Alberto Núñez Feijóo anunciou durante toda a campaña a súa intención de derrogar de forma inmediata, se chegaba ao Goberno, o decreto do galego no ensino. Cun PP con maioría absoluta na Xunta, o próximo presidente galego anunciou que nos primeiros cen días de mandato aboliría a normativa.A perspectiva preocupa aos principais organismos da comunidade en materia lingüística, aos sindicatos, e por suposto, tamén a escritores e intelectuais.
O laureado escritor galego Manuel Rivas ten unha visión moi clara sobre a posibilidade dun cambio nas políticas lingüísticas. “Con esta medida levamos ao galego a unha situación preconstitucional. Rómpese co consenso básico e, polo tanto, máis que gobernar para todos, que é a promesa de Feijóo, está a actuar coma o presidente dun grupo extremista. Máis que tender pontes, esta é unha medida incendiaria, é unha proposta que divide en dous ao país”, di Rivas.
“O punto de partida desta historia parte dunha descripción falsa da realidade, moi propia das políticas neocom. Están desacreditados na economía e na política e veñen a aplicar una involución no eido educativo, moral e cultural”, prosegue o autor máis traducido das letras galegas. “Hai que invertir dúas palabras, ao que eles chaman imposición hay que sustituílo por extinción. Todo isto é un programa de extinción do galego”. Aínda así, Manuel Rivas, non cree no fin do idioma, nin moito menos. “O galego ten a resistencia da raíz do toxo verde. Van levar moitas sorpresas”.
O escritor Suso de Toro, declarou a Xornal de Galicia que aínda que supón que o anuncio de Feijóo vaise cumplir, e o decreto será derrogado “fai falla esperar a ver o que pasa”. “O que vexo é que hai un cambio de época, e iso, agora mesmo non ten volta. Hai un resultado nas eleccións e non vai quedar máis remedio que aceptar esa realidade. Haberá que ver o que concretan eles e saber ata onde queren chegar”, explica o compostelán. “Neste días xa se están a ver moitos movementos. O que aquí acaba de ocorrer ten moito alcance. Pero ben, para facer algún cambio supoño que antes deberá reunirse con asociacións e institucións”, valora.
Pero, derrogar o decreto do galego poder ser un paso involutivo dentro da política galega? “O galego xa está nunha situación históricamente desesperada, non necesita que lle saquen nada”, conclúe.
O de Victor Freixanes é un dos nomes fundamentais no panorama literario galego, grazas ao posto que ocupa como director xeral da Editorial Galaxia. Aínda que determinadas mensaxes que escoitou na campaña lle “preocupan” cree que “hai que esperar a que o Goberno actúe”. “Non imos poñer o carro diante dos bois, se sacan ese decreto do ensino, o goberno terá que poñer outro”, reflexiona o escritor. “A decisión do pobo galego foi que o PP volvese ao Goberno así que hai que esperar e ver que modelo propoñen. Cando o fagan será o momento de opinar”, di.
O autor de Arte e parte, Xurxo Borrazás, é máis contundente no seu plantexamento. “Que se saque o decreto do galego é unha cesión á ultradereita, e unha cesión a Galicia Bilingüe. Cansa un pouco poñerse a pelexar agora por algo polo que xa levamos décadas pelexando, pero haberá que volver a facelo”, sentencia o escritor carballés.
Mentres tanto , a Mesa pola Normalización Lingüística expresou onte o seu descontento “ante as medidas anunciadas por Alberto Núñez Feijóo contra o ensino en galego”. Unhas medidas que “atentan contra toda a lexislación lingüístiva da democracia”. O organismo xa anunciou que convocará unha manifestación para o vindeiro 17 de maio, día das Letras Galegas, “en defensa da nosa lingua propia”.
Dende o pobo catalán no que vivo,e que xa va para sete anos que estou por aquí,estou abraiado dos ultimos acontecementos na miña terra.O PP no poder outra vez,atentados contra a nosta identidade...e poderia seguir.Francamente,non saio do meu asombro.Enriba dende aqui atacase a todo un buque insignia do galeguismo como é Manuel Rivas,que si a libertade das linguas e non sei qué....A verdadeira libertade reside na elección e sobre todo na PROTECCIÓN da identidade propia,unica e intransferible do pobo,o galego no noso casoNon hai nada mais honroso que a defensa a capa e espada da propia identidade.En fin,que dende a lexania solo me quedan as lamentacions e a repulsa a toda a xente que máis que defender a sua patria solo tira lixo e mais lixo enriba sua.Para todos vostedes solo trasmitirlles a profunda lastima que me producen,bastante tenen con ser coma son.Saudos e unha aperta moi forte.
