Domingo, 01 de agosto de 2010 - 9:46 h
1-m

Xosé Ramón Barreiro: “Optar só polo castelán é un suicidio”

“Sen falar de utopías, o que necesita o galego é que se cumpra a Constitución Española, iso como mínimo”
Iago Martínez 28/02/2009 - 22:28 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 8 voto/s

O presidente da Real Academia Galega (RAG) é pouco amigo dos máximos, sobre todo no que respecta á lingua. Nacionalista confeso, xa non aspira a que Galicia sexa un país monolingüe en galego. Entre o “suicidio” de optar unicamente polo castelán e o “absurdo” de pretender que só se fale galego, Xosé Ramón Barreiro prefire buscar fórmulas de convivencia e avanzar amodo. A experiencia demóstralle que as cousas cambian. Cando a institución que presidirá até final de ano lle pedía aos medios de comunicación que publicasen o 10% das informacións en galego, pedíao porque o máis comprometido non chegaba ao 6%. E con todo, fracasou. Talvez por iso, confesa, “é unha satisfacción que en Xornal de Galicia chegue ao 30%”.

A campaña electoral estivo atravesada por un debate moi viciado e politizado sobre a lingua galega.

Eu non creo que sexa un falso debate, como dixo aquí Ramón Villares, pero si forzado por certos partidos políticos. José Blanco, que debe falar un galego estupendo da zona de Monterroso, non falou nunca en galego nos mitins, o que me parece un indicio de que o PSOE está preocupado porque non o confundan con outras forzas políticas. En realidade, ningún dos dous partidos estatais fixo nunca do idioma unha cuestión troncal. Para o PP e para o PSOE o suxeito histórico e político deste país é España, mentres que para o BNG somos nós. Somos suxeito histórico e político porque a nosa estrutura sociolóxica e cultural é distinta: é o que chamamos identidade. Os grupos estatais utilizan o galego por razóns de mercado político, pero o seu suxeito de imputación non é Galicia. O BNG, porén, non pode prescindir de marcar fronteiras, porque marcando fronteiras está no seu campo, e o idioma é un elemento fundamental para marcar fronteiras. O BNG sabe perfectamente como dosificar a súa mensaxe, eu aínda recordo cando non aceptaba as leis do mercado, e tamén o podería facer na cuestión do idioma. Non renunciar a un principio fundamental non signfica expoñelo dun tirón. Algúns expoñentes do nacionalismo foron un pouco rudos nas formas, dando a impresión de que se quería impoñer un idioma, e iso axudou a alporizar unha cuestión traída dende fóra polo partido de Rosa Díez e apoiada por algunhas forzas que andan por aquí. O BNG ten moitas pólas, aparentemente autónomas pero ben encaixadas, que moitas veces lle están a facer pouco servizo ao conxunto apurando as situacións e levándoas ao límite. Se non fose por iso, a postura de Rosa Díez, e digo Rosa Díez por non falar de Galicia Bilingüe, desaparecería despois das eleccións.



Os curtocircuítos que se producen decote coa lingua galega, non terán que ver con que a comunidade monoligüe castelá é unha das menos políglotas, moi afeita a percibir todo o universo a través do castelán, e que da parte do nacionalismo sempre se pensou que había que ir ao monolingüismo en galego?


Evidentemente, somos fillos da Historia. A transmisión de saberes, porque a lingua non só serve para comunicarse, fíxose en latín polas clases cultas até o século XIX, e logo xa exclusivamente a través dos dous idiomas: o castelán, reservado para unha clase social distinta, e o outro, o galego, para o pobo. As estatísticas aínda din que somos a comunidade en España que máis fala o seu idioma, máis que o catalán e por suposto máis que o éuscaro. Optar só polo castelán é un suicidio para este país, pero pedir o cento por cento en galego é imposíbel e absurdo. Non hai nin sequera que propoñelo. A realidade é a que é e non a imos cambiar nós.



Non hai un certo cinismo neses dirixentes políticos que din amar a Galicia, á terra, e logo desprezan a lingua?


Os políticos son cínicos por principio, e teñen que selo para sobrevivir. Hai que ter en conta que se pode amar o país de moitas formas. Non todas teñen que ser íntegras, ao límite. Non hai por que morrer de amor. Para aqueles que somos nacionalistas por definición, que queremos morrer dentro da nosa identidade e que non permitimos que nada chegado de fóra a magoe, para nós defender esa identidade é defender o idioma e defender o idioma é defender a concepción de Galicia. Agora ben, eu o que non me permito é monopolizar a interpretación de Galicia. Dentro de 50 ou 60 anos, polo camiño que imos, o idioma irá esmorecendo, pero haberá Galicia, existirá Galicia como existe o País Vasco a pesar de que o éuscaro é un idioma moi reducido, e non lle imos dar leccións de nacionalismo aos vascos. Cando falamos da nación sempre nos atoparemos na disxuntiva entre Herder e Renan. Para Herder, a nación é unha tradición, un pobo historicamente definido que fala unha lingua, que ten unha raza ou non, que é católico mentres os demais son protestantes ou ortodoxos, é dicir, que ten elementos obxectivos que a distinguen das outras nacións. Para Renan, porén, a nación é un plebiscito diario, son aqueles que queren formar parte desa identidade e que formarán parte desa identidade mentres queiran. O factor subxectivo, o voluntarismo, predomina sobre os elementos obxectivos. Poderá haber, xa que logo, nación galega sen idioma galego, pero non a veremos nós.



Que medidas se poden poñer en marcha para non chegar a ese escenario?


A coactiva, dende logo, nunca. As linguas non están para ser faladas por lei. Eu daba as miñas clases en galego durante o franquismo, a pesar de que iso non melloraba a miña folla de servizos, pero ao mellor, se me obrigasen a facelo, opoñíame. O que hai que facer é crear o contexto máis favorábel para un idioma e defendelo, claro que si, a través de leis. Galicia Bilingüe fai unha campaña intelixente cando di que non son as linguas, senón os cidadáns, os que teñen dereitos. Ese é o argumento que eu empregaba para defender a liberdade relixiosa durante o franquismo. Atrás desa organización hai xente intelixente, xa sabemos quen son, pero está equivocada. Por suposto que a lingua non ten dereitos, pero Galicia si, porque Galicia é unha entidade política e xurídica. Galicia ten dereitos, e como ten dereitos pode, en función da súa cosoberanía, eu chego até aí, fornecerse das leis necesarias para defender a lingua. Hai que facer unha lenta conciencia do pobo, sobre todo na zona urbana, e nunca provocar nin converter o idioma en fonte de enfrontamentos. E sobre todo a través dos escritores. Contra o que din Franco Grande e outros estudiosos, a literatura galega actual é un dos mellores capítulos da historia de Galicia.



En que medida se está a internacionalizar aos autores galegos?


Un dos meus fracasos como presidente da Academia ten que ver con iso. Pensaba que podía ser unha boa idea traducir a quince ou vinte autores de cada periodo a moitos idiomas e pensei en Zara, claro, que ten tendas en todas partes. Que cousa mellor que agasallar a cada cliente unha novela galega traducida? Pois fracasei. Busquei outros apoios e fracasei tamén. Sentinme un pouco afundido, a verdade, porque foi a única cousa que eu pedín na miña vida. Hoxe teríamos máis de 50 autores introducidos en vinte ou trinta culturas diferentes. A tradución é fundamental. Eu non teño por que abdicar. Teño dereito a ler a Balzac na miña lingua, non teño por que pagar o tributo de pasar por unha lingua intermedia. E ao revés, o mesmo. Cando vou por aí e vexo as novelas de Manuel Rivas en francés ou en castelán levo unha satisfacción inmensa. Ese é un dos campos nos que pode funcionar a Academia, aínda que eu fracasase. Remato a miña andaina este Nadal, pero o meu sucesor seguro que terá máis éxito.



Si, pero o caso Manuel Rivas tamén debe facernos reflexionar. Por que algunhas das súas novelas se publican como se fosen escritas orixinalmente en castelán, ocultando que son traducións? Que debe cambiar no contexto español con relación ao galego?


Sen falar de utopías, o que ten que pasar en España con respecto ao galego, como mínimo, é que se cumpra a Constitución. Iso foi o primeiro que lle dixen aos diferentes ministros de Cultura. Todos me deron a razón, e ademais este último apóiame. A Constitución di expresamente que os idiomas e as culturas que hai no estado español forman parte da españolidade e teñen, xa que logo, que ser defendidas e subvencionadas.



Responde a esa sensibilidade o Ministerio de Cultura actual?


Hai que recoñecer que César Antonio Molina, mesmo antes de ser ministro, xa nos reunía aos presidentes das institucións doutras linguas no Instituto Cervantes. Era un síntoma de respecto, de consideración, e esa boa disposición segue agora. O malo é que todo depende ao final do Ministerio de Facenda. Un ministro está máis limitado do que pensamos. Unha gran subvención para o centenario da Academia, aprobada polo Senado, foi cortada por Solbes.



Que lle queda por facer na RAG?


Poñer a andar a casa de Rosalía. Temos os planos feitos, o proxecto acabado e adxudicado á Construtora San José, pero o Concello, que están en mans dun nacionalista, aínda non me deu licenza. A min gustaríame marchar inaugurando a que foi a casa de Murguía e Rosalía e que agora será a segunda sede da Real Academia Galega.



Están preparados os galegos para escoitar a súa lingua con acento de fóra?


Galicia está preparada para todo, porque tivo as portas abertas de par en par dende o século IX, e iso non o poden dicir todos os países. O Camiño de Santiago foi un camiño de peregrinación e un camiño de cultura. De todo o mundo, de todas as linguas. Na catedral de Santiago había confesores de linguas, mesmo do húngaro. Canto ao do acento, eu, malia á miña condición de presidente da Academia, son un anarquista, e parto do suposto de que o importante é coñecer a lingua, facer o esforzo de falala e non darlle necesariamente o toque de Vigo ou de Lugo ou de Ourense. Evidentemente, non se pode andar traducindo todo do castelán cando se fala, pero tampouco convén esixirlle á xente unha especie de canon.



O galego, como lingua matriz, con todas as variantes que se queira, é o cuarto idioma máis falado do mundo. Sabendo isto, ten relación a Academia coas outras academias da lusofonía?

Si, si que a temos, pero hai que ser moi prudentes neste mundo. Beneficiarse do mundo da lusofonía é algo que podemos facer xa. O malo é que se o facemos oficialmente corremos o risco de que o galego desapareza automaticamente. Non quero reabrir aquí vellas liortas, pero unha cousa é a utilidade e outra perdernos nun magma. Nunca vas conseguir que se lle chame galego a todo iso, aínda que o diga Castelao ou o Espírito Santo. Hai que conservar as fronteiras ou desaparecemos.



Á parte do galego, en que cuestións debe furar a reforma do Estatuto?


Non podemos seguir mendigando millóns ao Estado español. Eu sempre aspirei a que os galegos puidesemos decidir unha política. Son dos que cre que hai tres comunidades históricas e que esas tres comunidades deberan ter un tratamento presupostario diferenciado.



Notou o cambio político a RAG?


Non debeu de notarse moito cando teñen dúbidas de cara ás eleccións. Dende o punto de vista da educación, si que se notou. Entre ser recibido por Fraga e ser recibido agora hai unha diferenza abismal. Se falamos de presuposto, non tanto. Creo que o bipartito vai gañar, pero debe facer unha fonda reflexión. Ten que averiguar por que despois de catro anos a xente non percibe o cambio. A arritmia entre o PSOE e o BNG é tremenda. Fanse contraprogramación constantemente, e iso nótase decontado.



Non debera estar na rede o dicionario da Real Academia Galega?


Agora sae unha nova edición do dicionario. Sabe canto custa facelo? Vinte millóns de pesetas. Haberá que darlle tempo á editorial que o publica para recuperar o investimento, non si? Eu non teño eses vinte millóns. Se a min a Real Academia Española me dá eses cartos, mañá mesmo está na rede.



Porén, si que hai cartos para construír a Cidade da Cultura.


Xa tardaba o tema. Para min nunca foi unha boa idea xuntalo todo, nin no Gaiás nin en ningures. No canto de facer un monstro, o que hai que facer é aproveitar o que xa hai. Onde estea a mellor hemeroteca, poñer a Hemeroteca Nacional. Onde haxa a mellor biblioteca, a Biblioteca Nacional. Hoxe, todo iso estaría funcionando xa.

Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.