Eran as doce e media da mañá e na sala onde se reunía a Executiva dos socialistas galegos escoitábase un longo aplauso. Entre as ducias de xornalistas e reporteiros gráficos que agardaban a que comparecese o presidente da Xunta en funcións escoitábanse verbas como “a despedida”, un rumor que empezara a coller forza. Dez minutos despois, Emilio Pérez Touriño saía da estancia esbozando sorrisos en todo momento coa intención de ocultar a complicada situación. Tras dedicar un bo rato a dar as grazas aos xornalistas que traballaron cubrindo a campaña e aos “milleiros e milleiros de cidadáns” que os apoiaron o 1-M, o ata agora líder socialista anunciou o esperado.
“Veño de presentar a miña renuncia definitiva a seguir liderando a Secretaría Xeral do PSdeG”, dixo o xefe do Executivo galego en funcións. Touriño asegurou que “as urnas deixaron un resultado claro. Quero e debo asumir plenamente” o veredito das eleccións, engadiu.
“A miña responsabilidade conclúe e paso a ser un militante entusiasta e animoso, pero un militante de a pé”, continuou o ata agora líder do PSdeG, quen aclarou que a súa decisión é “persoal e intransferible” e que era súa “obriga” porque é “coherente” na súa “vida persoal e política”.
Touriño asumiu a súa parte de culpabilidade na derrota do bipartito nas urnas. Así, recoñeceu que se deu unha “imaxe de bigobernación nesta época” de crise na que se “reclamba unidade”. “Non demos sensación de goberno estable e seguro”, dixo o socialista. Así, incidiu en que a victoria do PPdeG “garda relación coa situación económica”.
Ademais, recoñeceu "erros de xestión e enfoque” relacionados coa súa “responsabilidade directa”. Tamén achacou a perda de votos á “campaña máis sucia da historia perfectamente preparada polo PP”. Neste senso, Emilio Pérez Touriño aceptou que asume a súa “responsabilidade por non responder en condicións, porque non fun quen de percibir o dano que facía esa mentira”, en referencia ás denuncias de “despilfarro”.
Acompañado por Varela e Mar Barcón durante a súa comparecencia –que foi retrasmitido en directo por varias canles de televisión– engadiu que agora toca facer “unha análise con detalle” para valorar as causas que levaron a que o PPdeG lograse a maioría absoluta este domingo.
Con todo, Touriño asegurou que “tampouco se trata de ningún descalabro” e incluso apuntou que o PSdeG pode gañar un escano máis coa contaxe do voto emigrante. Ademais, lembrou que o partido vive unha “etapa de crecemento” e que hai dez anos só contaba con 13 deputados no Hórreo. Agora, dixo, “debe abrirse unha nova etapa” con “novos liderados” tras esta “traxectoria de crecemento” e engadiu que agora non é unha das súas “preocupacións” saber se renunciará ao seu escano.
Unha vez rematada a súa comparecencia, Touriño despediuse dalgúns membros do PSdeG, como Dolores Villarino ou María José Caride, e abandonou o edificio por unha porta onde aínda colgaban os carteis da campaña, coa figura do agora “militante de a pé” como ‘O Presidente’.
Mañá, a secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín, constituirá a comisión xestora que rexerá o partido en Galicia até o vindeiro Congreso Extraordinario. Estará presidida por Ricardo Varela e contará con Modesto Pose como vicepresidente e Mar Barcón como secretaria de Organización. Serán vogais Manuel Vázquez, Carmela Silva, Moisés Rey, Luis Ángel Lago Lage, Laura Seara, Beatriz Sestayo, Carmen Rodríguez Dacosta, Bernardino Rama, Antón Louro e Dolores Rodríguez Amoroso.

