Domingo, 21 de marzo de 2010 - 21:27 h
1-m

Francisco Jorquera, en Xornal: “Feijóo é a Esperanza Aguirre de Galicia”

O coordinador do BNG considera que a abstención vai ser clave no resultado electoral do domingo
Xornal.com - clásica Actualizado 27/02/2009 - 08:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I A Coruña.- Francisco Jorquera é o home do BNG en Madrid e o coordinador da formación nacionalista en Galicia. A poucas horas da cita electoral, augura un avance do seu partido e o retroceso do PP.


Todas as enquisas apuntan a que o resultado electoral do domingo vai estar moi axustado...

A clave está na participación. Se hai unha participación nos niveis normais dunhas eleccións autonómicas, non teño dúbida de que o BNG vai avanzar e mellorar os seus resultados de hai catro anos e o PP, non só non vai acadar a maioría absoluta, senón que baixará. Nesta campaña o PP non concorre en solitario, senón que o fai en coalición coa abstención. De feito, está a deseñar toda a súa estratexia para intentar desmobilizar un sector do electorado. Hai factores que inflúen neste senso, como a crise económica, que provoca un sentimento lóxico de preocupación na xente e, polo tanto, de perda de ilusión. A isto hai que sumar a guerra entre PP e PSOE en Madrid, que están nunha dinámica de ver quen emporca máis ao outro, e a estratexia dun determinado medio de comunicación galego que serve aos intereses do PP e pretende o desprestixio da política. Todo isto pode crear un clima de desafectación cara á política proclive á abstención. Estou convencido de que esta estratexia vai fracasar porque os sectores do electorado que podían estar algo desmobilizados estanse a activar ao decatarse de que Galiza non se pode permitir unha marcha atrás. As políticas de cambio iniciadas nesta lexislatura precisan dunha segunda fase para desenvolvelas e estendelas.


O propio Touriño cre que non houbo unha boa comunicación dos logros do bipartito. ¿Pensa que pode ser un aspecto clave?

En todos os aspectos se pode mellorar. En política é fundamental non só asumir as túas responsabilidades, xestionar ben e impulsar os cambios que motivaron o noso contrato coa sociedade, senón tamén saber explicalos e comunicalos. É posible que houbese déficits neste aspecto e é imprescindible mellorar no futuro. Pero tampouco podemos esquecer que a política, na súa comunicación coa sociedade, está moi intermediada polos medios de comunicación. Polo tanto, a capacidade de influencia de toda forza política sempre é limitada. Aquí en Galicia, por exemplo, hai un periódico moi influínte que ten unha estratexia ao respecto da formación que represento claramente deseñada para facer ver que somos iguais que os outros, porque sabe que ese é o xeito máis eficaz de desmobilizar o votante potencial do BNG. Curiosamente, esa liña de ataque iníciase ao impulsar o BNG dende o Goberno cambios substanciais con respecto á etapa anterior.


O bipartito teríao máis doado se as eleccións fosen no outono?

Se non fose porque estamos a vivir unha fase especialmente aguda da crise económica e un ambiente político enrarecido a nivel de Estado que tivo o seu eco en Galiza, o BNG e o PSOE terían un avance importante e o PP un retroceso tamén importante. Penso que non habería un resultado tan axustado como agora se presume. Non obstante, penso que Touriño tomou a decisión axeitada como presidente de non dar por esgotada unha lexislatura exclusivamente por un cálculo electoral. Non existían elementos internos que motivasen un adianto.


Como definiría cun par de ideas a necesidade de que non volva o PP e a conveniencia de que se reedite o bipartito PSOE-BNG?

É evidente que o PP representa o retorno á fase anterior, a políticas caducas, fracasadas, a ausencia dun proxecto de país, a concibir o goberno da Xunta coma se fose unha macrodeputación provincial. Pero cun problema engadido ao respecto do PP de Fraga: antes intentaban manter certa fasquía galeguista, aínda que fose unicamente formal, e certa autonomía de Madrid. Feijóo, cando di que é a esperanza de Galiza, eu sempre digo que é a Esperanza Aguirre de Galiza. Ese é o tipo de políticas e de proxecto que realmente encarna. Volver ao PP sería unha regresión en termos de avance democrático, de políticas sociais e de autogoberno e defensa da nosa identidade como país.?A razón fundamental para apoiar ao BNG é que, sen ser unha forza política autocompracente, cremos que fomos os que lle demos o impulso ás políticas de cambio que se materializaron nesta lexislatura. O BNG foi o auténtico motor do cambio. Apostamos por ampliar o autogoberno e temos unha actitude de cooperación co Goberno central, pero de firmeza nas esixencias para servir ás necesidades do país



Vostede é o home do BNG en Madrid e alí tense que tomar unha decisión tan importante como é rematar coas irregularidades do voto na emigración. ¿Cal é o motivo para que se vaia a votar nestas eleccións sen ter cambiado nada?

Por falta de vontade política do partido que goberna o Estado. En Galicia o PP e o PSOE practicaron un dobre xogo evidente: cando están na oposición no Estado demandan que se reforme todo o voto dos residentes ausentes porque denuncian que o sistema permite manipulacións. Cando chegan ao goberno non moven ficha porque a quen beneficia é ao partido que goberna. Como non daba tempo a que se tramitase a proposición de lei emanada do Parlamento galego para a reforma antes destas eleccións, emprazamos ao Goberno central a que tomase a iniciativa e presentase un proxecto de lei á Cámara para que se tramitase por vía de urxencia. O Goberno central no aceptou e fixo unha invitación para que se activase a subcomisión encargada do estudo das reformas do sistema electoral. Malia a disposición dos grupos a que puidese haber unhas conclusións comúns, o PSOE bloqueou esta posibilidade. Alegaban dificultades para crear unha administración electoral no exterior e propuxo unha fórmula alternativa, que era o voto en urna en consulados ou centros galegos.


O maior número de indecisos está na esquerda. Que factores cre que están a pesar para que se dea esta situación?

Sobre todo unha situación de crise económica á que se suma un terreo político enlamado froito dos ataques que está a haber en Madrid entre PP e PSOE. As campañas carentes de ética que se articularon en Galiza para crear mantos de sospeita sobre o labor do goberno tamén teñen algo que ver. Isto pode crear un clima de desilusión e desafectación que mantén estes sectores nunha actitude de indecisión. Pero estou convencido de que imos cambiar esta situación.


Chova o que chova, está claro que o domingo 650.000 galegos van votar ao PP. Utilizando un símil futbolístico, ¿é mellor afección?

É menos crítica. O voto que aposta por transformacións é máis crítico, reflexivo e esixente. Iso non é malo, porque ter unha base crítica é moi importante para que non nos anquilosemos como forza política. Calquera pode perder o contacto coa sociedade e acomodarse. Sei tamén que eses sectores críticos van acudir a votar, precisamente porque son moi reflexivos.


Pensa que o BNG está a perder votos pola esquerda ao intentar captalos pola dereita?

Non deseñamos a campaña pensando en captar votos pola dereita. Somos unha formación con vocación hexemónica e intentaremos liderar o país para materializar o noso proxecto político. Isto fai que dirixamos a nosa mensaxe ao conxunto da sociedade. Se algún segmento do electorado estamos a coidar especialmente nestas eleccións, son as persoas que dubidan entre o BNG e o PSOE ou entre non votar ou votar BNG. Creo que vai haber votantes do PP que van votar BNG porque os populares perderon moito peso no rural e nós fixemos un moi bo traballo na Consellería de Medio Rural e temos maior implantación municipal que antes. Tamén vai influír que o PP está cada vez máis instalado en posicións antigaleguistas. Aínda que ese transvase de votos xa está consolidado, polo que van ser máis determinantes os outros dous segmentos da poboación.


O BNG foi quen de meter a AP-9 en campaña, unha infraestrutura que exemplifica a importancia de incrementar as competencias nunha futura reforma estatutaria. Fixo vostede unha interpelación sobre este tema no Congreso dos Deputados e topou cunha negativa rotunda...

Si, pero en calquera caso, a negativa tivo un segundo acto. Interpelamos ao Goberno central sobre a súa disposición a revisar a política tarifaria tanto da AP-9 como da AP-53, así como se ía ser esixente coas concesionarias para que cumprisen as condicións contractuais en canto a asegurar un bo servizo aos usuarios tendo en conta os incidentes que se produciron nos últimos meses. Tamén o interpelamos sobre a súa disposición a negociar co Goberno galego o traspaso das competencias sobre unhas autoestradas que discorren por territorio galego e son fundamentais para vertebrar o país. Non ten sentido que sexan de competencia estatal. O caso da AP-53 roza o ridículo porque é unha autoestrada estatal e de peaxe até Lalín e transfórmase por arte de maxia nunha autovía autonómica sen peaxe dende o alto de Dozón até O Carballiño, e iso de momento, porque en breve pasará a entroncar coa autovía das Rías Baixas para completar o itinerario até Ourense. Sexa un nacionalista ou non, o certo é que non semella un modelo de xestión de infraestruturas moi racional. A resposta da ministra distou moito de ser satisfactoria no que respecta ás competencias, pero non hai que esquecer que desta interpelación se derivou unha moción. Ao final foi aprobada por unanimidade e creo que marca un camiño de cara a facer efectivo ese traspaso; a un emprazamento ao Goberno central e á Xunta de Galicia para que se reúnan e analicen a pertinencia de acometelo. A xestión das infraestruturas evidencian ese pasado ao que Galiza non debe volver. Hai que lembrar que a autoestrada do Atlántico construíuse con recursos públicos e foi privatizada por un goberno do PP. Logo, outro goberno do PP ampliou esa concesión dun xeito inxustificable a consecuencia foi que, con ela, deron un auténtico pelotazo: foi vendida a Sacyr por 1.800 millóns de euros e despois unha filial de Citigroup pagou sete veces máis. Unha vía de titularidade estatal xestionada por unha concesionaria privada, ese era o modelo de xestión dos recursos públicos que tiña o PP de Feijóo, xa que non hai que esquecer que formaba parte do Goberno Fraga, aínda que agora non queira lembrar o pasado.


En que posición quedaría o seu traballo nun Congreso onde os socialistas de Galicia se comportasen coma os do Partido Socialista de Cataluña?

Conformaríame con que os socialistas galegos en Galiza se comportasen coma os cataláns en Cataluña en canto a facer política con criterios máis autónomos e en clave de país. Penso que no Congreso os deputados do PSC non teñen unha actitude distinta aos do PSdeG, xa que non teñen unha voz propia e actúan con plena disciplina de grupo.


O BNG forma parte de Galeuscat con PNV e CiU. ¿Cre vostede, como afirman algunhas voces, que a súa formación podería chegar a converxer co PP?

Para Galiza sería bo que houbese una dereita galega que actuase de forma autónoma, defendese os intereses do país e non fose un eco de políticas deseñadas dende Madrid que moitas veces son lesivas para Galiza. Desafortunadamente, o PP non encarna esa dereita galega, senón que amosa unha total confesionalidade coas políticas que deseña a caverna reaccionaria madrileña.


Quintana ten constatado que a maioría dos galegos non son nacionalistas e non demandan cambios substanciais...

En Galiza non hai unha maioría nacionalista de igual xeito que non a hai socialista ou conservadora. Toda forza política dirixe a súa oferta electoral non só ás persoas que están a favor dese proxecto senón tamén ao conxunto da sociedade. E nós facémolo a sectores que, sen ser nacionalistas, cren que é bo que unha forza nacionalista desenvolva os instrumentos do autogoberno para o progreso do país e para unha interlocución cos poderes centrais que non sexa en termos de subordinación. En segundo lugar, creo que os cambios que o BNG impulsou nestes tres anos e medio foron moi profundos, como unha nova política enerxética ou unha rede pública de servizos sociais.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad