Por que un estudo da significación do Mapa Sociolingüístico de Galicia demora tanto en publicarse e cando o fai pasa desapercibido sen que os seus responsábeis, ou cando menos os seus promotores, fagan algo para evitalo? Como se explica, se o diagnóstico é tan alarmante, que non se empregase para desarmar a tempo a campaña demagóxica e cientificamente insustentábel de Galicia Bilingüe durante a campaña electoral? Cal é a razón de que un traballo semellante, chamado a ser o estudo de referencia para a elaboración das futuras políticas de normalización lingüística, non conte co respaldo dos principais expertos na materia? E sobre todo, a quen beneficia que hoxe sexa posíbel facerse todas estas preguntas?
O escenario que vén, coas políticas recesivas previstas polo PP, demanda dos defensores da lingua unha actitude firme e razonábel que calquera sociedade madura poida avaliar e asumir responsabelmente, pero cada conxuntura esixe unha acción proporcionada e exceso case nunca é sinónimo de eficacia. Polo dicir doutro xeito, non parece que o golpe no peito de Ciudadanos, preocupadísimos agora pola “expansión” do galego en Asturias, ao que disque lle hai que poñer freo dende a Xunta de Núñez Feijóo, lle vaia facer ningún favor á causa castelanizadora, como tampouco as declaracións do director de Doñana, suponse que en defensa do lince ibérico, son o bálsamo que precisa o Goberno español para suavizar a oposición da Igrexa á reforma da lei do aborto. Xa o advertira o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, en Xornal de Galicia: algunhas pólas do nacionalismo non lle fan moito ben ao conxunto.
Nalgún momento alguén terá que explicar por que, malia a haber unha nova edición do Mapa Sociolingüístico con datos de 2004 na gaveta, algúns dos investigadores máis competentes seguen a tomar como referencia dous traballos anteriores, a saber, a primeira entrega do propio mapa, de 1992, e a Enquisa sobre as condicións de vida das familias realizada polo Instituto Galego de Estatística de 2003. Despois de todo, o estudo –que se está a distribuír estes días nas librarías– foi financiado pola Xunta de Galicia durante o último mandato de Manuel Fraga e elaborado pola Real Academica Galega.
Ningún dos traballos de campo, fose cal fose o universo da mostra, deu nunca resultados positivos para a lingua galega. Se se priorizaron os contornos urbanos e se puxo o límite dos consultados nos 55 anos, deixando fóra dúas das reservas tradicionais do galego, os maiores e as vilas de menos de 5.000 habitantes, alguén terá que explicar a que responde a decisión, que se persegue con ela, se é lícita ou non é dende o punto de vista estatístico, que impacto ten nos resultados finais e que cómpre facer en diante, se é posíbel estabelecer comparacións entre as dúas edicións do mapa ou se polo contrario non é tecnicamente aceptábel e alguén ten que rectificar.
As medidas que prepara o novo Goberno supoñen o primeiro retroceso da normalización lingüística dende a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981, pero iso non quere dicir que a xestión do PP fose impecábel. Os gobernos da dereita lexislaron en positivo, diso non hai dúbida. Foron eles os que introduciron no sistema educativo a política de cotas, que debía garantir a progresiva galeguización das aulas. Porén, como o outro descansou ao sétimo día, os gobernos conservadores aprobaron a norma e deixaron facer. Talvez iso explique que case o 11% dos galegos que hoxe teñen menos de 18 anos recibiran toda a súa formación en castelán e só en castelán, algo que está tan prohibido como deixar o coche aparcado enriba dunha beirrarúa.
PROCESO HISTÓRICO CENTRALISTA
Malia a todas as cautelas posíbeis, os datos son outra volta negativos. Aínda sen trazar paralelismos coa situación de 1992, o diagnóstico demostra que a discriminación positiva do galego non foi en por si suficiente para dar volta nestes vinte anos ás consecuencias negativas do que o Estatuto, ese marco de consenso que apoiaron en 1981 forzas políticas tan pouco sospeitosas de estar ao servizo do nacionalismo como UCD, PSOE ou AP, chamaba “o proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos”.
A pedagoxía social e política vai ser moi importante nos vindeiros catro anos. Non só haberá que explicarlle ao goberno que as consecuencias dunha política pasiva con respecto ao galego pode derivar nun novo periodo de recesión democrática, porque ha furtar dereitos a unha parte importante da poboación, senón que se imporá tamén o labor de explicarlle á outra metade do país que discursos alentan atrás da consabida “liberdade lingüística” á que apelan algúns. Esa pedagoxía, que antes faltou, como faltaron outras actitudes entre as forzas do bipartito, terá que facerse con xeito. Non vale calquera estratexia.
En democracia, guste ou non guste, a aritmética electoral é irrefutábel. Así as cousas, non parece existir mellor maneira de perder a dura e longa batalla da lingua que entregala a unhas siglas determinadas, por activa ou por pasiva, por exceso ou por defecto, unhas ou outras, porque se o conto se reduce á colisión de tres modelos distintos, un por partido, como se se tratase de apostar por un modelo do IRPF ou outro, deciden os números. E aí, dende o 1 de marzo, Feijóo gaña.
Ilustración de Pilón Tabarés
