É a súa película número 17 e a máis cara, custou 12 millóns de euros; foi a súa rodaxe máis dura e máis longa, 15 semanas entre Madrid e Lanzarote, pero, ante todo, Los abrazos rotos é unha “declaración de amor” de Pedro Almodóvar ao cine, segundo confesou onte o oscarizado realizador manchego.
Non era o único que tiña un Óscar, de entre as preto de 400 persoas asistentes á multitudinaria presentación da película. Alí había moitos xornalistas, o que máis, pero tamén estaban os do equipo técnico de El Deseo (a produtora dos irmáns Almodóvar), con Agustín Almodóvar á fronte, e os protagonistas da cinta: Blanca Portillo, José Luís Gómez, Lluis Homar, Rubén Ochandiano, Tamar Novas e, por suposto, Penélope Cruz, recentemente chegada de Los Angeles coa súa figura.
Almodóvar, Penélope e Blanca coincidiron en que o seu primeiro desexo é que a película, que se estrea o mércores, chegue ao público, que a entendan e lles emocione. “Espero que a xente vaia vela. Sei que hai moita expectación, e iso xa é bo. Que non se lles faga longa e que lles comuniquemos todas as emocións”, dixo Almodóvar, que engadiu que saberá se acertou a vindeira semana.
“Los abrazos rotos”, destacou, “é unha película romántica de historias cruzadas –a catro bandas entre Penélope Cruz, Lluis Homar, Blanca Portillo e José Luís Gómez–, todas moi intensas. Pero a historia de amor que subxace en toda a peli, é a miña historia de amor co cine”. Por iso o director manchego inclúe referencias a fitas como Te querré siempre, de Rossellini, ou á súa Mujeres al borde de un ataque de nervios.
Durante a historia, o personaxe de Penélope, Lena, é unha muller maltratada pola vida que quere ser actriz e que cae nos brazos dun magnate, José Luís Gómez, que lle permite rodar ás ordes dun director de cine cego (Lluis Homar). A película que rodan chámase Mujeres y maletas, e é unha especie de revisión de Mujeres al borde de un ataque de nervios.
COMEDIA CON DRAMA DE FONDO
O cineasta explicou que preferiu “usar algo de produción propia, que puidese manipular”. E engadiu: “Non é un auto-homenaxe, porque non quería escribir unha historia só para iso e esnaquizala. Ademais, necesitaba unha comedia para contrapola ao drama dos personaxes”. E de aí xurdiu a curtametraxe que protagoniza Carmen Machi, La concejala antropófaga.
“Nesta curtametraxe, que escribín durante a rodaxe, púidenme extender con máis frescura e liberdade”, moi ao estilo de Pati Difusa, comentou Almodóvar, para quen todos os seus filmes son o seu “patrimonio en todos os sentidos” e forman parte da súa biografía.
Pedro Almodóvar, que confesou que a parte da que máis orgulloso está é “a puramente thriller e noir”, por un momento pasou de comparecente na rolda de prensa para exercer de xornalista preguntando un a un aos seus actores: “Como vos foi na rodaxe, que antes non me atrevía a preguntalo?”
“Para min foi fascinante –apuntaba Branca Portillo–. Todos puxemos moita alma e risco emocional, creáronse vínculos moi fortes e iso respírao a película”.
José Luís Gómez non cre que “a fama de mandón de Pedro sexa certa”. “Paseimo ben rodando, pero foi dura a miña pelexa con Ernesto Martel (o seu personaxe), porque é un individuo difícil de tratar”.
Para Cruz, “a rodaxe foi dura, porque unha das poucas cousas –dixo– que comparto co meu personaxe é o amor ao cine. Lena é unha loitadora que necesita voar e, cando cre que se van a cumprir os seus soños, non é así”.
Homar dixo que o máis duro foi o adestramento cun equipo da ONCE, que ata lle fixo ir dende a súa casa aos ensaios cos ollos tapados en metro. Ademais, tivo que adelgazar moito.
Almodóvar confesou: “Estoume especializando nun tipo de drama que cada vez se fai menos, tan só cineastas como Lars Von Trier e Krzysztof Kieslowski. Gústame moito ese xénero que fala da condición humana, pero como reflexo da miña propia vida”.

