A derrogación do decreto 124/2007 “polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo”, anunciada polo futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como a primeira medida do seu Goberno suporá, na práctica, que o novo xefe do Executivo galego aposte por deixar sen efecto unha norma que el mesmo, coma membro do gabinete de Manuel Fraga e tamén coma deputado, aprobou en setembro de 2004: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega
Se ben o decreto do ensino viu a luz baixo o mandato do bipartito, en xuño de 2007, o seu texto límitase a desenvolver Plan apoiado en 2004 pola unanimidade dos tres grupos da Cámara galega. Deste xeito, a consellería de Educación dirixida pola Laura Sánchez Piñón refírese, no conxunto do texto, á necesidade de “garantir o cumprimento do establecido” no “Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004”.
o sistema de cotas
A aposta de Núñez Feijóo, expresada con vaguidade no programa electoral do PP, ao avogar pola “proporcionalidade nas materias que se imparten en galego e castelán no sistema educativo, permitindo a necesaria flexibilidade”, concretouse na campaña electoral e ao longo da presente semana, onde o próximo presidente explicitou a súa intención de deixar en mans dos pais o número de áreas de coñecemento que se impartirán en cada lingua cooficial.
Se esta proposta chegase a ser realidade –para o que o novo Goberno debería publicar un novo decreto–, Núñez Feijóo estaría a contradicir o Plan Xeral de Normalización elaborado a instancias do Executivo do que foi vicepresidente.
No texto de 2004, non só se estipula un sistema de cotas de materias en galego e castelán que pecha a porta á segregación dos alumnos en función do idioma elixido, senón que os límites marcados son os mesmos que, ao longo da lexislatura do bipartito, se converteron no cabalo de batalla dos populares e de organizacións como Galicia Bilingüe, isto é, o cincuenta por cento.
Segundo o Plan do Goberno Fraga, tanto “na educación primaria” coma “na educación secundaria obrigatoria” e “nos bacharelatos”, as autoridades educativas están obrigadas a “garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”. Este límite, duramente criticado na actualidade polos conservadores, foi recollido como referencia no decreto aprobado por PSOE e BNG.
Do mesmo xeito, outro dos argumentos esgrimidos na actualidade polas organizacións contrarias ás políticas de normalización e recollidos polo programa de Goberno popular, o número de materias troncais impartidas en lingua galega, teñen a súa orixe na norma de 2004.
Así, o Plan Xeral que serve de sustento ao decreto que o Goberno resultante das eleccións do pasado 1 de marzo derrogará, establece que no ensino primario engadiranse “á parte de área de coñecemento do medio natural, social e cultural” o fomento do galego en “materias troncais” de “toda a etapa, como as mátemáticas”.
“imposición”
Os argumentos expostos por Núñez Feijóo nas últimas semanas para dar marcha atrás nas políticas de protección do galego figuran tamén no programa electoral do PPdeG e, novamente, colisionan co Plan ao que o líder conservador deu o seu visto e prace en 2004.
O treito no que, recollendo as mensaxes de “movementos sociais contrarios á imposición”, o programa popular critica con dureza a política lingüística do bipartito e censura a “aplicación do dereito sancionador” no canto de accións “ben deseñadas” para promocionar o idioma, os populares atacan, unha vez máis ao seu propio Plan.
Fronte ao actual rexeitamento conservador a medidas como a utilización do galego como “lingua vehicular” nos centros de ensino, en 2004, os conservadores deron por bo o texto que instaba a “esixir a todos os centros, sen excepción, o cumprimento da normativa vixente sobre normalización lingüística, adoptando medidas correctoras no caso de incumprimento”.
Do mesmo xeito, fronte ás actuais críticas ao decreto que indica o deber de coñecemento do idioma para que os docentes do ensino público poidan optar, por exemplo, a un concurso de trasladados, o Executivo de Manuel Fraga apostou por “establecer a obrigatoriedade de coñecer a lingua galega para acceder á docencia en Galicia”.
Ademais de dar corpo concreto aos principios definidos polo Plan Xeral de Normalización de 2004, a lectura do decreto do bipartito contradí tamén outra das teses fundacionais dos movementos de protesta contra as políticas normalizadoras, como é a imposibilidade de que alumnos de fóra de Galicia estuden na comunidade a causa dunha teórica “imposición”.
Fronte a isto, a norma da consellería socialista ofrece “dous cursos académicos” nos que os estudantes foráneos estarán “exentos” de exames e cualificacións na materia de lingua e literatura galega e, ao tempo, “o alumno terá que asistir” ás clases “como medio de integración lingüística e coa finalidade de que, cun esforzo”, poida “ter un dominio adecuado da lingua”. n

