En nome de todos os membros do Encontro Irmandiño que forman parte do Consello Nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras falou onte alto e claro: “Teñen que empezar por que a Executiva e o voceiro fagan dúas cousas fundamentais, a primeira, por ser os seus cargos a disposición do partido, é dicir, dimitir”.
O que fóra voceiro do Bloque convocou onte aos medios xunto con outros integrantes desta corrente integrada na formación frentista para dar a coñecer a súa postura ante o “batacazo electoral” do pasado 1 de marzo, que provocou “unha grave crise política” dentro do partido.
Asi mesmo, Beiras apuntou que hai que levar a cabo unha “refundación” do BNG polo que solicitou que se celebre “xa unha Asemblea Nacional” para facer ese “exercicio de saúde indispensable”. Ademais, salientou que hai que eliminar o proceso de toma de decisións por medio de delegados para volver ao “asemblearismo” que sempre definiu ao Bloque Nacionalista Galego.
O anterior líder do Bloque insistiu en que é necesaria esa dimisión “porque ademais dixerono, fundamentalmente o voceiro –Anxo Quintana– na Asemblea Extraordinaria do outono” pasado, na que o vicepresidente en funcións foi elexido candidato á presidencia da Xunta.
Xosé Manuel Beiras tamén insitiu en que esa asemblea é “urxente” –“non se pode esperar ao outono”– e desbotou “coartadas” como “un baleiro de poder” porque “xa existe”, ademais de asegurar que si hai tempo para “refundar” o partido antes dos comicios europeos.
Para esa paréntese mentres se reorientase a formación frentista, o Encontro Irmandiño propón crear un “organismo interno para a xestión cotidiana”.
Logo de solicitar a dimisión de toda a Executiva, o antigo líder do BNG dixo que se debe “proceder a unha autocrítica”. “Non se pode continuar co método de atribuír reiteradamente as perdas de apoio continuado a causas externas, aos adversarios e a unha campaña sucia”, reprochou Beiras, que engaidu que “o único que consigue é aumentar o descrédito desa organización”.
Ademais, insistiu na necesidade desa crítica para reorientar os obxectivos porque hai un “desenfoque brutal, pitoñez e perda de perspectiva” na formación.
O político aclarou tamén que non ían “facer análise nin balance” do resultado electoral senón “formular a posición” que os membros de Encontro Irmandiño van “vehiculizar dentro dos órganos do BNG na primeira sesión que se convoque do Consello Nacional”.
Con todo, tras agradecer a presencia aos medios de comunicacion, Beiras apuntou que se “restablece unha relación –cos xornalistas– que teño a impresión de que vai ser máis que frecuente que ata o de agora”.
Así mesmo, o que fóra líder do BNG tamén dixo que Encontro Irmandiño non pretende “erixirse como protagonista” senón que queren “devoverlle a voz á militancia” e que toman “a iniciativa porque están no Consello Nacional do partido” e porque son unha corrente que vai “restablecer a pluralidade que estaba sendo eliminada”.
Neste senso, Xosé Manuel Beiras volveu insistir en que debe dimitar a Executiva do Bloque porque "non poden ser os mesmos” os que leven a cabo a “refundación” da forza nacionalista. “Un aparato vertical de poder provoca unha catástrofe” e é unha “fraude”, segúno o antigo lider do BNG, quen recalcou que non queren “órganos de pirámides verticais”, senón que as decisións xurdan “de abaixo ata arriba”.
Así e todo, Beiras aclarou que “non queremos cabezas” nin “guerras civís internas”, porque “xa hai unha guerra civil no Estado español provocada polos mesmos” que no ano 1936.
O que fora portavoz nacional do Bloque na época na que a formación chegou a acadar 17 deputados no Parlamento, reiterou no seu discurso que pretenden “darlle voz ao pobo” e á cidadanía”, polo que insistiu na volta a un sistema asembleario para “restrablecer a sabia do BNG”.
Os membros de Encontro Irmandiño que forman parte do Consello Nacional que acompañaron a Beiras na comparecencia antes os medios foron Mario López Rico, Xosé Constenla, Cristina Amor, Concha Trigo e Martiño Noriega. Na executiva, ademais de Xosé Manuel Beiras, están os seus afíns López Rico e Cristina Amor.

