Fillo de Sira Feijóo e Saturniño Núñez, Alberto Núñez Feijóo asomou a cabeza ao mundo o 10 de setembro de 1961. Iso si, foi un neno 10 polos pelos. Case queda no 9, xa que pasaba moi pouquiño da medianoite cando naceu. O seu tío, Alfonso Feijóo, conta que lle viu por vez primeira a faciana cando voltaba dunha verbena. A parte ourensana dos Peares foi o seu berce, un territorio que acariña a fronteira con Lugo e se debate entre provincias.
Alí, no punto de encontro entre o Sil e o Miño, Sira di que tocou "o ceo coa man" cando tivo nos brazos a Alberto. O agora candidato do PPdeG tiña devoción pola súa avoa materna, á que lle axudaba a despachar nunha pequena tenda familiar durante o verán. Ela paseouno moito no carriño, mentres que o seu pai o montaba na moto para facelo rir. Contan os que o coñecen que xa dende pequeno apuntaba maneiras de home serio e responsable, con pinta de "rato de biblioteca e de poñer codos", como di cariñosamente a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo. O seu futuro sempre foi unha prioridade para os seus pais. Aquel halo de neno opositor fixo que, o mesmo día que cumpría dez anos, fose interno a un colexio de León. De novo un 10 de setembro voltaba a ser decisivo na súa vida.
Eses catro anos separados do seu fillo seguen a ser unha lousa na memoria de Sira e Saturniño. "Foi un tempo da miña vida que perdín de estar con el. Alí non había unha escola como eu quería e foi unha dor moi grande. Cada vez que o penso, choro, sen podelo evitar", di a nai. O seu pai calaba, pero o sentimento ía por dentro. "Eu non dicía nada para que o pequeno non deixase de ir a clase, porque era un gran estudante. Marchaba pola mañá a estudar ao trasteiro e, se non o chamabas para comer, non baixaba", asegura.
Entre curso e curso, Núñez Feijóo, neno do interior arrolado á beira dun río, foi adquirindo a paixón polo mar que o caracteriza hoxe en día. Gozaba nas excursións á praia. No inverno, no internado, confesa que pasou moitos días castigado no fregadoiro, por iso agora, que vive só en Vigo, venera ao inventor do lavalouza. Pasou a infancia con poucos xoguetes, rodeado de moitos libros, lendo ata altas horas da madrugada, e dando paseos ata o río na súa bicicleta.
Cando rematou o Bacharelato, sempre con boas notas, trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Dereito. "A determinación dos meus pais e tamén da miña avoa materna levoume a ser o primeiro universitario dunha modesta familia", recoñece o candidato popular. Na cidade compostelá pasou varios anos de xuventude, e alí, en plena vida estudantil, coñeceu a Juan Juncal, ex alcalde de Ferrol, que cursaba Económicas, e que agora prefire non falar do Feijóo daqueles tempos nin meterse en nada que teña que ver coas eleccións autonómicas. "A súa nai sempre dicía que Alberto era moi formal, pero é menos do que parece", deixa caer o seu tío.
Os seus amigos e familiares destacan del que sempre está nos momentos importantes. "Cando morreu a miña filla de 37 anos non se me ocorreu chamar a ningúen, só a Alberto. El trasladouse dende Ribeira á unha da maña para vir abrazarse comigo, nada máis", conta o seu tío Alfonso.
Feijóo comezou a preparar xudicaturas antes de presentarse ás oposicións da Xunta. "Sempre me sorprendeu a súa capacidade de traballo", di a súa irmá, quen asegura que hai unha gran persoa oculta detrás dunha "imaxe distante".
Sempre máis avanzado e adulto do que reflectía o seu carné de identidade, Feijóo comezou a traballar como funcionario no Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia, case sen tempo a dixerir a licenciatura, con só 23 anos.
Non tiña nin a trintena cando, en xullo de 1991, comezou a súa carreira política institucional, como secretario xeral técnico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta. Tres meses máis tarde accedeu ao cargo de secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais. Nesta etapa coñeceu a Pilar Farjas, agora concelleira do Partido Popular na Coruña. "Era un secretario xeral moi novo e foi o artífice do Sergas", asegura Farjas, que destaca a "capacidade de liderado" de Feijóo. "Ten unha paixón, que é Galicia", asevera. Desa paixón sabe moito tamén a súa nai. "Di que casou con Galicia, pois vaia, home, e Galicia non me dá netos", laméntase Sira Feijóo.
A día de hoxe Galicia segue a ser a única moza oficial que se lle coñece. A súa discreción coa vida privada e o feito de que siga solteiro fan que en ocasións se especulase coa súa condición sexual. "Sei que algúns din que son homosexual, e non o son, aínda que non teño nada en contra dos meus amigos homosexuais", confesoulle no seu día ao xornalista Xabier R. Blanco. Incomódase cando alguén trata de entrar na súa vida sentimental, pero algúns dos seus achegados din que ten moza e incluso convive con ela en Vigo dende hai xa tempo. "Creo que o matrimonio é unha institución pouco democrática", asegura Feijóo, que escapa de aneis para toda a vida.
Con 34 anos, en 1996, trasladouse a Madrid para formar parte do goberno Aznar. Foi nomeado secretario xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade e Consumo, e nese mesmo ano converteuse en presidente do Insalud. Entre maio de 2000 e xaneiro de 2003 exerceu a dirección da entidade pública Correos e Telégrafos, etapa na que Correos sufriu unha viraxe dende o servizo público cara á empresarización. "Tiven contacto con el de novo en Madrid e sei que deixou un gratísimo recordo en todos os profesionais do Insalud", comenta Pilar Farjas.
A concelleira do partido na Coruña asevera que "superado o poso de timidez, é moi próximo". "Cando cheguei a Madrid para tomar posesión do meu cargo, el veu sen previo aviso. Ten esa capacidade de estar sempre para os amigos", valora.
FAMILIA E TRABALLO
Feijóo ten dúas prioridades: a familia e o traballo. A pesar das responsabilidades, non hai día que pase sen chamar á casa dos seus pais para falar con eles. Iso si, os amigos contan que ata nos momentos de lecer e conversa ten a palabra traballo nos beizos. É un bo lector e un home de ritmos e horarios consolidados. Gústalle expresar as súas ideas pero, reservado, non monopoliza nunca o discurso. "Son unha persoa que tenta escoitar antes de falar. Poderíase dicir que son un admirador da palabra", asegura.
No ano 2003, Fraga propúxolle regresar a Galicia. Non o dubidou nin un intre. O 18 de xaneiro foi nomeado conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Despois, de novo un 10 de setembro, volveu a cruzarse por terceira vez no seu camiño. Coma un sino marcado, ese mesmo día que o viu nacer e a data que o levou a un internado repetiuse en 2004 para convertelo en vicepresidente da Xunta de Galicia. O camiño cara á presidencia do partido pechouse en 2006.
No tempo libre que lle queda, Feijóo goza lendo algún libro, mirando ao mar ou viaxando. Os seus países favoritos son México e Marrocos. Aínda que é enérxico nos seus acenos e gaña no cara a cara, el mesmo considérase unha persoa "tímida", ademais de "leal e ordeada". A súa gomina -que abandonou para a campaña electoral- e o seu aspecto clásico e impecable -traxe escuro impoluto nos momentos serios e vaqueiros, camisa, americana azul e castellanos en casos informais- fan que o acusen de estirado e pijo. "Pareces un pouco chulo", díxolle un día a súa compañeira Loyola de Palacio.
"Levan facéndoo toda a vida. Non é un tema que me preocupe. Preocúpame se alguén pensa o mesmo despois de coñecerme", responde. Ademais de ser solteiro, non é asiduo a ir a misa e non dubidou en asistir ao enlace dun compañeiro homosexual, o que o afasta un pouco do clásico estereotipo da dereita. Aínda así, non hai quen lle retire ese halo de responsable neno 10, e non só porque o destino quixo que nacese, crecese e ascendese nun 10 de setembro.
