A axenda cultural do PP: da lingua galega á Cidade da Cultura

O cambio de goberno na Xunta implicará tamén un cambio nas políticas culturais, área especialmente coidada, non sempre con acerto, na etapa do bipartito. Velaí unha axenda básica do traspaso de poderes: cinco cuestións que o PP non poderá obviar
Xornal de Galicia / A Coruña Actualizado 21/03/2009 - 03:01 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 7 voto/s

SEN CONSELLERÍA. Á luz do que o número dous do PPdeG, Alfonso Rueda, confesa no café de redacción que Xornal de Galicia publicará mañá, todo apunta a que a cultura non terá unha consellería de seu no novo goberno. Saír do encontro sectorial cos responsábeis do Consello da Cultura Galega esta semana sen anunciar cal será o lugar desta área no seu organigrama cando entre en San Caetano non era precisamente un bo síntoma. Non falar das súas propostas durante a campaña, tampouco. De integrarse nun departamento máis amplo, posibelmente con tradicionais aliados nos gobernos populares como Deporte ou Educación, faríase no marco da vocación de austeridade que o novo presidente, Alberto Núñez Feijóo, pretende levar ao Goberno autonómico. Con todo, o resultado vén sendo o mesmo. As políticas culturais perderán capacidade operativa, pero sobre todo adoecerán dunha falta de visibilidade que non se daba no departamento de Ánxela Bugallo. Por dicilo doutro xeito, a cultura perdería centralidade na acción de goberno, e haberá que ver que acontece coa aposta clara –talvez non sempre acertada, no esencial ou no cosmético– do anterior goberno. A consideración das industrias culturais como un sector estratéxico, e a propia introdución dese concepto na retórica do Goberno, foi un dos eixes da etapa anterior, e como tal deu pé á posta en marcha de novas fórmulas administrativas –velaí a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en substitución do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem)– e a un auténtico cambio de paradigma na xestión. Esa transición, que evidentemente non se fixo sen friccións, estivo arrodeada dun aceptábel consenso e non foi de balde. O novo Executivo terá que valorar cal é o custo de desandar agora a camiño, porque desmantelar a estrutura non parece a mellor maneira de confrontar a crise que azouta a economía mundial. De momento, nada se sabe ao respecto, entre outras cousas porque Feijóo aínda non explicitou o seu modelo cultural, e sen modelo dificilmente pode haber unha idea precisa de cal debe ser a fórmula institucional.

LINGUA GALEGA. O Partido Popular está convencido de que a liberdade lingüística consiste, non en respectar o Estatuto de Autonomía, senón en deixar que sexan os pais os que elixan a lingua na que os seus fillos serán escolarizados. A escolla, como nas listas electorais, non é aberta: as opcións son o castelán, lingua oficial en Galicia, e o galego, lingua oficial e “lingua propia” de Galicia, en ambos casos segundo o Estatuto aprobado en referendo en 1981. Independentemente das dificultades técnicas coas que o PP vai tropezar na aplicación deste modelo no sistema educativo, especialmente se pretende reducir o gasto da Administración, a renuncia á política de discriminación positiva da lingua e de implantación progresiva do galego nas aulas é o primeiro paso atrás da normalización lingüística dende a chegada da democracia. De feito, nin sequera ten precedentes do Partido Popular, que gobernou durante vinte e tres anos a Xunta de Galicia e que sacou adiante, en distintos treitos e con distintos protagonistas, o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización Lingüística. Calquera destas leis ten máis transcendencia que o decreto de implantación do galego do ensino que parece funcionar como faísca para a reacción de Galicia Bilingüe e o Partido Popular. Con todo, alén do relato dos feitos, o modelo que Núñez Feijóo quere implantar en Galicia pon nunha difícil situación aos sectores tradicionalmente vencellados á lingua. Se as políticas de promoción que até agora se aplicaron partían da base (científica) de que o galego necesitaba un impulso para non esmorecer baixo a forza do castelán –lingua de Estado, cuxo coñecemento é obrigado pola Constitución Española– e do cambio social operado no país dende a segunda metade do século XX, isto é, a migración dos galegos dende contornos galegófonos (o rural) a outros maioritariamente castelanófonos (as cidades). Sendo así, é de supoñer que en ausencia de políticas de apoio, o galego empezará de novo a perder falantes, e por cada falante perdido hai un lector perdido. O sector da edición, e sobre todo os escritores e escritoras en lingua galega, serían directamente prexudicados e están empezando a reaccionar. Nunca antes o idioma que constitúe a súa ferramenta de traballo sufrira unha agresión semellante en democracia, nin sequera nos momentos máis agresivos do fraguismo. De momento, non hai unidade, pero é probábel que opoñan tanta resistencia ao cambio de modelo lingüístico como os docentes e os sindicatos no ensino.

A CUESTIÓN NACIONAL. Cando Xosé Luís Méndez Ferrín recolleu o ano pasado o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Literatura sabía que era o primeiro que recibía esa homenaxe. O que non sabía é que podía ser o último. Os Premios Nacionais son unha creación do bipartito. Criticados dende algúns sectores precisamente por non estar aínda mellor dotados economicamente (15.000 euros cada un), viñan a equiparar a cultura galega á cultura española. O adxectivo “nacional”, frecuente na retórica da beira nacionalista do Goberno, debera ser incómodo para un Partido Popular que tivo serias dificultades para entenderse cos socios do bipartito para negociar unha reforma do Estatuto de Autonomía. Así as cousas, haberá que ver que é o que acontece cos premios e con todo o sarillo institucional que leva ese verniz nacional. Manuel Gallego Jorreto, Manuel Lourenzo, Francisco Leiro, Margarita Ledo Andión, o Museo do Pobo Galego, o Laboratorio de Formas, Mercedes Peón, a remodelación urbana de Pontevedra, Francisco Díaz-Fierros e o propio Méndez Ferrín poderían ser os primeiros e os últimos Premios Nacionais da Cultura Galega, pero o que sería máis grave é que se desmontase o nacente aparato de proxección internacional dos produtos culturais galegos, artellado, claro, en clave de país.

PROXECCIÓN EXTERIOR. A Lei do Libro que o bipartito conseguiu sacar adiante contemplaba, entre outras medidas que xa están en funcionamento, a creación dun Instituto Rosalía de Castro dedicado á promoción da literatura galega no exterior. Rematada a lexislatura, non chegou a poñerse en marcha unha ferramente que os editores consideran imprescindíbel, tendo en conta os excelentes resultados que operacións semellantes deron, por exemplo, en Irlanda. Con todo, a literatura galega viaxou durante os últimos catro anos. Con capítulos tan polémicos pola teimosía do Partido Popular e de certo medio de comunicación, como foi o da presenza galega na Feira do Libro da Habana, e con outros moitos que se levaron coa discreción dunha misión comercial, a Consellaría de Cultura de Ánxela Bugallo impúxose o obxectivo de introducir o libro galego no mundo a través dun crecente calendario de participación en foros internacionais e coa creación dunha marca paraugas (Galician Way) e outras submarcas (Galician Books, Galician Tunes, etc) que visibilizasen os produtos culturais galegos no mundo. Non só porque Galicia se alcumase “país convidado” nalgúns destes foros é este un labor indisociábel das reclamacións soberanistas e da cuestión identitaria. Se o Partido Popular renuncia aos avances destes últimos catro anos por rectificar este verniz nacional, podería botar por terra o esforzo dun sector que aínda quere ir máis alá coa aposta polos mediadores, tanto polos axentes literarios como polos scouts que asesoran ás editoras sobre as novidades que se producen en todo o mundo. A vindeira edición da Feira de Boloña, especializada no libro infantil e xuvenil, un dos campos nos que mellor está a funcionar a literatura galega a nivel internacional, a través do traballo pioneiro de Kalandraka, entre outros selos, ha ser un bo observatorio do que vai acontecer no futuro. Celebrarase a finais deste mes de marzo, xusto nos días previos ao traspaso oficial de poderes na Xunta de Galicia, e se o Partido Popular, que porfía nestes últimos días en acelerar todo o proceso para non perder un minuto na xestión, descoida este extremo, poderanse tirar conclusións do escenario futuro. As presenza en feiras profesionais (ou non necesariamente) deste tipo, á parte da rendibilidade en termos identitarios ou políticos, supón volume de negocio para o sector, e as editoriais que facturan boa parte da súa produción en Latinoamérica ou nos países asiáticos sábeno ben.

CIDADE DA CULTURA. A credibilidade de Ánxela Bugallo como conselleira de Cultura, tanto no seo do seu partido como de cara a certos sectores do electorado de esquerda, empezouse a crebar no monte Gaiás. Deixando a un lado a oposición furibunda dalgún medio de comunicación, que non se circunscribiu a este asunto, Bugallo pagou un prezo moi alto por non paralizar a Cidade da Cultura e, aínda máis, por dar entrada ao capital privado na mastodóntica infraestrutura cultural de Peter Eisenmann. A posición do bipartito a respecto deste “problema” herdado da etapa de Fraga partía dunha premisa básica, mestura de cautela orzamentaria e responsabilidade política, non suficientemente explicada: non se podía paralizar un proxecto que supoñía un esforzo case inasumíbel para a Administración autonómica. Así as cousas, nada facía prever que fose o Partido Popular, a quen se lle debe a posta en marcha deste proxecto, quen puidese ter a coraxe política de reformular, cando menos temporalmente, nun contexto de crise como o actual, as custosísimas obras do Gaiás. A xulgar polas declaracións de Alfonso Rueda que mañá vai publicar Xornal de Galicia, esa posibilidade existe. Evidentemente, o partido non vai renunciar ao proxecto que significa tanto para o seu presidente-fundador, Manuel Fraga, pero o número dous de Feijóo parece suxerir que se podería paralizar a construción de algúns dos edificios aínda sen empezar. Entre outras cousas, o Gaiás non encaixa demasiado ben na política de austeridade que queren aplicar en San Caetano, e recordarlle ao presidente do Goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, que a Cidade da Cultura era “un proxecto de Estado”, e que debe ser consecuente con iso colaborando no financiamento da súa posta en marcha, non parece a mellor solución ao problema. Se finalmente se intervén no plano de obras, aínda que só fose para adiar algunha das pezas e limitar o gasto público, boa parte do electorado de esquerda ficaría pampo. Como confesaba o escritor carballés Xurxo Borrazás durante a entrevista que segue a estas páxinas, isto demostraría que era posíbel facelo, e que se o bipartito necesitaba tempo para repensar o proxecto e dimensionalo consonte á conxuntura actual, non era ningún drama paralizar os traballos no monte Gaiás. O Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo, apoiado na mesma desmemoria do electorado que lle ha permitir tamén reformar o modelo de medios públicos despois de mantelo durante dúas décadas no inmobilismo impoñéndose a calquera intento de modernizalo e democratizalo, tanto no Parlamento como no mundo profesional, podería agora demostrarlle ao bipartito que sen os complexos acumulados durante anos de oposición na cámara do Hórreo as cousas vense moito máis claras.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.