A Mesa pola Normalización Lingüística fíxose onte eco dos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, estudo elaborado pola Real Academia Galega e financiado pola Consellería de Presidencia, e que analiza os usos lingüísticos dos habitantes da comunidade dende 1992 e ata 2004. A asociación, por boca do seu presidente, Carlos Callón, defendeu que os datos tirados deste estudo reflicten que o galego “está nunha situación de emerxencia”.
Segundo Callón, comparando este estudo co anterior realizado na década dos noventa “en doce anos duplicouse o número de persoas que nunca falan galego, do 13 ao 25 por cento”. Amparándose nestes datos, a Mesa advirte de que “tomar agora medidas contra o galego, como as propostas polo PP, pode ser letal”, e nese senso, chama á manifestación que convocou, inmediatamente despois do resultado das eleccións autonómicas, “en defensa da lingua galega” para o vindeiro 17 de maio.
Foi tamén tras os comicios do 1 de marzo cando o segundo volume do Mapa Sociolingüístico, dedicado aos ‘usos lingüísticos’ comezou a ser distribuído nas librerías galegas. “Chama a atención que non se lle dese máis repercusión á saída deste estudo, por iso, e ante o alarmante dos datos, o facemos nós dende a Mesa”, comentou Callón a este xornal.
Segundo recolle a asociación, ademais de duplicarse o número de persoas que nunca falan galego tamén se “dividiu á metade o número de persoas que din falar habitualmente galego” comparando este estudo cos resultados do anterior datado en 1992.
Os datos analizadosonte pola Mesa revelan que “se está a producir unha forte relación inversa entre o uso do galego e o maior nivel educativo, mostra dun proceso castelanizador das escolas”. A asociación compostelá advirte de que “ o 10, 7 por cento dos menores galegos recoñecen que recibiron un ensino só en castelán a pesar do anterior decreto”. Callón aproveitou a rolda de prensa na que ofreceu estes números para cargar as tintas contra as políticas lingüísticas do PP, xa que Manuel Fraga gobernou a Xunta de Galicia durante os anos que abarca este último estudio da Real Academia.
“As conclusións que se extraen do anterior mandato do PP son contundentes e desmontan, máis unha vez, a demagoxia e a falacia deste partido sobre o galego no ensino”, dixo o dirixente da asociación. “A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3 por cento, fronte ao 85,7 por cento do castelán” reza o Mapa Sociolingüístico de Galicia. A teor destes datos a Mesa pola Normalización Lingüística concluiu que “o galego é a lingua máis desamparada, porén pode revitalizarse se se toman as medidas para iso”. Callón fixo un “chamamento de urxencia aos poderes públicos e a reflexión de todos os galegos e galegas para que o idioma siga vivo”.
BILINGÜES EN CASTELÁN
Segundo os datos dados a coñecer onte pola organización “amósase unha tendencia xeral a utilizar máis o castelán que o galego entre a xente que se autodefine como bilingüe”. O volume ‘Usos Lingüísticos’ afirma que a menor tendencia ao bilingüísmo dentro da comunidade galega dase en aquelas persoas que teñen o castelán coma lingua inicial.
Por outro lado, a Mesa incidiu onte na diferenza de uso da lingua galega segundo o ámbito urbano. “A maior presenza monolingüe en galego dáse nos espazos de menos de 5.000 habitantes, nun 40,5%, mentres que a presenza do castelán nas cidades é do 35 por cento”. Segundo as teses do texto o monolingüismo en lingua castelá tería avanzado nas cidades nestes últimos existindo un 35,8 por cento da poboación urbana que nunca fala en galego. “As cidades con maior uso de castelán son Ferrol, cun 85 por cento da súa poboación, e Vigo e A Coruña, que coinciden cunha porcentaxe do 81,9 por cento dos cidadáns”.
Pero, cales son as cidades galegas que contan cun maior número de falantes en galego que son monolingües? Os valores máis altos corresponden, segundo a valoración da Real Academia, á provincia de Lugo onde o 13,4 por cento da poboación só usa o idioma galego mentres que en Santiago de Compostela é o 13,2 por cento do censo. A Coruña e Vigo seguirían a ser as dúas urbes nas que menos galegos falan o idioma propio da comunidade como único vehículo de expresión (un 4,3 e un 3,4 respectivamente).
Con estes datos a situación do galego semellaría estar, tal e como defende a Mesa pola Normalización Lingüística, “nunha situación de emerxencia”. Pero non todas as lecturas son as mesmas.
Henrique Monteagudo, sociolingüista e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, afirma que o panorama non pinta tan negro para o galego. “Aínda existindo cambios políticos que puidesen hipoteticamente prexudicar ao galego, en catro anos non se vai acabar cunha lingua. En Galicia a situación non é desesperada aínda que se están a producir cambios moi acelerados”. Pola súa banda, outro recoñecido lingüista, Anxo Lorenzo, entende que amparándose no estudo do ano 2003 do Instituto Galego de Estatística “ a situación é estable, xa que non se están a perder galegos a eito. O que existe é unha maior polarización entre o uso de ambas linguas”.
Os datos dados a coñecer onte pola Mesa da Normalización Linguística extraídos do último volume publicado do Mapa Sociolingüístico de Galicia debuxan un panorama preocupante para a pervivencia da lingua galega. Porén hai que ter en conta que o estudio realizado pola Real Academia Galega e financiado pola Consellería de Presidencia utilizou unha mostra de poboación que abranguía a cidadáns galegos de entre 15 e 55 anos, deixando fóra a unha franxa de idade que contempla un gran número de galego falantes na comunidade. No lado oposto á postura da Mesa atópanse outras asociacións e incluso formacións políticas que entenden que é a lingua castelá a que se encontraría en Galicia nunha situación de “indefensión”. Galicia Bilingüe e UPyD xa mostraron ao longo de toda a precampaña e a campaña das eleccións autonómicas a súa postura ao respecto. Onte, a Federación do Norte de España de Ciudadanos solicitou a Alberto Núñez Feijóo, en calidade de futuro presidente da Xunta, que “non só cumpra coa súa promesa de derrogar a Lei de Normalización Lingüística” senón que “poña freo á expansión do galego en diversos pobos de Asturias, iniciada polo BNG”. Nunha nota de prensa o partido di que “Ribadeo e Castropol e Figueres están a sufrir a irracionalidade nacionalista”.

