilateralmente. Que haxa un san espírito competitivo, non cambadelas.
Para iso están as consellerías de Presidencia e Facenda, que son os dous mecanismos transversais de goberno. É aí onde pode estar a viabilidade?
Iso sería moi positivo, e ademais hai alternativas abondo. Non temos por que ir a unha fórmula quimicamente pura. E logo hai unha cuestión institucional. Se ben é certo que o reparto das consellerías foi equitativo, non aconteceu o mesmo no Parlamento ou na televisión. Aí si que houbo unha especie de ninguneo ou secundarización do
BNG.
Repetirían repartos salomónicos como o dos medios públicos ou estrañas parellas como a da Consellería de Presidencia e Política Lingüística?
A política lingüística hai que tomala a serio, ben aplicando a normativa ou ben indo a un cambio no Estatuto de Nación, porque o galego ten que aspirar a ser a lingua preferente na Galiza. Se cae en mans de alguén que fai unha política nula ou pasiva, como aconteceu, aí hai un problema. Ese esquema si que hai que rompelo. E o da televisión non se pode volver repetir. Para nós é unha cuestión de vida ou morte.
O programa do BNG comprométese a levar Política Lingüística a Educación. Tendo en conta a polarización do escenario, con tres forzas políticas e tres modelos moi diferenciados na cuestión, vai ser irrenunciábel Educación?
Non hai nada irrenunciábel. A negociación vai estar aberta a todo, e ademais é aínda moi cedo para falar de todo iso. Con todo, sería un desastre que intercambiásemos as áreas. Unha ou dúas cousas, si, pero grandes áreas non.
Como se pode devolver a lingua a un debate racional, menos politizado?
É unha aspiración inútil pensar que se o inimigo se rearma pode non haber conflito. O que queren é crear a coartada, tanto para o PP como para o
PSOE, para que isto sexa inamovíbel. Os que saben son conscientes de que non hai supremacía do galego sobre o castelán. Que intentan os que din o contrario? Paralizar un proceso de toma de conciencia de uso que obriga, a longo prazo, a mudar a estrutura do estado español. Para eles só hai unha lingua e unha nación: a española. Eles son os que teñen poder e capacidade para ser intolerantes, pero distorsionan a realidade para facerche pasar a ti polo instransixente. Que monten mobilizacións con xente de fóra indica como viven eles esta cuestión.
Hai razóns para renovar a confianza no bipartito o día 1 de marzo?
O bipartito, en xeral, gobernou ben, pero pode haber xente que teña a impresión de que se podía ter feito moito máis e iso pode provocar abstencionismo en certos sectores. O que hai que combater é iso. Temos que conseguir que o público crítico, con certa razón, contraste esa crítica con aspectos que se cadra non lle afectaron pero foron moi positivos. Hai que ter unha perspectiva global, meditada, e evitar esas actitudes viscerais que se dan en sectores minoritarios que son electoralmente relevantes, mesmo claves, para reeditar o bipartito. Non esquezamos que o
BNG depende de 5.000 ou 6.000 votos, e ese pode ser o público con dúbidas. Eu convidaría a este público, que se di informado e moi politizado, a facer xuízos de valor ponderados.
Onde non fixo abondo o BNG?
No terreo da cultura fixéronse cousas moi positivas, pero esa consellería está moi lastrada polo problema herdado da Cidade da Cultura. Para min, a solución á que se chegou finalmente é moi, moi negativa. Por certo, cando se compraron os terreos do Gaiás e estaba detrás unha entidade financeira moi importante, o mesmo xornal que agora está en contra era moi favorábel. Ben, pois todos os que agora atacan o proxecto para atacar ao
BNG, cando a Cidade da Cultura se proxecta eran cómplices e conniventes. É lamentable que os que llas fixeron pasar canutas a Pilar García Negro no Parlamento se apunten agora a criticar o Gaiás. Onde está agora o problema grave? Pois en que iso vai ser unha infraestrutura xestionada por entidades privadas e que Galiza vai seguir consumindo arte internacional. A min iso non me parece correcto. Se fixemos tal dispendio, iso ten que repercutir no beneficio da arte galega. Pode non gustarlle aos modernos, pero un país non será normal mentres teña aos seus artistas fundamentais, incluíndo a Castelao, soterrados nos faiados e nos sochantres, e mentres non teñamos un museo onde amosar o seu traballo aos de dentro e aos de fóra. Os países normais teñen a súa pinacoteca e a partir de aí fan os intercambios pertinentes. Se Maside vai a Nova York, eu traio o que sexa dos Estados Unidos, pero o caso é que A última lección do mestre, a homenaxe de Castelao a Bóveda, está nun cuartucho do Centro Galego de Bos Aires sen que lle fagan caso ningún. É un desastre. Despois houbo cousas pequenas ben feitas e ben orientadas. Para min a gran crítica ao goberno é o que fixo cos medios de comunicación públicos. Iso non ten xustificación. Con outros medios públicos agora teríamos unha opinión pública con máis matices.
Un lector de xornal.com pregúntase se o bipartito beneficiou máis ao Bloque Nacionalista Galego ou a Touriño.
A Galiza, cando menos o que fixo o
BNG, e a algúns sectores que non estaban habituados a que se fixese algo positivo dende as administracións públicas e que pensaban que non eramos capaces de asumir áreas de goberno. A outra dialéctica non ten interese.
Lese moito sobre a UPG. Por que?
Porque a responsabilizan de que exista o nacionalismo en Galiza, e como hai moitos que non queren que Galiza sexa un país normal, preocúpalles. Intentamos vertebrar un nacionalismo á medida das necesidades do país e que se sustentase no tempo, así que somos unha sorte de besta negra. Pero se a UPG se mantivo no tempo foi pola súa fidelidade ao país, non por ser un partido comunista. Ese é un espantallo que poñen para descualificarnos.
Xesús Palmou deixou dúas mensaxes para o BNG. Unha, que non se pode querer a Galicia e non á lingua galega. Dous, que un pacto co PP sería razoable?
A primeira frase é maxistral e indica que Palmou non só ten sentimento galego, senón algo máis: non se pode querer á Galiza e estar en contra do galego. A lingua é un fenómeno social, e a nosa actitude con respecto a ese fenómeno denúncianos decontado. A segunda, porén, adoece dun exceso de voluntarismo. É máis un desexo benemérito que unha realidade. Todos temos as nosas contradicións, pero Palmou o que non ve é que o proxecto do PP é español, españolísimo, e que manifesta todos os peores vicios da globalización, entendida como españolización, que se está a manifestar nos sectores dominantes cunha zunia e unha irracionalidade moi fortes. Non creo que vaia haber no PP, por desgraza, unha evolución autónoma en Galiza. Outra cousa é que haxa rupturas, escisións ou amagos dentro do propio partido.
Por iso se entendeu tan ben con ZP?
Zapatero foi un cambio formal moi radical no Congreso. Pasamos de Aznar, dunha dinámica terríbel contra Galiza e contra o nacionalismo galego, e mesmo dun forte desprezo por Fraga, bastante estendida por certo entre algúns dirixentes, á etapa de Zapatero, que formalmente era moi correcto. Cal é logo o problema do zapaterismo? Que entre as actitudes formais e a práctica política hai un abismo. As formas, en democracia, son moi importantes, pero de formas non se vive. No terreo da acción Zapatero é moi limitado, non só pola súa formación política senón polo partido que ten detrás. Politicamente tampouco me engano a respecto da súa visión: Galiza si, hai que concederlle cuestións cuantitativas, porque se non é inviábel, pero cambio de estatus non, porque el tamén participa da crenza de que aturar o problema vasco e o problema catalán xa é abondo. Aturar o problema galego non entra na cabeza de ningún político español. Dous ben, pero tres non.
Que tipo de pedagoxía hai que facer para xerar sentimento estatutario?
Non é igual un goberno galego con competencias e cun ICO galego, case unha banca pública, que outro sen esa ferramenta, como non é igual un Estatuto que outro. Hai un abismo entre mandar ou non mandar no dominio marítimo-terrestre cando queres facer unha boa política marisqueira ou medioambiental. E así poderíamos enumerar até o infinito. Non nos queda máis remedio que a simplificación e o debate continuo, poñer exemplos, que a xente vexa que chegamos ao Estatuto de Nación a base de sumar reivindicacións que todo o mundo asumiría. Perseverancia, firmeza, debate e unha certa intelixencia expositiva: primeiro os exemplos e logo a conclusión.
Avanzouse neste sentido?
Dende que empezamos a debater iso, algo si. O problema son os que van de radicais. A cuestión aquí non é autosatisfacernos nin perder o tempo discutindo se somos independentistas ou republicanos, entre outras cousas porque eu unha república española non a quero, nin tampouco unha presidida por Aznar ou por
Berlusconi. Até nesas posicións habería que peneirar. Unha cousa é a autosatisfación e outra cómo facemos para que algo socialmente relevante, repito, socialmente relevante, se mova nunha dirección. A min o que non me agrada é que só se poida ser nacionalista e radical até os 18 anos e logo acabemos todos no PP, no
PSOE ou no desbarre hipercrítico. Non teño nada contra os que se posicionan á esquerda do
BNG, sempre que non sexan uns descerebrados. Agora, que se diga que todo o que hai é unha merda, iso si que non. Iso non é así. Onde se nota a capacidade é no grao de influencia e no que se leva á sociedade tamén dende os lugares privilexiados, prioritarios, e dende núcleos onde se estabelecen situacións conflitivas asumidas cando menos por unha parte da sociedade. E que se non é avanzar, acabamos autofagocitándonos a nós mesmos.
Acusan ao BNG de abandonar vellas reivindicacións pola defensa dunha reforma do Estatuto de Autonomía.
Se cun Estatuto de Nación se modifica o estatus legal da lingua galega, iso é un avance importantísimo! Non é a panacea, pero é un paso xigantesco e eu non podo renunciar a iso. Outra cousa é que non o consiga. Aí si que pode haber un problema. Pode ser que o teito estatutario que marcou o Estatut catalán sexa rebaixado polo Constitucional, ou que a dialéctica política galega non dea para chegar até aí. Agora ben, descualificar o que sería un avance moitísimo maior que o da Transición porque si, iso non. A xente ten que saber o que se pode gañar e do que podería ter que prescindir.
Onde se ve no futuro?
Non teño aspiracións. Hai cousas que se deben discutir colectivamente, e se hai algo interesante que teña que ver, primeiro, cunha nova actuación política, e segundo, que requira non só capacidade política senón coñecemento do campo no que se vai traballar, e se ademais fortalece a posición do
BNG, pois si. Se non, pois nada. Hai moito por facer en Galiza. Por exemplo, acabar unha biografía de Rosalía. Unha cousa é estar en política e outra estar en cargos institucionais.