Lunes, 15 de marzo de 2010 - 8:21 h
1-m

Promesas

Xornal.com - clásica Actualizado 20/02/2009 - 05:43 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
O despertador rebenta na mesiña antes das sete da mañá. A Palmira dálle o tempo xusto de se lavar e baixar ata a parada cando aínda non rompeu o día. Leva na bolsa de tea un termo de leite e doce galletas. Colle o termo entre as mans porque a xeada se apega nos dedos. Mentres agarda, observa como medran os días cara á primavera.

Cando o coche para, leva só dúas persoas. Mulleres que veñen da montaña e van á vila coa verdura nos cestos. Durante a viaxe apenas se falan; desa hora os días aínda non son días, as xentes evitan saudarse e non hai nada que contar. Palmira mira a paisaxe a través dos cristais. As paisaxes de Palmira nunca mudan. Sempre, ao final da estrada que baixa cara ao mar, aparece a fábrica de teito azul. Alí todas visten igual, as mesmas batas, as mesmas redes no pelo. Só os números as diferencian. Palmira senta no posto número once coa caloriña do termo aínda nos dedos. E o silencio do coche cámbiao polo ruxir das serras que cortan os atúns, os alaridos das cintas transportadoras, o ferver da auga nos depósitos. Ningún ruído humano as acompaña porque o arrecendo do peixe morto péchalle a boca ás mulleres. E toda a mañá run-run ata o descanso, onde se cadra cruzan algunha palabra.

Palmira xuraría que as frases que intercambian son sempre as mesmas.

Pero hoxe algo altera a xornada. Pola estrada divísase un coche negro que baixa brillando ao sol. A dirección chama ás mulleres e elas van, cos seus mandís azuis idénticos e idéntica expresión de intriga. Que é o que pasa? Por que nos chama? Ninguén o sabe aínda cando o coche se detén na explanada da fábrica. Palmira escoita ao encargado. Visítaos o candidato á presidencia. O candidato! O candidato! Que novo é! Que guapo! E que elegante! As mulleres sorrín e estenden as súas mans. E el saúdaas unha a unha, prometéndolles, cun sorriso encantador, que o primeiro de marzo el cambiará as súas vidas. El cambiará o destino do país, a historia da nación, o futuro!

Todas aplauden. Palmira non. O candidato despídese e o coche negro marcha pola estrada, co seu capó brillante baixo o sol de inverno.

É hora. O timbre soa. As mulleres volven aos seus postos con precisión espantosa, repetíndose de maneira exacta. Mentres as latas pasan non erguen a vista. Palmira pensa nas palabras acaloradas do candidato. Pensa nas latas idénticas que pasan, no despertador rebentando a mañá, na paisaxe que ve dende o coche de liña.

As paisaxes, pensa Palmira, son sempre iguais.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad