As probas que evidencian a posibilidade de manipular o voto exterior sucédense. Un emigrante galego en Suíza vén de demostrar por segunda vez que calquera pode presentarse nunha oficina postal do país alpino e entregar todas as papeletas que queira sen que se lle esixa a ningunha identificación. Francisco Nogueiras xa denunciara as irregularidades do sistema votando por 17 persoas nas últimas eleccións europeas, celebradas en 2004. Nesta ocasión exerceu o dereito ao sufraxio por parte da súa dona e de tres amigos.
Este emigrante ourensán, que reside na localidade suíza de Zurich dende hai 38 anos, colleu o pasado xoves os sobres cos votos da súa dona e de tres amigos e presentouse nunha oficina postal. “Díxenlles que votaran o que quixeran e metesen unha fotocopia do pasaporte dentro”, explica. Unha vez na oficina postal preguntou se era necesario presentar algún tipo de identificación para enviar os votos. “Dixéronme que non e puiden facer o envío sen ningún problema”, tal e como constatan os resgardos aos que tivo acceso Xornal de Galicia.
El, pola súa banda, depositou a súa papeleta nunha urna habilitada no consulado español e fíxoo para demostrar que é o xeito “máis democrático e limpo de votar”. Conta que tivo que identificarse antes defacelo e que lle entregaron un resgardo que acredita que exerceu o seu dereito. “O que fagan despois cos sobres xa é problema do cónsul, aínda que dixo que as sacas sairían por valixa dimplomática para Madrid”, indica.
Con todo, está convencido de que o requisito do pasaporte vai supoñer unha importante redución dos sufraxios que chegan dende o diáspora “porque a xente non lle dá unha fotocopia del a calquera”.
