O home que quixo centralizar na súa figura toda unha campaña electoral asumiu o histórico fracaso en plural. O candidato do PSOE e presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, compareceu onte tras a derrota e caneou a dúbida central que tiña que despexar. Non aproveitou o secretario xeral do PSdeG a ocasión para presentar a súa dimisión nin aclarou o seu futuro, limitándose a prometer unha análise do ocorrido na reunión da Executiva que a súa formación celebrará hoxe. A única pista que deixou foi un tímido “tomamos nota”, sempre en plural, sen personalizar o desastre.
Mantivo as formas Touriño na súa aparición, pero o xesto evidenciaba o impacto e a dor. Foi recibido na sala do compostelán hotel Puerta del Camino onde falou polo longo aplauso dos seus dirixentes, nunha desas extrañas cerimonias que tan difíciles son de entender dende fóra das liturxias electorais partidistas. Pero iso tratábase da fachada, caras chorosas –algunhas en bágoa viva– acompañaron as palabras do candidato, detrás de quen lucía un enorme cartel no que se definía como “O Presidente”, nunha imaxe próxima ao humor máis negro.
No seu discurso máis complicado, Touriño quixo manter esa imaxe institucional que tanto apagou unha campaña que precisaba axitación. Comezou o líder do PSdeG agradecendo unha participación que esperaba favorable e que finalmente só probou que había outros problemas para a súa candidatura. “Felicitei persoalmente a Núñez Feijóo pola súa vitoria”, dixo. Entón dirixiuse aos seus: “Quero dicirlle aos socialistas que manteremos a bandeira de nobreza e dignidade, que o seu traballo non foi baldío e que a democracia é gañar e perder”. “Sinto non poder ter levado o partido ao triunfo no que confiaba para un goberno de progreso”, engadiu. Esa foi toda a autocrítica individual.
A partir dese intre, Touriño deixou claro que non era momento de preguntas, malia que iso era o que todos tiñan na cabeza. Adiantou, porén, que as responderá hoxe, tras “facer a reflexión pertinente”. Pero algo deixou caer: “Non lle imos fallar a Galicia. Tomamos nota e rectificaremos todo o que haxa que rectificar”, asegurou. E así marchou. Entre aplausos e bágoas. Pola mañá terá que facerlle fronte á realidade. O ambiente na sede electoral era claro onte á noite. En lóxica, Touriño terá que deixar paso a unha nova etapa para o PSdeG.
