Nin as múltiples denuncias políticas, nin as acusacións do Seprona, nin a investigación xudicial aberta. Danigal, empresa que xestiona o vertedoiro de Sogama na Areosa, continúa a contaminar o río Lengüelle. Fotos recentes -deste mesmo mes- ás que tivo acceso este diario, demostran como os terreos da Areosa seguen a verter lixiviados en gran cantidade aos regatos achegados.
A cor óxida da marxe do rego demostra a intensa contaminación que soporta o rego e que provén das tubaxes e incluso directamente do vertedoiro. O Xulgado de Instrución número 1 da Coruña ten aberta unha investigación por presunto delito ambiental desde o ano pasado tras a morte de 3.000 troitas.
Precisamente, un informe do Seprona que adiantara Xornal de Galicia, e incluído nas dilixencias do proceso, acusaba a Danigal de verter "intencionadamente" lixiviados ao regato da Areosa para aforrar custos na depuración. "É unha actividade absolutamente intencionada e claramente dirixida a desprenderse dos lixiviados da forma máis rendible", aclaraba a Garda Civil, que insistía en que a empresa que xestiona o vertedoiro de Sogama "non depura a totalidade dos lixiviados nin as augas pluviais residuais para abaratar os custos de depuración que mensualmente liquida con Sogama".
Segundo a Benemérita, a lóxica de Danigal era clara: "Canto menos lixiviados se depuran, menos diñeiro se liquida con Sogama". Para o Seprona, os vertidos non eran "accidentados" pero si "continuados", tamén agora, meses despois do inicio da investigación e de que viran luz as graves denuncias da Garda Civil. Ademais, e tal e como adiantara este diario, o vertedoiro da Areosa só depura un terzo dos lixiviados que produce, uns 300.000 dos 900.000 litros diarios que saen da zona.
Na investigación aberta polos vertidos tóxicos ao Lengüelle hai xa implicadas once persoas: nove operarios de Danigal e dous de Sogama. A compañía que xestiona o vertedoiro da sociedade pública foi acusada, ademais, doutras graves irregularidades medioambientais.
De feito, o Sigre xa confirmou que denunciará a empresa, encargada de xestionar os restos farmacéuticos en Cerceda, logo de comprobar que estivo seis anos botándoos nun vertedoiro en lugar de incineralos. Ademais, un terreo da súa propiedade acolleu durante ano e medio 5.000 toneladas mensuais de residuos da Coruña sen autorización.

