A. Losada /
XORNAL.COM I A Coruña.- Antón Mouzo (Vimianzo 1957 - A Coruña, 2007) é un nome moi coñecido para a crítica e os artistas galegos, pero nunca chegou ata o gran público. Foi ante todo pintor, pero tamén probou coa fotografía, as instalacións e o land art. Autodidacta e profundamente innovador, faleceu dunha longa enfermidade xusto cando comezaba a atopar un estilo verdadeiramente seu. Agora, dous anos despois da súa morte, o Auditorio de Galicia, en Santiago, adícalle por primeira vez unha exposición retrospectiva á súa obra.
A comisaria desta mostra, María Pose, reivindica a importancia de Mouzo dentro da arte galega e comenta que o recoñecemento non sempre lle chega a un artista no momento que o merece. Asevera, ademais, que o estilo do vimiancés e directamente inclasificable, debido á constante experimentación na que estivo embarcado nos seus 50 anos de vida.
A súa obra estivo en galerías de Francia, Alemaña e Portugal. Practicou o pop, o neoexpresionismo, a figuración, a abstracción ou a fotografía, sen esquecer tampouco o uso das novas tecnoloxías, un cambio constante que non chegou a cristalizar por mor da súa morte. O seu nexo de enlace foi sempre a paisaxe da súa terra natal, moi presente na súa obra. Foi ademais un gran coñecedor da historia da arte, e a súa obra reflicte unha fonda influencia da arte galega, dende o románico aos renovadores, sen esquecer outras formulacións internacionais como David Hockney ou Francis Bacon, aos que admiraba.
Sen saír moito da súa vila natal, Mouzo logrou percibir as correntes artísticas do seu momento histórico, cunha sensibilidade única. Comezou a pintar cando os mozos sa súa xeración integráronse na chamada revolta atlantista, e conseguiu sempre manter unha voz propia, testemuño dunha grande sensibilidade artística.
Esta mostra condensa a evolución de tan particular artista dende os 70, década na que colleu un pincel por primeira vez, ata a súa morte hai dous anos, con traballos ordenados cronoloxicamente para que o espectador poda aprezar a evolución permanente de Mouzo, fundamentada talvez non seu autodidactismo, segundo María Pose. Nunca antes tivérase a oportunidade de percibir desta o traballo dun artista que non gozou en vida de ningunha exposición tan ambiciosa coma esta, que inclúe óleos, debuxos, anotacións, ilustracións, videoinstalacións e diversas series de pinturas.
Para realizala, a comisaria colaborou estreitamente coa familia e os amigos do artista, que se involucraron de xeito determinante no impulso deste proxecto. Polo tanto lograron reunirse varias obras inéditas, provintes dos arquivos do artista e do seu estudio de traballo,
Sen temor a cambiar de medio
Pose argumenta que un dos trazos que fixo coñecido e influínte a Mouzo foi a súa disposición para colaborar con outros artistas de distintas disciplinas. Así, realizou pinturas específicas que aparecen de fondo, como elementos do escenario, no filme de Xavier Villaverde, Fisterra, e colaborou tamén co escritor
Manuel Rivas, realizando as ilustracións do seu libro Costa da Morte Blues. Esta actitude axudou a que fose coñecido e valorado no mundo da cultura. O propio Rivas describiu a Mouzo como un pintor segredo que marchou en plena primavera creativa.
Pose sinala tamén que agora, que os anos xa permiten adquirir perspectiva sobre a súa valía, agárdase que a figura do artista de Vimianzo comece a gañar importancia.