O vindeiro día 25 no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña terá lugar a entrega dos premio María Casares, galardóns de carácter anual que dinstinguen as producións escénicas galegas feitas en lingua galega. Outórganse no ámbito da comunidade autónoma ás montaxes estreadas durante o ano anterior á súa concesión e a todos os profesionais que nelas participan.
Creados e promovidos no ano 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cumpren a misión de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega na súa integridade, dende os maquilladores, vestiaristas, iluminadores,
músicos, guionistas, adaptadores, tradutores, autores, escenógrafos, iluminadores e directores ata o corpo actoral.
Os galardóns constan de trece categorías ou apartados representativos do traballo realizado, tanto diante como detrás do telón, ademais do Premio de Honra "Marisa Soto" para o que xa foi elegida a xornalista Ana Romaní, son os que se numeran a continuación: Maquillaxe, Vestiario, Iluminación, Música original, Adaptación/Tradución, Texto original. Escenografía, Actor secundario,
Actriz secundaria, Actor protagonista, Actriz protagonista, Dirección e Espectáculo.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa a preto de 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia, cuxa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público.
Ao longo de 25 anos de traxectoria dende a súa constitución en 1984, a AAAG foi consolidando a súa representatividade e gañando posicións. Hoxe é o interlocutor de referencia entre as administracións públicas e o sector empresarial escénico e audiovisual e un dos axentes culturais con máis presenza pública en Galicia. E todo cun papel proactivo, que se singulariza polo lanzamento de iniciativas produtivas que contribúen a xerar emprego para os asociados.
En materia laboral e de representatividade sectorial a asociación reivindica melloras e trata de garantir o cumprimento dos convenios; presta asesoramento laboral e xurídico aos socios; xestiona unha bolsa de emprego e actualiza un catálogo de profesionais asociados, en versión impresa, dixital en formato DVD e on line. Ademáis organiza cursos de formación e ofrece unha axenda con información sobre eventos, cástings, cursos e bolsa de traballo, mantén unha biblioteca virtual de textos de teatro e lecturas dramatizadas e elabora estudos e informes sobre o sector.
Logo de 25 anos de vida, na actualidade a Asociación de Actores e Actrices de Galicia está inmersa nun proceso de reformulación expansiva das suas funcións e servizos, que se traduce na ampliación do seu cadro de persoal e na presentación dunha oferta de actividades que garanta o necesario equilibrio entre a continuidade de acción, cuxa utilidade social foi debidamente contrastada, obtendo un constante recoñecemento e respaldo fi nanciero por parte do IGAEM, con outros novos servizos para atender a un espectro maior de públicos, desde un enfoque de fomento da demanda cultural en Galicia e de apoio á vertebración do noso sector escénico e audiovisual.
As razóns que levaron á Asociación de Actores e Actrices de Galicia a bautizar os galardóns da escena galega co nome de María Casares vense sustentadas na propia biografía e nunha dilatada carreira profesional, merecedora de lle render homenaxe, de quen foi a primeira actriz galega de proxección internacional.
A historia dos Premios María Casares de Teatro remóntase ao ano 1997, trece anos antes desta última edición, cando por iniciativa da Asociación de Actores e Actrices de Teatro de Galicia se instituiron os primeiros premios que recoñecían a labor dos profesionais que fan teatro en galego dentro na nosa comunidade autónoma, enchendo un oco baleiro ata o momento no eido do recoñecemento e estímulo aos artistas e os técnicos da escena do país.
Os premios son concedidos dende o criterio dos propios compañeiros de profesión, integrados nun censo de electores conformado polos 300 asociados da AAAG, todos os gañadores e fi nalistas das edicións anteriores, os programadores de toda Galicia, os críticos e estudosos teatrais. A idea é promocionar e colocar o teatro no lugar que merece dentro das artes e da cultura.
A convocatoria dos Premios María Casares de Teatro realízase todos os anos facendo coincidir o seu fallo e entrega coa celebración do día Mundial do Teatro, o 27 de marzo. Cando coincide esta data cun día entre o venres e o domingo postérgase ou adiántase na semana. Este é o caso da presente edición, que por iso se celebra o día 25, mércores, no Teatro Rosalía da Coruña. Dende 1997 foron ducias de actores, actrices, maquilladores, deseñadores, músicos, autores, escenógrafos, directores, compañías e promotores a prol da dramaturxia galega que viron recoñecido o seu traballo e dedicación.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acordou outorgar o Premio de Honra "Marisa Soto" 2009 dos Premios de Teatro María Casares á escritora e xornalista Ana Romaní (Noia, 1962), como recoñecemento do seu labor a prol do teatro, o audiovisual e da cultura galega en xeral, á fronte do Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe dende hai 19 anos. Romaní recibirá o premio o próximo día 25 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, no transcurso da XIII Gala dos Premios de Teatro María Casares que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
O Diario Cultural é un dos programas diarios de información cultural máis veteranos da radiodifusión galega. Comezou en 1990 e concíbese como un espazo de información, plataforma de divulgación cultural e foro de refl exión e debate atento ás novas fórmulas artísticas e creativas.
O Premio de Honra Marisa Soto 2009 súmase ós numerosos recoñecementos á traxectoria de Ana Romaní como: I Premio Irmandade do Libro (1992). Premio Xerais á cooperación no labor cultural (1999), Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural (2002), Premio da Asociación de Escritores en lingua Galega (2007),
Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007) e Premio Atlantida á xornalista radiofónica do Gremi de De Actores de Catalunya (2008).
Os nominados son como mellor espectáculo "Unha primavera para Aldara" do Teatro do Atlántico "Obra.No comment" de PT Excéntricas e "Aeroplanos" de Lagarta lagarta.
Mellor dirección: Candido Pazó por " E ti, quen vés sendo?" de Talía Teatro; Quico Cadaval por "Obra. No comment" de PT Excéntricas e Xulio Lago por "Unha primavera para Aldara" Teatro do Atlántico.
Mellor actriz protagonista: Elina Luaces por "O club da calceta" de Teatro do Morcego; Luisa Merelas por "O club da calceta" de Teatro do Morcego e María Bouzas por "Unha primavera para Aldara" de Teatro do Atlántico
Mellor actor protagonista: Ernesto Chao por "Aeroplanos" de Lagarta lagarta; "Víctor Mosqueira" por "Obra (No comment)" de PT Excéntricas e X. M. Olveira "Pico" por "Aeroplanos" de Lagarta lagarta.
Mellor actriz secuntaria, Belén Constenla por "Unha primavera para Aldara", Lucía Regueiro por "Unha primavera para Aldara" e Rebeca Montero por "A boa persoa de Sezuán" do Centro Dramático Galego-
Mellor actor secundario: Artur Trillo por " E ti, quen vés sendo?" de Talía Teatro, César Cambeiro por "A boa persoa de Sezuán" e Josito Porto por "Dame veleno, eu tamén soñar" de Sarabela.
Mellor escenografía: Antonio Pereira por " Dame veleno, eu tamén soñar" de Sarabela Teatro,
Baltasar Patiño por "Obra (No comment)" de PT Excéntricas, Carlos Alonso por "Unha primavera para Aldara", Fernando Ribeiro por "A boa persoa de Sezuán" ePablo Giráldez "Pastor" por "Bailadela da morte ditosa" de Teatro de Ningures
Mellor texto original: Candido Pazó por " E ti, quen vés sendo?", Quico Cadaval por " Obra (No comment)e Teresa Moure por "Unha primavera para Aldara"
Mellor adaptación ou tradución: Avelino González e Olga F. Nogueira por "Aeroplanos", María Reimóndez e Celso Parada por "O club da calceta" e Pancho Pillado por " Náufragos" do Teatro Galileo.
Mellor música original: Fran Pérez "NARF" por " A boa persoa de Sezuán", "Manecas Costa" por "Humor neghro" de Abada Teatro e Suso Alonso por " Obra (No comment)".
Mellor iluminación: Afonso Castro por "Periferia Voadora", Baltasar Patiño e Octavio Más Obra por "No comment" e Xúlio Lago por "Unha primavera para Aldara".
Mellor vestiario: Carlos Alonso por "Unha primavera para Aldara", Clotilde Vaello por "Frida" e
Ruth D. Pereira por "Dame veleno, eu tamén soñar".
Mellor maquillaxe: Cristina Couto por "Dame veleno, eu tamén soñar", Fany Bell por "Periferia Voadora" e La Canalla Game Over caChuzo.
"Unha primavera para Aldara" con nove nominacións é a obra da escritora Teresa Moure, xa recoñecida co XIII Premio Rafael Dieste de Teatro que se desenrola na época da grandes loitas irmandiñas, no século XV, pero as súas personaxes abordan temas universais como a igualdadede xéneros.

