“Lois Pereiro é un escritor como de secta secreta”. Así define Iago Martínez, un dos directores de Contra a morte, o espazo que ocupa na actualidade un poeta que está a ser reivindicado para o Día das Letras Galegas, e que el e Alexandre Cancelo deciden recuperar nesta película. A rodaxe comezou o luns con Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro no pub Filloa da Coruña, e continuará ata finais de abril en localizacións como Santiago de Compostela, Tui, Monforte de Lemos, Madrid e cidades alemanas como Berlín e Hamburgo.
Son todos lugares e persoas que o poeta frecuentou. Conta Martínez que Rivas “foi un dos introdutores de Pereiro nos ambientes galeguistas de Madrid” e que “o convidou a participar no que sería De amor e desamor –antoloxía de 1984–”, polo que a súa inclusión nesta obra biográfica era indispensable. De feito, o xornalista coruñés e o monfortino foron cofundadores da revista Loia xunto con Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño, entre outros, plataforma de lanzamento para o poeta, que remataría formando parte do seu libro póstumo Poemas para unha Loia (1997).
Vida curta e intensa
En vida, publicou só dúas obras antes de morrer de sida: Poemas 1981/1991 (Positivas, 1992) e Poesía última de amor e enfermidade (Positivas, 1995). Foron suficientes para se gañar o respecto dos intelectuais galegos, entre os que se conta César Antonio Molina, quen, como recoda Martínez, “foi o responsable da aparición de Pereiro nunha antoloxía de poetas españois na editorial Anthropos”.
O ministro de Cultura aparecerá tamén, xunto a outros especialistas, neste documental que se achega ao xornalismo, con moitas entrevistas e unha suxerente metodoloxía: “Traballar cun guión pechado, pero coa firme vocación de rebentalo”.