Redacción /
XORNAL.COM I A Coruña.- Cando
Anxo Quintana saltou onte á cancha do polideportivo San Francisco Javier, na Coruña, o partido xa estaba decidido para o equipo da casa e a afección coreaba o nome do adestrador.
Quizais os rigores dos directos televisivos, que reduciron á mínima expresión as intervencións anteriores á de Quintana, foron tamén os responsables de que tanto o tenente de alcalde coruñés,
Henrique Tello, coma os candidatos
Carlos Aymerich e Ana Pontón, concentrasen as súas palabras nos que, probablemente, foron os discursos máis contundentes da campaña nacionalista.
Mentres as arredor de 1.500 persoas que completaban o aforo do recinto, entre o que se atopaban rostros recoñecidos coma o do ex vicepresidente Xosé Luis Barreiro Rivas, o presidente do Clúster do Audiovisual,
Antón Reixa, ou o arquitecto Daniel Beiras, berraban insistentemente
BNG, BNG e solapaban con aplausos as palabras que cheban dende o atril, Tello invertía apenas dous minutos para advertir de que non merecemos ser gobernados por quen calumnia para ocultar que cargos dos seu partido están imputados por corrupción.
A continuación, un Aymerich tan breve coma enérxico empregou o micrófono para seguir as consignas da bancada e afirmar que o
BNG está facendo historia e que as voces ebrias de megalomanía e odio a este país non van poder con nós. Un discurso que secundou Pontón ao instar aos seus a responder ao golpismo mediático do entorno do Partido Popular.
Xa co terreo expedito e a afección abaneando as bandeiras entre berros de presidente,
Anxo Quintana tivo que facer calar a ovación inicial para explicar aos seus simpatizantes coruñeses que, ao chegar ao final da campaña ten a sensación de ter perdido o tempo. Non facía falta di explicar que houbo cambios transformadores, basta con contemplar a reacción do PP e os poderes tradicionais, a saña contra o
BNG e os ataques inxustificados para darnos conta.
A bancada volveu corear
BNG, BNG no momento en que Quintana se dispuxo a aclarar o porqué deses ataques. Porque o PP e os poderes tradicionais esperaban que o Bloque fose un partido bonsai, no xardín dunha finca particular no que eles deciden as plantas que poden florecer.
A metáfora callou de cheo nos incondicionais do líder nacionalista cando Quintana chegou ao final do relato. Tiñan a oportunidade, di, de utilizar o bonsai para todo e se nalgún momento alguén vén para ver se no xardín hai pluralismo relata dicían que también tenemos unos aquí que hablan en gallego y nunca se van a mover. Pero o bonsai medrou conclúe, as raíces romperon o testo e cometeu a herexía de dicirlle ao resto das plantas que terra é, e para quen a traballa.
Fronte aos que lles molesta que Galiza sexa un país libre, o líder do
BNG asegurou que non nos van dobrar xa que, di, a miña ilusión é que unha xeración poida criarse nun país con liberdade, non haberá marcha atrás.
Mentres, afirma, o PP utiliza a que define como maldita mentira cunha campaña de insulto. Cunha papeleta do
BNG na man, a papeleta dos que respectan a Galiza, o candidato remataba un discurso no que tivo a oportunidade de darse o primeiro baño de multitudes da campaña electoral e mesmo necesitou subir a unha cadeira para saudar aos simpatizantes. Ao seu carón, repousaba o cadro que minutos antes lle entregara o deseñador e colaborador de
Xornal de Galicia, Antón Lezcano, co lema Yes, we Quin.