O líder dos conservadores galegos e próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, viuse obrigado a saír ao paso da controversia xerada polos seus plans en materia lingüística no primeiro evento público do popular, fóra dos actos de partido, despois da súa vitoria nas urnas, hai unha semana.
Feijóo, que foi recibido na festa da Arribada de Baiona como “presidente” –un extremo que el mesmo quixo aclarar, asegurando que a súa presenza na localidade respondía á “invitación expresa” do alcalde, o popular Jesús Vázquez, como líder do PP– tachou de “pouco razonables” as críticas que, dende o BNG, sitúan a súa intención de derrogar medidas de normalización do idioma no marco do “revanchismo político”.
Diante das mostras de preocupación expresadas nos últimos días fronte a unha posible supresión de normas coma o decreto do galego no ensino, Feijóo non só rexeitou que o PP se vaia situar fóra das políticas de normalización senón que, asegura, el mesmo se converterá “no primeiro defensor do idioma galego” en canto se produza o “trasvase de poderes” e acceda á Xunta.
Segundo o líder dos conservadores, a formación que dirixe xa apostou ao longo da campaña electoral por medidas que “defenden” o galego, pero “dentro da liberdade lingüística sagrada que ten a xente para expresarse libremente”. Así, Feijóo contrapón as súas propostas á política do bipartito para asegurar que, nos próximos anos, “os galegos poderán utilizar calquera dos dous idiomas oficiais que ten Galicia”.
Nun contexto no que as organizacións en defensa do idioma, intelectuais e escritories xa mostraron o seu temor ao que o escritor Manuel Rivas definiu coma “un programa de extinción do galego”, Núñez Feijóo promete, dous días despois de ratificar a súa intención de derrogar o decreto do galego e suprimir as galescolas, que vai “defender e a promocionar o galego”, unha circunstancia que, di “é un sinal moi claro do que vai ser a política lingüística da Xunta de Galicia”, unha política que, en todo caso, di, se guiará polo programa electoral co que os conservadores concorreron aos comicios do 1-M.
Malia ao manifestado por Feijóo dende Baiona, o certo é que o programa popular traza unha folla de ruta na que, despois de definir a lingua galega coma “o noso sinal de identidade como pobo” e “un medio único para a comunicación e a expresión do noso talento”, aposta por revogar as medidas de normalización postas en marcha polo bipartito seguindo as orientacións marcadas polo Plan Xeral de Normalización elaborado polo Goberno de Manuel Fraga e aprobado, a instancias da maioría absoluta do Parlamento, no ano 2004.
Antes de debullar os seus plans concretos, o programa dos populares debuxa un escenario no que, apuntan, a sociedade “demanda, moi maioritariamente, o uso pacífico, libre e sen confrontacións das nosas dúas linguas oficiais”, polo que, conclúen, “non podemos permitirnos que a nosa principal referencia identitaria se converta nun instrumento para a división social”.
Neste escenario, fronte a un PP que lembra os “amplos consensos políticos e sociais” acadados na materia durante os mandatos de Fraga, os populares sitúan a un bipartito “ao servizo dos intereses dunha minoría nacionalista que pretende impoñer o monolingüismo”. Segundo o documento electoral, o actual Goberno en funcións “ten apostado pola substitución das políticas de promoción” a favor de “políticas de imposición e sanción”.
Esa presunta “imposición”, segundo os populares, convertiuse “nun camiño” que está a levar “á aparición” dunha “conflitividade lingüística” que, apuntan, “se pon de manifesto no incremento das queixas de moitos cidadáns” e á “aparición de movementos sociais contarios á imposición pero tamén, nalgúns casos –recoñecen– contrarios á normalización”.
O argumento da conflitividade é sustentado polos populares “na aprobación dun Decreto sobre o uso do galego na educación” que, afirman, “indo moito máis aló do previso no Plano de Normalización Lingüística aprobado” polo Parlamento en 2004, estivo, durante o mandato de PSOE e BNG, “rompendo os equilibrios lingüísticos coa intención de facer do galego a única lingua vehicular” no ensino.
O debuxo da paisaxe idiomática conclúe afirmando que, o Executivo de socialistas e nacionalistas tratou de “conseguir, mediante a aplicación do dereito sancionador, o que se pode lograr mediatne unha política lingüística ben deseñada” e “baseada” no “fomento da liberdade”. Malia a todo, o programa do PP obvia o feito de que tanto o Decreto do ensino como as demais plans lingüísticos de BNG e PSOE asumen a literalidade das normas elaboradas polo PPdeG e aprobadas polo Goberno no que Núñez Feijóo exercía como vicepresidente primeiro.
Logo de trazar o teórico escenario, os populares conclúen resumindo os “principios” que orientarán a súa acción na Xunta en todo o relacionado co idioma e que coincide co manifestado ao longo da semana polo propio Feijóo.
Así, o programa afirma que o Goberno conservador primará “a liberdade individual de opción fronte á imposición” para lograr “un bilingüismo integrador”, especialmente no eido educativo onde, insisten, “derrogaremos o Decreto de Fomento de uso do Galego na ensinanza”.
Ao tempo, a formación liderada por Núñez Feijóo comprométese a “garantir que se respecte o dereito dos pais e dos nenos a elixir cal é a lingua materna dos seus fillos” e asegurar o “equlibrio e proporcionalidade nas materias que se imparten en galego e castelán”. Do mesmo xeito, din, o Goberno do Partido Popular tramitará “as qeuixas presentadas polos cidadáns en relación coa utilización do galego e do castelán coa fin de garantir os seus dereitos lingüísticos”.

