Unión, Progreso y Democracia foi unha das sorpresas da noite electoral. O partido de Rosa Díez, cun ano e medio de vida e na súa primeira participación nas eleccións á Xunta, converteuse na cuarta forza política, con máis de 23.000 votos, superando a Terra Galega e a Esquerda Unida.
A felicidade dos candidatos de UPyD apreciábase onte nas súas caras durante o seguimento do escrutinio nun hotel de Santiago. Os cabezas de lista amosaban a súa ledicia por superar a Esquerda Unida e, sobre todo, a Terra Galega en número de votos.
O máis exultante era o voceiro e número 1 pola Coruña, José Anido, quen proclamou que “se ha acabado el nacionalismo obligatorio”. Así mesmo, os membros de Unión, Progreso y Democracia dixeron que seguirán a traballar para entrar no Parlamento galego e salientaron que triplicaron o número de votos na Comunidade Autónoma dende os comicios xerais.
O cabeza de lista por Pontevedra, Andrés Mosquera, dixo que estaban moi “felices”, tamén polo escano obtido pola súa formación nas eleccións de Euskadi.
Aínda que ao inicio da noite poucas persoas se achegaron ao salón do hotel onde UPyD seguía o escrutinio, finalmente case un cento de persoas congregáronse alí para celebrar os resultados, tanto galegos como vascos.
TERRA GALEGA
“Acabamos de plantar un carballo por primeira vez nas eleccións autonómicas e este carballo hai que deixalo medrar, que floreza en catro anos no resto das provincias”. O candidato de Terra Galega, Xoán Gato, mostrouse “satisfeito” polos resultados obtidos nas primeiras eleccións autonómicas ás que se presentou a formación e que lle reportaron máis de 18.300 votos en Galicia, colocándose como quinta alternativa política, e acaparando o “voto útil” daqueles que queren “un verdadeiro cambio”.
Brindando con champán na súa sede de Narón, o municipio no que se fraguou o seu periplo político durante 23 anos de alcaldía, Gato anunciou entre aplausos que a loita de “David contra Goliat”, nunha campaña na que se competiu en “Seiscentos fronte aos Ferrari” dos grandes partidos, sen case apoio mediático e partindo de cero, alcanzara parte dos seus obxectivos. TeGa superou ao BNG en moitos puntos da comarca, e colocouse como segundo partido máis votado en Narón, só superado polo PP.
O seu brinde por “Galicia, por Terra Galega, por este proxecto”, revelou outra meta: manter o seu obxectivo non só de entrar na Xunta de Galicia senón tratar de fortalecer a presenza da formación nacionalista de centro no panorama político das eleccións municipais, e presentarse nas europeas da man dunha formación estatal. “Foi moi difícil o traballo, pero estamos contentos, temos proxecto, seguimos adiante”, concluíu.
Mentres, a candidata de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, valorou o resultado da súa formación, que aínda que pasou de ser a cuarta á sexta forza política segue “en ascenso, con humildade”, cuns 3.000 votos máis que no ano 2005, o que supón un 0,99% de aumento.
Díaz salientou esa subida de EU, a pesar da competencia de TeGa e UPyD e engadiu que o partido afronta unha “nova etapa, con ánimos” e que seguirán a “loitar pola reforma da lei electoral”, co fin de rebaixar a porcentaxe mínima para acceder ao Parlamento galego do 5 ao %, para que “todos os votos sexan iguais”.
A líder de EU tamén felicitou ao PP e á cidadanía galega pola alta participación. Así mesmo, achacou a derrota do bipartito ao “continuismo” e ao feito de aplicar “políticas de dereitas”. Yolanda Díaz asegurou que os votantes de esquerdas se atoparon coa “frustración e o desencanto”. Tamén reprochou tanto a BNG como ao PSOE a súa “distancia coa cidadanía”. “Non sabían o que pasaba na rúa”, concluíu Díaz.
