O poder é un altofalante en modo silencio. Hai ruído interno, pero non sempre se escoita. Pero cando esa posición de privilexio se perde –máis se ocorre de xeito inesperado– o volume repunta. Aínda non está no tope de decibelios o bafle propio do PSdeG, pero hai son e moito. Tras a dimisión do secretario xeral e presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, os socialistas galegos vense na obriga de abrir unha nova etapa que polo de agora semella chea de dúbidas. Unhas refírense ao liderado da formación, para o que ten todas as papeletas –talvez temporais– o líder ourensán Manuel Vázquez. Pero outras, menos publicitadas pero tanto ou máis importantes, apuntan á liña política do PSOE galego no futuro, da que pode depender tanto o éxito electoral como as alianzas que permitan o acceso a ese ansiado poder.
A inmediata serenidade coa que os socialistas aceptaron a derrota do 1-M vai deixando paso a unha pausada pero constante tendencia ao balbordo interior. Con Touriño fóra de xogo e a súa xestión golpeada por inéditas críticas, a substitución por Manuel Vázquez ofrece a comodidade do coñecido e tamén a seguridade incendiaria de que o ese perfil combativo pode manter vivo o lume da oposición á dereita. Porén, non todo o partido visualiza ao ex alcalde d’O Carballiño como aposta de profundidade. Uns desconfían da súa boa relación con Ferraz e, polo tanto, con José Blanco, visecretario xeral do PSOE e, na actualidade, principal fontaneiro da organización en Galicia. Outros opinan que xa é unha figura queimada pola súa longa carreira ou incluso pola xestión á fronte de Medio Ambiente.
As alternativas a Manuel Vázquez non contan con demasiadas opcións polo momento. Descartado Ricardo Varela e con escasos números para un Méndez Romeu que tampouco pensa borrarse do núcleo dirixente, a principal –dentro do grupo parlamentario– sería Mar Barcón, que contaría co valor engadido de coñecer ben o medio urbano –onde naufragou o PSdeG– e tamén o de que sería a primeira muller con opcións reais de presidir a Xunta. Fóra destes nomes, o futuro referente dos socialistas galegos podería estar no propio Blanco –dependerá da súa decisión persoal– ou dous valores á alza: o ministro de Xustiza Francisco Caamaño e, sobre todo, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ben visto en Ferraz e que ofrecería unha imaxe de renovación misturada con experiencia institucional moi na liña das necesidades socialistas.
Non obstante, a loita interna no PSdeG vai máis alá e afecta ás posicións ideolóxicas da organización e, concretamente, a súa relación co nacionalismo. Medran as voces que acusan a outra candidatura –a do BNG– da derrota propia, contradicción da que nacerá a nova proposta socialista, que terá que escapar da indefinición para marcar territorio en cuestións básicas como a crise e, por suposto, a identidade. Non está clara cal vai ser a postura do PSOE galego ante, por exemplo, o novo panorama lingüístico. Desa reformulación pode saír un partido máis centralista que busque poder en solitario a longo prazo ou un igual ou máis galeguista que loite por facelo con aliados tradicionais nun tempo medio. Sen esa decisión, calquera novo líder será un parche.
