Quintana comparece este sábado no consello nacional do BNG, nunha xuntanza da que se agarda o comezo dunha nova etapa para este partido tras a perda do poder nas eleccións do día 1.
Que vai facer agora?
Francamente, non me vexo protagonizando o futuro do BNG. Pero creo que teño a responsabilidade como portavoz nacional de facer todo o que estea na miña man para que haxa un debate sereno, reflexivo, responsable e leal, que nos leve a todos a tomar as decisións que consideremos oportunas practicando os cambios que se consideren necesarios. Eu nunca vou ser un problema para o BNG, sempre entendín a miña participación na política como a achega persoal a un proxecto colectivo, e eu creo que neste momento o que é máis importante é o proxecto colectivo, o propio BNG, por diante das apetencias persoais que cada un poidamos ter.
Que autocrítica fai despois do que lle pasou ao bipartito, e que valores pensa que non se lle recoñeceron?
É normal que se houbo un mal resultado haxa autocrítica, o contrario sería unha irresponsabilidade. Algo mal fixemos para que non acadásemos os obxectivos. Agora, eu creo na autocrítica para solucionar os erros, pero tamén valorizando o moito e bo feito. O PP derrotou electoralmente ao Goberno e agora o que quere é derrotar á alternativa. A iso eu non estou disposto, entre outras cousas porque hai case 800.000 persoas que votaron polo bipartito. O PP ten a maioría absoluta, pero non ten a razón absoluta.
O problema estivo no que se fixo mal ou no que non se comunicou ben?
Non é un problema do que se fixo mal. Algunhas cousas dos tres anos e medio de xestión son mellorables, pero eu creo que hai un balance xeral moi positivo e de cumprimento do que foi o noso programa de goberno conxunto. Tampouco creo que sexa un problema unicamente de comunicación: o fallo do bipartito foi unha lectura equivocada da realidade política e social do país, na que o PP e o que significa o PP en termos ideolóxicos, políticos, financeiros, económicos e mediáticos ten un peso terrible. Cometemos o erro de pensar que a etapa do PP era unha etapa pasada, cando en realidade segue a ser unha etapa do presente, que nós tiñamos a obriga de superar. Ao final tivemos que xogar no terreo enlamado que o PP tiña preparado, e sufrimos unha campaña como penso que non houbo outra en toda a historia democrática do Estado español.
O apuro do PP por derrotar a alternativa persegue frustrar aos gobernos bipartitos nos concellos?
A min non me gusta pero tampouco me preocupa que o PP teña gañado as eleccións. O que me preocupa é algunha actitude do PP, ben acompañada dalgúns coros mediáticos que o que pretenden non é gañar, senón destruír ao adversario. En Galicia a alternativa ao PP é unha alternativa plural. Nos concellos, onde ten que seguilo sendo, e tamén na Xunta.
Agarda sobresaltos nos concellos?
Espero que non, e polo BNG non vai quedar. Creo que temos que aprender dos nosos propios erros. PSOE e BNG estivemos moi preocupados por marcar o noso propio espazo, cousa por outro lado lóxica, e no caso do BNG imprescindible. Digo como autocrítica ao BNG, aínda que o PSOE debería facer unha reflexión parecida. Porque o PP intenta trasladar en termos anticonstitucionais que os únicos gobernos posibles son os gobernos dun só partido, tirando por terra toda a práctica constitucional do pluralismo e do parlamentarismo.
Que vai a pasar agora no BNG?
Acabamos de ter un mal resultado e a nós se nos trunca unha traxectoria que eu considero que era moi positiva para Galicia, pero tamén para o BNG. Creo que debemos tomar boa nota da cantidade de intereses que algúns poderes tradicionais do país demostraron para que o BNG non seguise no goberno, porque iso testemuña o noso carácter transformador. Aos poderes tradicionais deste país o que lles gustaría é un BNG marxinal, un BNG que en termos políticos poida dicir o que queira pero que nunca teña a posibilidade de gobernar, ese é o BNG que non molesta aos poderes tradicionais. Agora, un BNG que actúe con responsabilidade e sensatez, un BNG apegado ao pobo, pero un BNG ao mesmo tempo transformador, iso preocupa e moito, e eu creo que esta é unha conclusión que nos marca o camiño por onde debemos ir. Hoxe o BNG ten maior introdución social que nunca na historia do nacionalismo e o que temos agora é que consolidar iso, e non destruír o que temos.
Se vostede se vai, debe saír toda unha xeración da executiva do BNG?
Creo que non debemos falar nunca en termos destrutivos nin culpar a ninguén individualmente do sucedido, todos temos unha responsabilidade colectiva, pero como é lóxico quen ostenta a maior responsabilidade son eu, como portavoz nacional e candidato. Non me considero culpable do resultado pero asumo toda a responsabilidade que me corresponde. Eu sempre defendín os liderados responsables e o liderado responsable é aquel que exerce como líder cando ten que exercer pero tamén o que asume a responsabilidade cando os resultados non son os que se esperan. Por tanto, vou actuar en coherencia con esa convición. Tamén creo que no BNG non sobra absolutamente ninguén; ao contrario, facemos falta todos. O que parece lóxico é que nesta nova etapa non poden protagonizar o BNG do século XXI os que tiveron tamén a responsabilidade de protagonizar o nacionalismo do ano 77 ou do ano 79. Iso non sucede en ningunha forza política democrática do Estado. Quizáis xa se debeu facer esa transición cando eu accedín á portavocía, pero non foi posible. Agora estamos nun bo momento para facela.
A nova executiva será moi nova?
Penso que non hai que resaltalo unicamente en termos xeracionais e de idade. Eu intentarei que haxa uns organismos de dirección nos que todo o mundo se sinta representado.
Touriño foise e vostede non se foi. Que papel vai ter?
Bueno, creo que fun bastante claro respecto do que debe ser a miña participación neste proceso. Eu teño tomada unha decisión sobre o que quero facer, como o quero facer e cal debe ser a miña participación, pero como é lóxico os primeiros en sabelo van ser os membros do consello nacional, o sábado, e alí llelo direi.
Isto pode supor que o BNG siga na senda da ‘centralidade’ política, ou que pola contra asuma unha orientación mais radical?
O BNG conseguiu, a pesares do resultado electoral, unha grandísima introdución social e ao mesmo tempo mantivo o seu proxecto transformador. Creo que debemos seguir nesa dinámica. Sería un erro que o BNG puidese pensar que a solución aos resultados electorais baséase en converterse no representante político de movementos moi respectables pero con un carácter ultra-minoritario na sociedade galega.
Cabe maior sintonía entre o BNG e o sindicalismo nacionalista?
Nun Estado democrático, cada un debe cumprir a súa función: os sindicatos teñen a súa e os partidos, tamén. E non é a mesma, pero pode ser complementaria. Dada a situación de crise, seguro que o BNG coincidirá en moitas ocasións co movemento sindical. O modelo económico que defendemos nós non foi o causante desta crise.
Unha das eivas do mapa electoral do BNG está nas grandes cidades. Dá a impresión de que hai desconexión entre o BNG e a xente que vive nas cidades, e iso prodúcese tamén ao fío dun intenso debate sobre o galego.
Hai un problema electoral nas cidades, pero non esquezamos que con estes resultados o PP non gobernaría nas cidades. Polo tanto, poñamos iso tamén en claro. De todos os xeitos, é evidente que o nacionalismo ten que facer un esforzo por trasladar ao mundo urbano as súas propostas como unha garantía de benestar para a xente. O nacionalismo é identidade e esa é unha raíz que non podemos esquecer nin perder, pero o nacionalismo como proxecto ou serve para xerar benestar, ou non serve para nada.
Remataremos vendo dentro do BNG xente que fala castelán?
O BNG ten a obriga, por galego e por nacionalista, de traballar dun xeito consecuente e convincente a prol da normalización do noso idioma, e como nacionalistas sempre aspiraremos, a través do convencemento, da argumentación e da sedución, a que cada vez haxa máis galegos e galegas que falen o noso idioma. É unha aspiración xusta e lexítima, que ademais marca o noso sinal de identidade como proxecto político. Iso non está en contradición co feito de que haxa moitos cidadáns que apoian ao BNG, e outros que falan en castelán que apoian ou non o BNG pero que non teñen nada en contra do galego.
Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dixo nun Café de Redacción en Xornal de Galicia que pode haber nación galega sen idioma galego, aínda que non a imos a ver nós.
Home, que pode haber nación sen galego é dubidoso, do que estou seguro é de que sen galego non habería Real Academia. E iso aos membros da Academia e ao seu presidente lles debería facer pensar. Se temos determinadas entidades neste país deberían ser para que se puxesen tamén na vangarda do freo á agresión ao galego que Galicia está a vivir e ante a cal non se pode mirar para outro lado.
Das primeiras medidas que está anunciando o que vai ser presidente da Xunta, varias delas teñen que ver coa acción de goberno do BNG: galescolas, concurso eólico, Consorcio... Tamén está en risco o decreto do galego dunha consellería do PSOE.
Feijóo gañou e ten todo o dereito a aplicar o seu programa de goberno, pero eu aspiro a que o faga pensando na xente e non guiándose polo fanatismo ideolóxico, porque se quere destruír o Consorcio e se quere pechar as galescolas debería pensar que con iso non amola ao BNG, senón a centos de familias e a decenas de traballadores que o único que queren é cumprir o seu traballo con dignidade e que os seus fillos e os seus pais estean ben atendidos.
Vai ser moi grave que se derrogue o decreto do galego?
O que é inadmisible e resulta tristemente novidoso é que un goberno galego a primeira decisión que tome sexa dar un paso atrás na promoción e na defensa do galego. Dicir que neste país se impón o galego é unha mentira pero eu teño que recoñecer que lle deu certo resultado electoral. O que sería terrible agora é que a mentira da proclama política pasase a ser parte do programa da actuación do Goberno. Se quere destruír o galego no ensino non lle vai a custar demasiado traballo, porque comprobará que o grao de introdución do galego no ensino é ínfimo, moi por debaixo do que a lei, o plano e o decreto marcan. Sería moito mellor que o señor Feijoo se dedicase a resolver os auténticos problemas da sociedade galega porque lle podo asegurar que ese non o é.
No último mitin dixo que Feijóo podía estar tranquilo porque, a pesares da campaña de descualificacións persoais que vostede sufriu, el nunca sufriría nada igual da súa parte. Visto o éxito desa campaña en clave persoal, segue pensando o mesmo?
Si, porque iso ten que ver coa ética e coa forma de entender a vida das persoas e polo tanto nunca utilizarei na miña práctica política o que utilizou o PP, que non só é a mentira, senón tamén a difamación sobre a vida particular das persoas, co único ánimo de destruír as persoas e a súa familia. Outra cousa é que eu tome no meu foro particular as medidas que considere oportunas e ás que o Estado de dereito me dá a posibilidade de acceder, porque creo que determinadas cousas non deben de quedar impunes, pero no plano político para min a campaña electoral pasou.
O PP é clave para o novo Estatuto. Que prevé que suceda?
Non vexo ao PP especialmente interesado na redacción dun novo Estatuto. En calquera caso, o BNG segue considerando que é moi importante que Galiza teña un novo Estatuto de nación.
Que sucederá entre BNG e PSOE?
É necesario que revisemos o noso modelo de relación política. BNG e PSOE debemos aprender a relacionarnos dende o respecto e o recoñecemento mutuo para formular unha alternativa ao Partido Popular na Xunta dentro de catro anos.
O BNG vai a seguir apoiando ao Goberno de Zapatero en Madrid?
Nós non temos ningún acordo estable en Madrid co Goberno do PSOE, tiñámolo en Galiza. En Madrid sempre tivemos acordos puntuais con Rodríguez Zapatero. No futuro, na medida en que sexan posibles acordos beneficiosos para Galicia, nós estaremos na mellor disposición de atendelos, e senón, non.
"LA VOZ DE GALICIA" a antítese, "A UPG" a tese. -É O PSOE a síntese? Manda carallo, e o POBO cun cabreo...a velas vir. Menos mal que queda Portugal. Eu coido que até ístos se rin de nós. E con razón
vote unha ollada a diccionario da RAE. fagame o favor na consulta poña "galego",a ver que lle sae. Non me extraña que o pp, teña tantos hoooligans ilustrados.