A boa temporada que está a realizar este ano o Deportivo non está a pasar desapercibida e fai, incluso, que moitos conxuntos se interesen por facerse cos servizos de xogadores branquiazuis. É o caso de Juan Rodríguez, quen, segundo o diario británico Daily Mirror, está na órbita do Everton inglés.
Como publicaba onte o rotativo británico, o Everton está a planificar xa a próxima temporada e neste proxecto podería ter cabida o mediocentro andaluz. David Moyes, director deportivo do conxunto inglés, ten os seus ollos postos en Juan Rodríguez. Segundo o xornal, Moyes quere ao xogador branquiazul para reforzar a súa liña medular.
A información engade que Moyes incluso enviou a un observador a Galicia para ver en directo as actuacións do deportivista na Liga española. Ademais, como indica o Daily Mirror, o director deportivo do Everton quere averiguar, á maior brevidade posible, cánto custaría un hipotético traspaso e qué salario esixiría o futbolista do Dépor.
Porén, en declaracións a Xornal de Galicia, o representante de Juan Rodríguez, Manuel García Quilón sinalou que o Everton non se puxo en contacto con el para interesarse polos servizos do xogador. "Sei que hai rumores na prensa inglesa de que o Everton podería querer a Juan Rodríguez, pero connosco ninguén falou aínda", afirmou García Quilón. O futbolista finaliza o seu contrato co club branquiazul en 2011 e ten unha cláusula de rescisión de 20 millóns de euros.
O mercado aínda non se move
No que atinxe á chegada dun observador inglés para seguir o xogo do futbolista en directo, o representante do futbolista andaluz indicou que "é unha práctica moi normal agora na Premier League, xa que como o rendemento dos xogadores españois alí está a ser moi bo, envían a expertos para ver se se poden levar a algún xogador máis.
Pero non veñen ver a propósito a Juan Rodríguez, senón que se fixan en moitos xogadores do campionato español". O caso máis próximo sería o do propio Everton, no que milita dende 2005 o centrocampista español Mikel Arteta, que xa é unha estrela na Premier League e mesmo chegou a lucir o brazalete de capitán do club británico.
Ademais, García Quilón cre que, polo de agora, é demasiado cedo para que comecen a circular os rumores de posibles fichaxes ou para que se produza algunha oferta formal. "O mercado aínda non se empezou a mover. Eu creo que ata que falten tres ou catro xornadas para o final da Liga non se producirá ningunha novidadade. Polo de agora son todo rumores", afirmou onte o representante do xogador andaluz.
Juan Rodríguez entra no perfil que está a buscar David Moyes, xa que o director deportivo quere incorporar ao Everton a un centrocampista polivalente e combativo, como é o caso do xogador deportivista.
Precisamente, a desta fin de semana será a primeira xornada que se perda Juan Rodríguez no que vai de temporada. No Molinón, o xogador deportivista recibiu o seu quinto cartón amarelo e, por tanto, non poderá estar este domingo ante o Betis por sanción. Para o andaluz será o primeiro partido de Liga que viva dende a grada, xa que este ano xogou tódolos partidos (21 como titular e 6 saíndo dende o banco), converténdose así nunhas das pezas máis usadas por Lotina.

